Nota de Prensa BNG : O BNG RECLAMA A CONTINUACIÓN DOS TRABALLOS DO PLAN XERAL DE URBANISMO

41

O contrato iniciouse en 2005 cun orzamento superior aos 200.000 €.
O esforzo do Psoe de borrar calquera actuación dos gobernos municipais do BNG, sen importaren as consecuencias, é a única explicación a determinados comportamentos.
So así se pode ver a renuncia do goberno socialista aos locais de ensaio financiados pola anterior Dirección Xeral de Xuventude ou á construción dunha nova Escola Infantil que xa estaba acordada cunha empresa de Penapurreira; ou o abandono de proxectos de futuro planificados (xestión do lago-escombreira) ou xa iniciados (río Eume, Parque da Enerxía) polo BNG.
E non falemos do desprezo e do ninguneo aos mecanismos de participación cidadá, sen convocatorias dos Consellos Veciñais dende maio de 2007.


Un bo exemplo da actitude do goberno socialista pontés é o urbanismo.
Na anterior lexislatura, o BNG foi quen de iniciar os traballos de elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal, cun orzamento de máis de 200.000 €; no Mercado Vello expúxose un avance e recolléronse centos de propostas das veciñas e dos veciños, con traballos singulares en zonas sen desenvolver como nos Chaos.
Nestes case que tres anos no “sillón” da Alcaldía, a única actuación urbanística coñecida do Psoe foi legalizar só un edificio concreto con varios e importantes incumprimentos.
Porén, preto do 40% do solo urbano residencial está sen desenvolver; os seus propietarios pagan unha contribución como solar por un terreo no que non poden edificar; a demanda de vivenda unifamiliar é imposíbel de atender; os proxectos de cooperativas de vivendas en terreos cedidos por Endesa non se poden executar, coa ameaza da reversión. A maior parte, por non dicer a súa totalidade, dos traballos feitos están desfasados.
Con este panorama, o BNG ven de presentar unha moción para continuar coa redación do Plan Xeral, proposta que non prosperou ao consideraren o Psoe e o PP que non era urxente. Así nos vai.
As Pontes, 8 de febreiro de 2010
Asemblea Local do BNG

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios