Nota de prensa BNG: O ALCALDE RECOÑECE IRREGULARIDADES NA SELECCIÓN DO OBRADOIRO

55

Namentres, o Concelleiro de Promoción Industrial solicita informes á Xunta.
O BNG ven de denunciar, unha vez máis, as irregularidades producidas no proceso de selección do alumnado do Obradorio de Emprego Fontelimpa, promovido polo Concello, nomeadamente en dous casos probados documentalmente.
As dificultades presentadas polo PSOE para poder acceder á información que debería estar a dispor do Grupo Municipal do BNG, ou as mentiras do representante da Xunta do PP na Comisión Parlamentar, non foron quen de evitar o traballo constante e firme do nacionalismo.
Foi ao Pleno onde o BNG levou as certificacións emitidas polo Concello e asinadas polo Alcalde, nas que se pode comprobar o incumprimento das bases de selección no caso dun alumno que xa tiña participado noutra Escola Obradoiro e que foi convocado, seleccionado e contratado. Na mesma sesión, o BNG ratificaba e demostraba as súas afirmacións sobre da incompatibilidade dun membro da comisión de selección nomeado polo Concello, por ter relación familiar cunha candidata, tamén convocada, seleccionada e contratada, sen cumprir a obriga de abstención como se comproba na copia da acta que tamén ten o Concello.
Nunha fuxida cara adiante, absurda e hipócrita, varios membros do goberno socialista tentaron negar primeiro, e xustificar despois, as irregularidades, para o que non dubidaron en desacreditar ao Alcalde ao prestar máis credibilidade a informacións externas que aos seus propios documentos. Cando os erros se coñecen, corríxense; a non ser que non sexan involuntarios.
As Pontes, 1 de xullo de 2010.
Asemblea Local do BNG

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios