Radio Eume celebra os seus vinte anos de historia cun programa especial de 24 horas de emisión continua

40

[RTVEume] Ao longo das últimas 24 horas en radio Eume cambiáronse os micros por doces, por celebración e sobre todo por festa e lembranzas e é que a emisora cabeceira da nosa vila cumpría 20 anos de vida e a ocasión merecía unha homenaxe coma a brindada nas últimas horas.


Un día enteiro de programación continua e en directo, baixo a batuta do seu coordenador, Xose Cendán, na que non podían faltar, como é lóxico, outras voces que fixeron do 107.5 da Fm o dial de referencia para moitos e moitas dos nosos veciños e veciñas.
José Bernardino Mouzo O Chato, Carlos Consentino, José Coello, José Luis López, Paula Pereira, Roberto Rego ou Ángel Cartelle, colaboradores e artífices de diferentes espazos radiofónicos destes 20 anos de existencia, tamén tomaron parte nesta cita para sacar do baúl das lembranzas algunhas das anécdotas vividas tras do micrófono ao que se sumaron as intervencións telefónicas daqueles que tamén axudaron a facer de radio Eume o que é a día de hoxe, un referente da información local.
Por suposto tampouco podía faltar neste importante aniversario un repaso polos éxitos musicais dos últimos vinte anos, en especial, daquel 11 de novembro de 1989 cando, por primeira vez, Radio Eume abría as súas portas baixo a dirección de Fina Blanco, para converterse nun medio de comunicación de todos, tal é así que hoxe calquera que decidise visitar as súas instalacións ou simplemente telefonar para desexar un feliz aniversario tiña a oportunidade de facelo, de coñecer as tripas deste medio e de como con ilusión, traballo e esforzo, se pode chegar a dar vida a un proxecto que se consolida ano tras ano e que comezaba con programación exclusivamente matinal, de 10.00 a 14.00 horas, e que hoxe xa pode presumir de ser unha canle feita e dereita, toda para As Pontes as 24 horas do día.
¡Felicidades Radio Eume, e que cumpras moitos máis!

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios