Mariña Patrimonio denuncia a inminente destrución do Castro da Atalaia en San Cibrao

66

MariñaPatrimonio esíxelle á Dirección Xeral de Patrimonio que teña en conta os informes da Comisión Provincial de Patrimonio e que definitivamente adopte unha posición sobre o castro da Atalaia, que non pode ser outra que a conservación do xacemento e a anulación das licenzas de obra. Deste xeito, remataría o vergoñento ataque ao noso Patrimonio provocado pola irresponsabilidade do anterior goberno municipal de Cervo,que outorgou as licenzas aínda que sabía da existencia do xacemento, e pola inoperancia dos anteriores equipos de Patrimonio.


A Comisión Provincial de Patrimonio vén confirmar o que MariñaPatrimonio leva expresando sobre a enorme importancia do xacemento arqueolóxico da Atalaia en San Cibrao.
Os informes destacan a excepcionalidade e a importancia dos restos atopados cando afirman:
“Neste emprazamento estratéxico hai vestixios dende a Idade de Ferro ata os nosos días.Este aspecto confirelle unha especial relevancia para o coñecemento da historia da Mariña Lucense”
“O interese do conxunto vese incrementado polo escavado no outro soar, e pola continuidade do xacemento arqueolóxico cara ao Norte e Oeste (…) O poboado orixinal podería roldar as 8 Ha (…) Podería ser un dos asentamentos de época galaico-romana de maiores dimensións da Mariña Lucense.A súa importancia viría dada pola súa posición estratéxica, vinculada co mar e polo tanto coas actividades mariñas e co comercio, testemuñado pola abundancia de ceramica de importación.”

Os técnicos e a Comisión Provincial de Patrimonio , de maneira unánime, desbotan calquera posibilidade de construción nas dúas parcelas nas que estaba previsto edificar 59 vivendas e aconsellan que os restos arqueolóxicos sexan conservados in situ , tal e como se pode observar nos seguintes parágrafos:
“Proponse como acordo desta Comision o pronunciamento a favor da conservación in situ dos vestixios arqueolóxicos e a consideración de que o proxecto arquitectónico con licenza municipal para este predio é incompatible co anterior.”
“Á vista do antedito polos servizos técnicos do Departamento Territorial, a Comisión adopta por unanimidade o seguinte acordo: Informar a favor da conservación in situ dos vestixios arqueolóxicos e a consideración de que o proxecto arquitectónico con licenza municipal para este predio é incompatible co anterior.”

Dende MariñaPatrimonio continuaremos traballando para que o castro da Atalaia se convirta nun dos referentes arqueolóxicos de Galiza.
En Viveiro, a 17 de Xuño de 2010
MARIÑAPATRIMONIO

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios