Nota de prensa BNG: O BNG FAI AS SÚAS PROPOSTAS PARA O CONTRATO DA XESTIÓN DO LIXO

59

O goberno do Psoe ven de facer chegar aos grupos municipais os borradores dos pregos para a contratación do servizo de residuos sólidos urbanos, polo que o Concello pagará até 650.000 € ao ano.
O BNG ten solicitado dous informes: un técnico, no que se avalíe a situación actual e se xustifiquen os 650.000 € anuais, e outro económico, no que se argumente a elección por parte do PSOE da xestión privada.
No entanto, para o BNG os borradores son moi mellorábeis.
Respecto do seu obxecto, o BNG entende que debe ser o máis completo posíbel, e, polo tanto, incluír todo o relacionado co servizo, quer do ámbito (lixo, limpeza viaria, desratización, lacería, …), quer das actividades (recollida, transporte, xestión, valorización, …).


No relativo aos criterios de puntuación das propostas, o BNG entende que, no caso de privatizar o servizo, o Concello debe valorar a oferta económica e, nunha proporción similar, as posíbeis melloras, entre as que o BNG propón incluír:
• instalación de contedores en zonas de especial interese patrimonial –Vila, p.ex.-, etnográfico, ambiental;
• servizos nos polígonos industriais, segundo o estudo realizado polo Concello no 2005;
• xestión de residuos perigosos nos centros de ensino do concello;
• planta de transferencia de residuos da demolición.
Os nacionalistas tamén fan a proposta de valorar as contratacións do persoal das Auxiliares ou procedentes de peches e/ou despidos recentes (LM, Rodabell, Acebrón, …).
Outro aspecto importante no que incide o BNG e na necesidade de someter á opinión do Consello Veciñal tanto os propios pregos como a adxudicación do servizo.
O BNG rexistraba onte as súas propostas xunto coa solicitude de convocatoria urxente da Comisión de Servizos.
As Pontes, 19 de febreiro de 2010
Asemblea Local do BNG

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios