A artista pontesa Estéfani Bouza participa no concurso “Nuevos Valores” da Fundación Claves de Arte

87

A fundación madrileña Claves de Arte pioneira na formación especializada de expertos no mundo da arte, vén de convocar un concurso para descubrir aos artistas noveis máis destacados do ano, co fin de promocionalos a nivel internacional.
A artista Estéfani Bouza (As Pontes, 1983) participa neste certame artístico cos proxectos fotográficos “Colección”, “Notas, 2008”, “Acciones”, “Rehacer” e “Una otra historia”. Estéfani é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, e obtivo o Máster de Fotografía en EFTI. Recentemente graduouse tamén en Estudos Fotográficos na University of Westminster. A obra da artista pontesa vén de ser exposta en galerías e museos de España, Sudamérica e Reino Unido. Entre os distintos premios que ten recibido cabe destacar un accésit nos premios de artes visuais “Injuve”, ademais de ter sido seleccionada para expor a súa obra na galería madrileña “Estampa”.
As persoas que queiran apoiar a obra desta artista pontesa poden facelo votando a través da páxina www.artintouch.com. As votacións para o concurso “Nuevos Valores” estarán abertas ata finais do mes de xuño.


Coleccións
A temática das coleccións está presente na súa obra, que procede do seu interese na clasificación de obxectos, nas taxonomías e xerarquías. A artista pontesa a través dos traballos “Colección” e “Notas, 2008” quere que o espectador se cuestione que é o que constitúe unha colección, que é o que fai que os obxectos se consideren importantes, como as xerarquías e os sistemas de clasificación crean coñecemento e o dificultan á vez, e como a institución dos museos dá valor aos obxectos polo feito de seren presentados nese contexto.
Notas 2008.png
Obxectos cotiás
Incorpora tamén á súa obra a utilización de obxectos cotiás que normalmente pásannos desapercibidos. “Acciones” é un proxecto de 15 imaxes de mistos queimados. O tamaño final de cada fotografía é de 180×120 cm. e é este cambio de escala, xunto coa forma na que están fotografados os mistos o que fai que se eleve algo que normalmente é descartado da categoría de obra de arte.
Acciones.png

Natureza morta

O proxecto “Rehacer” esta composto por unha serie de imaxes nas que sempre se ve o mesmo escenario, o mesmo encadre, a mesma luz e a mesma vasilla. A diferenza está en que na primeira fotografía, a artista rompeu a vasilla e pegouna unha vez, na segunda rompeu a vasilla de novo e volveuna pegar e así sucesivamente. A idea é continuar rompendo a vasilla e pegala ata que as pezas sexan tan pequenas que non sexa quen de pegalas. Estéticamente este proxecto é unha natureza morta inspirada nos bodegóns de Zurbarán que están no Museo del Prado. O obxecto escollido é unha vasilla que ten certas connotacións femeninas e que pertenceu á súa familia, está feita a man e ten uns 80 ou 100 anos de antigüidade.
Rehacer.png

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios