Nota de prensa BNG: Central de Biomasa en As Pontes

39

Logo do anuncio da posíbel instalación dunha Central de Biomasa en As Pontes, promovida polo Grupo Ence, o BNG quixera explicar en que situación oficial está o proceso de concesión de Centrais de Biomasa en Galiza.
En primeiro lugar, lembrar que foi precisamente o BNG quen, dende o Goberno Bipartito, iniciou o proceso para á autorización de Centrais de Biomasa, por medio da aprobación do Decreto 149/2008 e, posteriormente, coa Orde de 14 de novembro de 2008 que abría o prazo de presentación de solicitudes.
O Decreto establece un total de 80 MW en Galiza e limita a capacidade máxima de cada central a 10 MW.


Cumprindo o prazo da Orde de 14 de novembro de 2008, presentáronse 56 proxectos que suman unha petición de 408 MW (cinco veces máis do que está previsto autorizar).
Como se pode comprobar nos DOG do 21 de xullo e do 13 de agosto de 2009, todos os proxectos (os 56) foron provisionalmente excluídos por diferentes motivos, tendo un prazo de 10 días hábiles para emendar os erros ou completar a documentación.
A data para a resolución definitiva deste Concurso era o 25 de agosto de 2009, sen que desde esa data o Goberno do PP volvese a facer pública ningunha decisión.
Na Comarca de Ferrolterra existen dúas solicitudes: A xa publicada de Ence en As Pontes (de 10 MW) e a de Intasa en San Sadurniño (7 MW).
Os motivos provisionais de rexeitamento do proxecto de Ence en As Pontes, que puideron ser corrixidos, eran un anteproxecto incompleto e un plan empresaria de aproveitamento da biomasa tamén incompleto.
Asemade, o Grupo Ence tamén presentou solicitudes para Pontevedra e Curtis.
Como dato curioso, xa que o Alcalde de As Pontes criticou moitas veces a xestión da anterior Consellaría de Industria (BNG), por non darlle megavatios eólicos ao Grupo Gestamp que tamén anunciara a instalación en As Pontes da súa empresa Gonvaeolic, defendendo a alcaldía a fortaleza deste Grupo empresarial; podemos comprobar no DOG do 21 de xullo de 2009, como as catro solicitudes deste mesmo Grupo Gestamp para 4 centrais de biomasa foron provisionalmente rexeitadas polos seguintes motivos: Falta de capacidade legal, falta de capacidade técnica, falta de capacidade económica, anteproxecto incompleto e plan empresarial de aproveitamento de biomasa incompleto.
Como esta última resolución é dun Goberno do PP, esperamos que agora o Alcalde de As Pontes realice os mesmos ataques demagóxicos que fixo contra ao Consellaría do BNG.
Dende o BNG, que precisamente impulsamos a instalación de Centrais de Biomasa, esperamos e desexamos que se concrete o proxecto de Ence en As Pontes; mais tamén fuximos de crear expectativas sen base certa.
Temos que lembrar que xa son moitos (demasiados) os anuncios do Alcalde de As Pontes sen que se cumprisen. O máis importante foi prometer a creación de 1.500 postos de traballo e, hoxe, dende a chegada do PSOE ao Goberno Municipal hai 350 parados/as máis.
Para rematar, o Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento Galego ten rexistrada unha iniciativa, o pasado 26 de xaneiro (previo á publicación da posíbel Central para As Pontes), demandando a resolución deste Concurso, que como diciamos tiña que ser o 25 de agosto.
Non queremos que o PP provoque o mesmo parón que no Concurso Eólico e provoque máis destrucción de emprego, como xa pasou na Comarca nos casos de Barlovento, Gamesa, Metalúrxica do Atlántico, etc.
As Pontes, 5 de febreiro de 2010
Asemblea Local do BNG

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios