Moción BNG: MOCIÓN SOBRE DE ACTUACIÓNS MÍNIMAS URXENTES NO PROXETO DO LAGO

71

D. Ramón Gato Bañobre, na súa condición de portavoz do Grupo Político Municipal do BNG no Concello das Pontes, e na súa representación, presenta a seguinte
MOCIÓN SOBRE DE ACTUACIÓNS MÍNIMAS URXENTES NO PROXETO DO LAGO.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
No proceso de planificación dos posíbeis usos e aproveitamento do lago e da escombreira semella que todas as partes manifestamos unanimidade na súa valoración estratéxica para o futuro da nosa Vila, declaracións que non se corresponden coa actitude amosada, nomeadamente polos gobernos autonómico e municipal.
O BNG ven mantendo unha actividade continúa de iniciativas e propostas, quer no ámbito autonómico, quer no municipal, orientadas todas elas a rematar coa pasividade, co descoñecemento, coa descoordinación e coa incertidume que caracterizan o meritado proceso, e a provocar o necesario e urxente cambio de actitude dos responsábeis políticos (Xunta e Concello).
A comezos de ano, o Grupo Parlamentar do BNG preguntaba ao goberno da Xunta sobre da futura xestión do proxeto, pregunta que a día de hoxe non ten contestación.


En abril de 2008 –co período de 100 días de goberno máis que superado-, o BNG rexistraba a súa primeira iniciativa sobre do lago-escombreira, a que seguiron outras dúas en maio e setembro de 2009; con diferencias no seu debate plenario (rexeitadas polo Psoe e polo PP as dúas primeiras, e aprobada a última cos votos en contra do goberno municipal), todas elas comparten o mesmo resultado: incumprimentos.
Nunhas xornadas organizadas polo Concello no mes de abril, o representante da empresa responsábel do proxeto do lago estabelecía o remate do enchido do oco da mina para o vindeiro ano 2011, e anunciaba para o verán a execución das obras de acondicionamento relativas á denominada zona de praia.
Pola súa banda, o goberno municipal tramitou e outorgou no que vai do seu mandato licenzas de execución de trazados de liñas de transporte eléctrico na meritada zona ou nas súas proximidades, e abandonou o vertedoiro de inertes dos Alimpadoiros.
Para o BNG, o proxeto debe ser contemplado de forma global, integrada. No entanto, a sinerxia negativa da pasividade irresponsábel dos gobernos autonómico e local e da celeridade interesada do promotor, obrigan ao BNG a propor actuacións illadas, necesarias e urxentes, encamiñadas a impedir ou minimizar situacións actuais que condicionen ou limiten o desenvolvemento futuro dos posíbeis usos e aproveitamento do lago e da escombreira.
Polo exposto con anterioridade, sométese á consideración do Pleno a aprobación dos seguintes
ACORDOS
1º.- O Concello comprométese a elaborar, antes do inicio das obras anunciadas pola empresa promotora do proxeto do lago, un plano para a eliminación, cambio e/ou soterramento das liñas de transporte eléctrico que afectan á meritada zona e ás súas proximidades, e para o acondicionamento do vertedorio de inertes, plano que deberá ser executado de forma simultánea coas obras de acondicionamento da praia.
2º.- Instar á Xunta de Galiza, nomeadamente ás Consellarías de Economía e Industria e de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a prestar a necesaria e obrigada colaboración, técnica e económica, para a elaboración e execución do plano do punto anterior.
As Pontes, 30 de abril de 2010
O PORTAVOZ DO GPM DO BNG
Asdo.: Ramón Gato Bañobre

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios