As Pontes reuníu por vixésimo ano a afeccionados ós fungos e cogumelos

140

[Diario de Ferrol] Non se cumpren tódolos días vinte anos e a xornada de onte non podía defraudar, a pesar da choiva que obrigou ós asistentes a trasladar a celebración da rúa ó interior de moitos bares e establecementos da localidade. O patio do colexio Santa María foi o centro neurálxico da Feira dos Fungos e os Cogumelos organizada polo Concello pontés, que se enchegou de colorido con moreas de exemplares de diferentes especies.


O momento álxido do certame foi o tradicional concurso de cestas de fungos, que nesta edición dispuxo de máis de 1.000 euros para repartir en premios ós gañadores. Os participantes na competición presentaron as súas cestas cunha escolla de, polo menos, dez variedades diferentes de cogumelos silvestres. Os exemplares mellor presentados e máis difíciles de atopar fixéronse cos diferentes galardóns, o máximo dotado con 300 euros.
Pero tamén os visitantes que non tomaban parte na competición puideron achegarse ó mundo da micoloxía, así como participar en outras actividades paralelas. Ademais de contemplar as numerosas cestas de fungos e cogumelos e unha exposición adicada ó tema da micoloxía, a edición deste ano incluía como novidade unha xornada de artesanía en vivo, organizada pola Asociación de Artesáns do Eume.
Degustación > Chegada a hora do xantar, a carpa instalada no recinto encheuse de comensales para degustar o menú deste ano, deseñado polos cociñeiros Jesús Blanco Rey e Luís Tuñas, dous vellos coñecidos do certame. Cos fungos como protagonistas absolutos, este ano o menú consistía en empanada rechea de fungos variados, arroz cremoso con boletus e carrilleiras de porco ibérico con cóctel de setas en prebe de viño tinto. Como postre, dous dos mellores produtos da comarca do Eume, o requeixo e o mel.
Esta feira naceu en 1989 coa intención de fomentar a afección á micoloxía entre os cidadáns e profundizar no coñecemento das especies que medran nos bosques locais. Vinte anos despois, como quedou patente, o interese segue máis vivo ca nunca.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios