Os concellos deben implicarse e xestionar o patrimonio como un atractivo turístico

100

Cristina Arias [El Progreso] – Suplemento Terra Chá
FELIPE-SENÉN LÓPEZ é arqueólogo e museólogo. Actualmente traballa como Técnico de Xestión Cultural da Deputación da Coruña e coma mestre da Uned Sénior rural. Creador e animador de Amigos dos Museos de Galicia, membro de diversos colectivos e institucións de sensibilización e salvagarda do patrimonio cultural, o seu traballo resúmese en «coñecer para querer e defender o recurso da identidade fronte á globalización uniformizadora».
Felipe_Senén_.jpg
Posicionouse a favor da construción dun túnel na autovía das Pontes para non perder os vestigios da Mourela. Que valoración fai daquelo?
Así é. Agora hai que pedir responsabilidades por facer o que fixeron e coas consecuencias que tivo. As Pontes é un exemplo dun territorio con grande riqueza arqueolóxica, brutalmente industrializado, onde non se soubo entender o progreso como equilibrio entre a industria e esa identidade que é a paisaxe, a historia, ca cultura en busca do benestar… E fíxose moito, pero cegamente, pese ás chamadas de grupos mozos, exemplares, sensibles. Agora páganse as consecuencias, as Pontes quédase sen historia, sen recursos e mesmo sen paisaxe e cunha sociedade dividida….e o que se fixo mal, págase moito máis caro. O túnel era costoso pero permitía conservar e reintegrar o circulo lítico, manter un mirador natural, facilitar o acceso entre dúas partes que agora estan divididas, dignificar o contexto onde se asentan empresas que deben coidar a súa imaxen comercial… Pero tendemos a destruir, a roer a paisaxe, a galponizala. E o futuro despreciará e lamentará o que fixemos hoxe.
Acaban de publicarse as memorias das escavacións da Mourela…
Algo é algo. Pero nas Pontes queda por crear un espazo expositivo e de estudos en relación con todo un longo periodo de investigacións, un museo cos restos aparecidos na Vilavella, o legado Rivera Rouco, a prospeción e escavacións de Endesa, tan costosas.


Que relación ten coa Terra Chá?
Lugo sempre estivo moi presente na miña actividade profesional. Primeiro, co arqueólogo Manuel Chamoso Lamas, nas escavacións do castro de Viladonga. Logo, a fonda amizade con Manuel María, para quen Outeiro do Rei era o centro do mundo, e, entre moitas outras, as colaboracións con Blanco Torrado e Xermolos, de Guitiriz, o aprecio ós irmáns Corral, de Baamonde, e a participación como profesor coa Universidade Sénior de Xestoso, toda unha experiencia que, coido, dá máis que aprender, que ensinar.
Que papel xoga a universidade?
Moitos nun so. Crear e unir parroquia, arredor do saber, da terra e mesmo dunha Universidade que non debe durmirse mirando o embigo. Obra e mérito de Don Luis Rodríguez Patiño, crego de Xestoso, auténtica misión de modernidade sen durmirse nunha liturxa estéril.
Que lle parece a resposta dos maiores?
Exemplar, con maíusculas, onde os máis e menos novos temos moito que aprender: ansia de saber, respecto, perda do medo, dignidade de ser chairegos, galegos e cidadáns do mundo que nos tocou vivir.
En que se diferencian as clases entre maiores e novos?
A xente nova é máis inqueda, bulideira, experimental… Así é que prudencia e experiencia son dúas cousas importantes que compre saber equilibrar na vida. O programa consiste en explicar que canto se ensina é para resolver problemas que están fora das aulas. E o patrimonio cultural explícase a pé de obra: por qué aquelo se fixo alí, para qué, quén o fixo, qué aconteceu con él no decorrer do tempo, cal é o seu presente… A base da ciencia é a pregunta.
Así os veciños toman conciencia?
Recentemente algúns denunciaron o mal estado das pinturas da igrexa de Labrada.
Máis non somentes consiste en denunciar, en implicar a concellos e concelleiros que se meteron a gobernar… senón tamén consiste en asumir a parte de coidados que nos corresponde a cada un para un patrimonio herdado e que compre transmitir, sempre como recurso e non como lacra. O problema somos nós, por non saber seducir e atraer. Por eso o meu lema como profesor é: «Sae da casa, entra na historia para ser autor e actor dela».
Que valoración fai do patrimonio chairego?
A Terra Chá é unha rexión ben definida e expresada nos seus escritores, na fala, na relación co medio, a historia… e eso é a cultura. Ofrece vestixios de todos os tempos, especialmente castros, asentamentos romanos, torres e igrexas medievais, un patrimonio que é un recurso de identidade e turístico que merece todas as atencións por parte de todos, especialmente da administración inmediata, os concellos, que deben implicarse máis con canto significan as súas particularidades. Un patrimonio aberto, vivo e coidado que complementado coa paisaxe, o trato da xente e a gastronomía, merece coñecerse e xestionarse como atractivo e sempre como recurso que da e xenera vida.
Está suficientemente valorado?
Debería estalo máis. Pero o patrimonio non somentes para ver, é para enxergalo, que é sentilo e vivilo. E para eso compre unha boa xestión que experimente e esgote as posibilidades en canto se pode ofrecer para seducir e atraer ó público. O piano non toca, nin emociona, sen un bo pianista. Compren xestores entusiastas e con ideas, que crean en Galicia.
Que elementos destacaría como os máis sobranceiros da Terra Chá? Pesa máis o patrimonio relixioso?
A relixión son feitos, cultos, ritos, mitos que nos religan cos misterios da terra, algo moi do panteismo galego. A verdadeira relixión nada ten que ver coa beatería. Foron os frades, dende os mosteiros do Císter, os que humanizaron Galicia con viñedos, carballeiras, creando feiras como as de Meira. Así con ese senso relixioso de administrar o patrimonio fóronse mantendo paraísos naturais ou creando grandes obras, que transcenden no tempo. Velaí o Pedregal de Irimia, Fonmiñá, Penas de Rodas, o San Alberte de Parga, a lagoa de Cospeito, castros como o de Viladonga, pazos como o de Sistallo, a casa de Víctor Corral…, sempre arredor de misterios da natureza, igrexas, mosteiros, capeliñas, sabedoría popular e curiosidades como en Momán, terra de canteiros, artífices deses panteóns de filigrana que merecen maior atención e coidados e que afeamos con obras que impactan fortemente. E sempre con Lugo preto, con algo de gran aldea, como Compostela, como unha antoloxía de Galicia abrindo a Chaira.
O descoñecemento da riqueza cultural é por falta de interese das administracións ou porque os propios chairegos non o saben valorar?
As dúas cousas están en interacción, xunto cos medios de comunicación, especialmente a televisión, a que en vez de educar, maleduca. Por aquí sempre se dixo que «a cultura non vende, non da votos», pero eso creo quen non saíu do seu couto e todo olla dende as súas orelleiras. A cultura é algo máis que un acto un día.
A cultura son moitas historias, feiras, romarías, danzas, cantos, xantares, saberes, escearios que compre anovar e non emporcallar en esperpentos e zafiedades burdas. A cultura é o que avala nosas mercadorías, nosa historia, a nós mesmos. A cultura é o que somos.

Que valoración fai da declaración de BIC do castro de Viladonga?

Algo que forma parte da cultura burocrática e que debe significar algo máis que unhas siglas e unha inscripción nun papel: a salvagarda e potenciación do seu contexto inmediato, como o castriño da Rodela, o campamento romano de Andión, a vila romana de Doncide e tanta riqueza etnográfica coma fontes, pontellas, casas, igrexarios, cruceiros e labras, construidos con gran maestría e que a insensibilidade leva a destruir por motivos diferentes.Que algo esteña declarado Ben de Interés Cultural, significa que hai que poñer interese sobre elo.
Que opina dos museos da Terra Chá?
Toda a Terra Chá xa é un museo activo e pode selo máis se sabe equilibrar as súas vellas tradicións coa modernidade. Eso é o que falla. Polo demáis agradecería que
existise unha casa-museo chairega, con todos os elementos tradicionais, onde servisen xantares enxebres e se contasen e cantasen cousas de antes. Dalgún xeito, os irmans Corral, de Baamonde, teñen tentado eso. Polo demáis, hai meritorias e exemplares iniciativas como o Museo da Radio ou os intentos de Alfonso Blanco Torrado en Bascuas, que merecerían maior atención por parte das adminstracións. E desexo que Manuel María, que universalizou a Terra Chá e Galicia enteira, teña espacios propios, activos, axudando a dignificar canto significa noso idioma e nosas tradicións. Lugo e súa provincia ofrecen un panorama museístico que xa quixeran outras, laboura mimada en todo tempo pola Deputación, pero entendemos que compre máis e doutro xeito máis rendible: saber ofrecer, vender, avalar a cualidade da identidade.
Funcionaría a ecomuseoloxía, utilización dinámica do patrimonio?
Funciona en todo o mundo civilizado, non somentes como atracción, senón como servizo en relación coa demanda. Recuperar muíños que fan pan único, que un artesán espalle o seu sistema de traballo artesanal, incluso o queixo de San Simón… Esto non é máis que un escaparate, no que afirmar que moitos produtos que se siguen solicitando e teñen gran demanda hoxe, teñen tras de si unha longa historia e sabedoría artesanal. Esa historia, segredos de saber que vivimos moitos de nós e compre saber transmitir.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios