ENTREVISTA A LUCÍA LEGASPI BOUZA, por Xose Ferreiro

183

A súa carreira tivo un prometedor comezo, sendo varias veces campiona galega (tantas que nin ela mesma sabe cantas) e dúas veces campiona de España, e no ano 1996 chegou a súa confirmación, bronce no Campionato de España Absoluto (aínda sendo xuvenil), bronce no Europeo Junior, bronce no Mundial Junior e elixida mellor deportista de As Pontes, apuntaba con forza de cara os Xogos Olímpicos de Sidney 2000 … Anos despois de deixar a competición, e a piques de ser nai, puxenme en contacto con ela, e agradezolle a súa gran amabilidade por concederme esta entrevista. Ogallá Gema Buitrón e Borja Prieto estean en Londres 2012, pero hoxe en Amigus falamos con unha sensacional deportista que estivo a un paso de convertirse na primeira representante olímpica de As Pontes, LUCIA LEGASPI BOUZA.
Lucia.jpg


– Hola Lucía, gracias de novo por concederme estes minutos, e, contanos, ¿Qué foi da túa vida durante estes anos?
Hola, pois teño que facer memoria, porque xa vai unha década dende que deixei de competir a alto nivel. Resumindo estiven estudiando e traballando. Cando rematei COU trasladeime a Lugo e alí fixen Enfermería, logo cando rematei collín camiño de A Coruña para facer Fisioterapia, entre medias traballei en varios sitios e cando estaba encamiñando a miña vida laboral hacia a Enfermería o destino deu un xiro de 180 grados, e bueno, agora son Policía Local neste Concello, e vou ser nai, se todo vai ben, en Marzo. Pero non me enrollo máis que senón imos ter que escribir un libro, jeje.
– Vaia, vaia, felicidades … ¿Por qué o deixaches? ¿Falta de apoio?, ¿Agotamento?, ¿Pouco tempo libre? ¿Dificultade para compaxinar varias cousas? …
Gracias! Pois é un compendio de todo o que me dis. Resultame moi difícil podelo explicar, é complicado compaxinar os estudios e unha carreira deportiva no nivel no que eu estaba, aparece o agotamento, vives un mundo que nada ten que ver co que vive a xente da túa idade, non tes tempo para os amigos, para a familia…e o final tes que tomar decisións, cousa tamén difícil na idade que eu tiña naquel momento. O que estaba claro é que do Taekwondo non ía a comer nun futuro, así que supoño que iso foi o que me decidiu á hora de deixar de competir. O nivel no que estaba neses momentos obligabame a ter que deixar o meu pobo, a miña familia, amigos, e irme con unha beca ADO a Barcelona, eu xa estivera concentrada no CAR de Sant Cugat en varias ocasións e sabía que se me ía non ía continuar cos meus estudos, ou polo menos o meu rendemento neles non ía ser o mesmo, así que a miña decisión xa a sabes.
Lucia1.jpg
– Coa traxectoria tan exitosa que levabas, ¿en ningún momento te arrepentiches de deixalo?, ¿en estes anos nunca che deu por pensar a onde poderías haber chegado?
Pois a verdade é que nunca me arrepentín de deixalo, aínda agora hai épocas que o boto moitísimo de menos, pero estou contenta coa vida que levei e coa que agora teño. Por suposto que pensei moitas veces en se podería ou non haber conseguido máis medallas, máis triunfos, pero ¿a quen non lle quedan cousas por facer? Un non pode pensar no que puido facer, senón no que pode conseguir, e eu espero seguir dando guerra aínda que sexa noutras facetas.
– ¿Qué é o que máis botas de menos do “mundiño” do Taekwondo? ¿Qué che aportaba que non che aporta a vida diaria? ¿Qué ganaches e que perdiches coa retirada?
O que máis boto de menos é adestrar e o grupo de persoas de entreno. Buf, esta segunda pregunta é máis complicada, creo que o deporte en xeral aportache moitas cousas que non podes conseguir na túa vida diaria, son sensacións, sentimentos que só se poden experimentar cando triunfas ou cando perdes. Pero tamén penso que todos eses sentimentos únicos, todas esas sensacións irrepetibles servironme de experiencia para extrapolar a outras facetas da miña vida. Gañei a vida que teño agora, e o que perdín coa retirada non o podo saber, porque tanto puiden haber estado nunhas Olimpiadas, como fracasar e non conseguir nada.
– Muller, no teu caso fracasar era difícil, pois os teus logros ahí están e os entendidos falaban maravillas de ti, pero imos con preguntas máis “agradables” que non quero que isto che parezca un “terceiro grado” nin moito menos, jeje. Comezaches a practicar Taekwondo no Liceo ós 6 anos, ¿porque te iniciaches neste deporte e non en outro?
Pois naqueles tempos creo recordar que estaba apuntada a tódolos deportes existentes, jajaja, facía atletismo, baloncesto, patinaxe, balet … e como meu irmán ía a taekwondo, pois eu tamén, logo xa me fun decantando por este deporte, así que supoño que sempre me gustou.
Lucia2.jpg
– Varias veces campiona galega, dúas de España, medalla de bronce en un Campionato de España Absoluto (sendo xuvenil), medalla de Bronce no Europeo Junior de Croacia 1996, medalla de Bronce no Mundial Junior de Barcelona 1996 … ¿Cal foi o momento de maior satisfación? ¿Unha medalla que valores moito? ¿Algún combate que recordes especialmente?
O momento de maior satisfación foi sen dúbida a consecución do meu primeiro Campionato de España, non o podo describir con palabras. Unha medalla que valoro moito foi o terceiro posto no Mundial Junior, porque por unha parte foi un ano de moito traballo a nivel deportivo, continuos viaxes coa selección, entrenos moi duros no CAR en Barcelona, e no Campionato rompín unha man no segundo combate e tiven que competir coa man rota, e por outro lado conseguín acabar ese ano ben os estudos, así que esa medalla está cargada de sacrificio para min e por iso a valoro especialmente. En canto a un combate especial … vou recordar aquí a final do meu segundo Campionato de España porque competín con unha compañeira da selección galega, Rebeca, pois ese ano íamos duas galegas no mesmo peso, e cando lle gañei ela choraba, e claro, non o celebrei tanto como si lle gañara a algúen que non coñecese.
– ¿Quen foi @ adestrador/a que máis che marcou?
Pois sen dúbida Antonio Montes, porque me marcou a nivel deportivo, pero sobre todo a nivel persoal. Son así, mellor ou peor, pero en parte pola súa influencia, e sempre lle estarei agradecida da parte de educación que él aportou na miña vida. Tamen teño que facer mención especial a Celso Barro, que tantas veces carretou de min para acudir os adestramentos, un amigo. Gracias Celso.
– ¿Algunha frase ou consello que gardarás para sempre na túa memoria?
Ser humilde triunfes ou non.
– ¿Cales eran as túas mellores armas competindo, a túa maior virtude?
Pois non tiña unhas cualidades moi sobresaíntes, pero creo que sabía levar ben os combates, ademáis tiña moito xenio e como din as miñas amigas non me gusta perder nin as canicas, pero logo si perdo tamén o sei levar eh, jajaja.
– ¿Cal foi a túa rival máis dura, a que sempre che complicou a vida? Seguramente da china que te eliminou nas semifinais do Mundial non gardarás moi bo recordo ¿non?
Pois no taekwondo atopaste con infinitude de competidoras distintas, así que cada unha é complicada en sí. A china resultou difícil porque era moi boa, ademáis xa comentei antes que tiña a man rota así que se complicou un pouquiño máis a cousa, ainda que probablemente me gañaría igual se tivera a man ben …
– Das moitas persoas coas que compartiches equipo, en As Pontes, na selección galega e na española, dime algunha á que lle notabas que tiña moita calidade e que podía chegar lonxe (a parte de ti, jeje).
Non che podo dicir unha persoa en particular, pero sí me gustaría facer mención ó grupo de persoas que adestrabamos no Ximnasio Sport Center de Vilalba, non chegamos a ser unhas estrelas, pero tamén podo dicir orgullosa que ningún nos estrelamos. Supoño que a pregunta ía máis encamiñada a calidade como deportistas, pero voume permitir o luxo de facela a miña maneira e responderche que todos os que formábamos grupo por aquel entonces, cada un chegou lonxe coa súa elección, temos enxeñeiros de telecomunicacións, de camiños, médicos, informáticos, enfermeiras … e uns destacarán máis que outros pero creo que todos son triunfadores e persoas de ben.
– Así da gusto, dos moitos lugares onde competiches, ¿cal foi o que máis che encheu os ollos, o que che pareceu máis bonito?
Tódolos sitios teñen algo especial, cada cultura e cada país é diferente. Estiven en Belxica, Dinamarca, Grecia, Turquía, Croacia, a antiga Yugoslavia … pero quizáis o que máis me impresionou entón foi México DF, porque é enorme.
– Imaxínate que un pai quere que o seu fillo comece a practicar deporte, ¿Por qué lle aconsellarías que o apuntase ó Taekwondo?
Pois partindo da base de que tódolos deportes son beneficiosos, tanto para a saúde física como mental decantaríame polo taekwondo porque é algo máis que un deporte, é un estilo de vida, unha filosofía, a mesma palabra o di; TAE; golpear co pé; KWON; golpear coa man; DO; camiño ou método. E é ese o camiño que outros deportes non posúen. Así que agardo que moitos pais e nenos opten por esta opción.
– A delegación española tivo unha sensacional actuación nos últimos Mundiais disputados en Dinamarca, 3 ouros, 1 plata e 3 bronces, entre eles, a coruñesa Estefanía Hernández e a viguesa Andrea Rica, ¿Qué valoración fas desta exitosa participación ou xa non estás ó tanto do mundo da competición?
Sigo pouco as competicións, pero sempre me entero das máis importantes. Non coñezo persoalmente a ningunha das dúas pero seguro que son excelentes competidoras porque levan xa anos nun alto nivel, e iso é moi complicado. E sete medallas nun Mundial está moi ben, iso indica a calidade do taekwondo español.
– ¿Cales son as túas afeccións?, ¿En que invirtes o teu tempo libre?
Gústame facer calquer cousa que me saque da rutina diaria. Dicía miña nai que sempre me apuntaba o primeiro tren que pasaba, e sigue sendo así, jeje. Valeme todo tipo de deporte, viaxar, leer… e agora mesmo parte do meu tempo libre adícoo a estar coa familia, que tamén me encanta, sobre todo os nenos.
-Remata o 2009, xa estamos en época navideña, ¿algún desexo ou propósito confesable para este 2010 que está á volta da esquina?
Pois como esta é unha entevista deportiva, desexo que os nenos e nenas de As Pontes practiquen máis deporte, que temos moitísimas opcións. Que os papás e mamás animen ós seus fillos a coller a bicicleta, os patíns ou as opcións deportivas que máis lles gusten, pero que Papa Noel e os Reis Magos veñan este ano pouco cargados de consolas e ordenadores e moi cargados de tempo, amor e cariño para os máis pequenos.
Pois novamente reiterarche o meu agradecemento pola túa amabilidade e disposición para facer esta entrevista. Foi un luxo para min e xa que estamos nestas fechas navideñas agardo que o pases ben nestes días e que teñas unha boa entrada de ano neste 2010 que vai ser tan especial para ti.
Gracias! Para min tamén foi un placer.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios