Endesa cederá o lago á Xunta pero quedará cos terreos adxacentes

30

O Executivo terá competencia sobre a lagoa artificial desde 2012 pero a empresa manterá os arredores en propiedade
A oposición municipal das Pontes denuncia falta de información (mayo 2007)
[Xornal.com] O enorme lago artificial co que Endesa cobre a antiga mina de lignito das Pontes pasará a depender da Xunta de Galicia en 2012, xusto no momento no que quede enchido, aínda que a empresa manterá responsabilidades ata 2020. Será o organismo autonómico Augas de Galicia o que xestione unha xigantesca lagoa que acentúa o risco de movementos sísmicos, segundo denuncian expertos xeólogos como Juan Ramón Vidal Romaní, catedrático de Xeoloxía e director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da Coruña.


“A Xunta quedará coas competencias sobre o lago e sobre todos os problemas que este conleva, mentres a empresa queda cos terreos darredor e os da escombreira, onde poden facer o que queiran; para eles é un negocio perfecto”, aclara Vidal Romaní, que leva anos denunciando os riscos dunha lagoa cunha superficie de máis de oito quilómetros cadrados, catro quilómetros de longo, case un e medio de ancho, quince de perímetro e 220 metros de profundidade.
“Endesa queda cos terreos adxacentes, que formarán parte dunha negociación pública para poñer en valor todo este espazo”, lembra o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso. “Unha cesión ou unha compra… Non sabemos aínda”, asegura o rexedor, que aclaraba xa a Xornal o pasado sábado que non ten “por que dubidar” dun proxecto que recibiu o visto e prace da Xunta de Galicia, que controla a correcta xestión da enorme superficie de auga. “Eu non son quen de desconfiar da Administración superior que autoriza o enchido da mina”, insistira.
O temor é que, ademais dos problemas que poden derivarse do lago, Endesa acabe aproveitando os terreos para “especular ou facer ubanizacións”, como di Vidal Romaní. “E que vai pasar coa escombreira, a superficie máis grande dun só propietario de toda Galicia?”, replica Moncho Gato, voceiro do BNG, principal partido da oposición nun concello gobernado polos socialistas.
Ecoloxistas e expertos xeólogos levan anos denunciando os riscos que supón unha infraestrutura de tal calibre, especialmente pola enorme presión que a auga canalizada desde o río Eume causa sobre o terreo. O principal problema, tal e como lembra Vidal Romaní, é algo tan imperceptible como o movemento das placas tectónicas que provocan fracturas e fallas, roturas na corteza terrestre de quilómetros de longo. Na zona das Pontes hai varias e unha delas pasa ao carón da mina.
Asociada a esta falla das Pontes hai outras moitas, todas elas en movemento continuo, tal e como demostra con exemplos Vidal Romaní. Unha delas, a de San Andrés de Teixido, xunto ao Cabo Ortegal. “Esa espectacular paisaxe de cantís é un inmenso deslizamento de terreo”, afirma, antes de amosar unha foto que o deixa máis claro. O cruceiro que hai xunto á igrexa desta localidade de Cedeira está inclinado, “pero foi colocado totalmente vertical e non hai tantos anos”. Polo tanto, o terreo móvese.
O risco nas Pontes é que sobre a falla situábase un sedimento do que se extraeu lignito durante case 50 anos. Nestes momentos, ese enorme furado énchese con auga, que substitúe o freo que exercían os antigos materiais.
É aí onde aparece a presión hidroestática. No caso dun movemento dos planos, a auga inxectaríase con gran presión nos ocos provocados por estas inestabilidades e a lubricación provocada pola enorme cantidade de líquido favorecería os sismos.
No caso de estar completamente cheo o lago, ese movemento de macizo rochoso movería só auga, “o que provocaría un pequeno tsunami local” na lagoa e o desbordamento da auga polo contorno das Pontes e ata as Fragas do Eume, co risco que conleva cunha auga cun alto grao de toxicidade. “Sabemos que a falla acabará movéndose, pero non cando, e ese é o problema”, sentenza Vidal Romaní.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios