O lago artificial de Endesa acentúa o risco de movementos sísmicos

43

[Xornal.com] O lago artificial que está a cubrir a antiga mina de lignito que Endesa explotou durante décadas nas Pontes agrava o risco de movementos sísmicos. A lagoa, que está enchida xa a máis do 50% da súa capacidade, supón un proxecto faraónico e espectacular que pretende recuperar un enorme espazo para convertelo nun referente turístico e paisaxístico xa en 2012.


As bondades da obra son evidentes: un lago de tamaño récord, recuperación dun contorno danado pola explotación mineira e un futuro negocio turístico e recreativo para As Pontes e a súa comarca. No entanto, expertos xeólogos e grupos ecoloxistas continúan advertindo dos riscos futuros desta grande obra de enxeñería.
Levan anos avisando e acudindo á Xustiza, pero a velocidade coa que avanza o enchido ponos de alerta de novo. Advirten da calidade das augas, do agravamento do risco sísmico na zona, así como da posibilidade futura dun “pequeno tsunami” que afectaría de cheo ao contorno. “Soa a catastrofista, pero os riscos existen e están baseados en informes científicos”, di Juan Ramón Vidal Romaní, catedrático de Xeoloxía e director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal.
A explicación está na magnitude da lagoa e nos perigos que isto conleva. Unha extensión duns oito quilómetros cuadrados (máis do que o que ocupa a Illa de Arousa), ata 220 metros de profundidade, catro quilómetros de longo, un e medio de ancho e quince de perímetro.
Pero Vidal Romaní céntrase sobre todo na enorme cantidade de auga e na presión que esta exerce sobre o fondo do terreo (case dous millóns de pascais por metro cadrado).
E cal é o problema? Algo tan imperceptible como o movemento das placas tectónicas que provocan fracturas e fallas, roturas na corteza terrestre de quilómetros de longo. Na zona das Pontes hai varias e unha pasa ao carón da mina.
Asociada a esta falla das Pontes hai outras moitas, todas elas en movemento continuo, tal e como demostra con exemplos Vidal Romaní. Unha delas, a de San Andrés de Teixido, xunto ao Cabo Ortegal. “Esa espectacular paisaxe de cantís é un inmenso deslizamento de terreo”, afirma, antes de amosar unha foto que o deixa aínda máis claro. O cruceiro que hai xunto á igrexa desta localidade de Cedeira está inclinado, “pero foi colocado totalmente vertical e non hai tantos anos”. Polo tanto, o terreo móvese. De feito, preto da costa ferrolá, o desprazamento das rochas provocou desprendementos hai pouco.
E cal é o risco nas Pontes? Sobre a falla situábase un sedimento do que se extraeu lignito durante case 50 anos. Nestes momentos, ese enorme furado énchese con auga, que substitúe o freo que exercían os antigos materiais.
É aí onde aparece a presión hidroestática. Como se ve na recreación do Instituto de Xeoloxía da páxina do lado, no caso dun movemento dos planos, a auga inxectaríase con gran presión nos ocos provocados por estas inestabilidades do terreo e a lubricación provocada pola enorme cantidade de líquido favorecería os sismos.
Pero hai máis, xa que no caso de estar completamente cheo o lago, ese movemento de macizo rochoso movería só auga, “o que provocaría un pequeno tsunami local” na lagoa e o desbordamento da auga polo contorno das Pontes. A saída do líquido non tería outro camiño que a canle do río Eume –que alimenta a lagoa xunto coa chuvia– ou os arredores da antigua mina e as localidades cercanas. Se o encoro da Capela estivese cheo, continuaría o seu curso ata a chegar ao parque natural das Fragas do Eume. A isto engádese o perigo da acidez dos lodos acumulados no devandito encoro e que, se desbordasen, seguirían o seu camiño ata a ría de Ares. Un risco de catástrofe ecolóxica”que está aí”, como explica Vidal Romaní, sen falar xa das centrais térmicas e ciclo combinado, a escasos metros.
“A falla acabarase movendo e non sabemos cando, pero si sabemos que será aí”, aclara. Cando? “Non se pode predicir e ese é o verdadeiro problema”, aclara, antes de lembrar que as fallas asociadas á das Pontes provocaron movementos sísmicos de entre 9 e 5,5 puntos en 1724 ou 1761, pero tamén en 1844, 1897 e 1910.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios