ADEUS –KENAVO- A ROPARZ OMNÉS, EGREXIO PERSOEIRO DA CULTURA BRETOA

75

Roparz-Omnes.jpgDa Bretaña recibiuse a triste nova do falecemento do amigo ROPARZ OMNÉS, unha persoa que durante trinta anos estivo á fronte do Comité Bretagne-Galice e gran impulsor dos irmandamentos galego-bretóns e que ó longo da súa vida creou un significativo número de vencellos entre os dous países.
Roparz Omnés nacera na cidade de Dinan (Côtes d’Armor) no ano 1930. Dende moi novo estivo interesado pola cultura e língua bretoas. Apaixoado das línguas, estudou español na universidade de Rennes. Participou na fundación da Xuventude Estudantil Bretoa en 1952 e dos Cículos Celtas de Dinan e Dinard (1951). Foi secretario e logo presidente da Confederación Kendalc’h (1961-1964).
Exerceu o labor docente como profesor de español na cidade de Quimper, capital do departamento de Finistère, e profesor agregado na universidade de Bretaña Occidental de Brest (1969 a 1988).
En 1991 doutorouse en lingüística e ó longo da súa intensa actividade cultural publicou numerosas obras e artigos sobre a cultura bretoa e as relacións históricas entre Bretaña e a península Ibérica, en especial Galicia. Ten participado en numerosas charlas e conferencias por toda Bretaña e en Galicia. En As Pontes, invitado pola Irmandade As Pontes-Lesneven, deu unha charla en novembro de 1998 sobre os irmandamentos galego-bretóns e as relacións Galicia-Bretaña.
Presidente do Comité Bretagne-Galice dende o ano 1982 ata o 2000, foi o verdadeiro impulsor dos irmandamentos galego-bretóns, actualmente dezaoito. De 1965 a 1995 foi alcalde da pequena localidade de Plomelin, onde fundou a primeira escola Diwan (federación de escolas privadas onde se utiliza o bretón como lingua de ensino co obxectivo de frear o declive desta língua céltica) do Pays de Cornouaille. Participou na creación da coral Kenarien Sant Meryn (1983) e do grupo de teatro Strollad Yan an Aod (1999).
No ano 2002 foille concedido o colar da Orde do Armiño (Ordre d’Hermine) polo seu compromiso na difusión da historia, cultura e língua bretoas.


Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios