San Sadurniño – O Concello e Euroeume presentan hoxe o programa de axudas Leader+

119

[Diario de Ferrol] A casa consistorial de San Sadurniño acollerá hoxe, a partir das 20.00 horas, o acto de presentación pública do programa de axudas ao desenvolvemento rural Leader+. A asociación Euroeume, que abrangue os concellos de Cabanas, A Capela, Moeche, Monfero, Pontedeume, As Pontes, As Somozas, Vilarmaior e San Sadurniño colabora na iniciativa, xestionando o mencionado programa –co Grupo de Desenvolvemento Rural– na comarca. Á convocatoria están invitadas tódalas persoas e entidades interesadas en poñer en marcha ou mellorar algunha actividade que propicie o desenvolvemento dos espazos rurais. Os que desexen acollerse á convocatoria teñen que traballar no territorio de Euroeume, no que está San Sadurniño, e os proxectos deben enmarcarse nunha serie de directrices. Entre as liñas a seguir están a dinamización do sector agrario e forestal; a mellora ambiental e do contorno rural e a diversificación da economía rural e a mellora da calidade de vida.
Segundo o tipo de actividade, as axudas poden darse para proxectos que impliquen actividades produtivas –empresas e emprendedores– ou non produtivas –concellos e entidades sen ánimo de lucro–. Os que desexen acollerse ao programa Leader+ que se prolongará ata 2013 poderán presentar as súas propostas para a construción, mellora e adquisición de inmobles, maquinaria, equipamento, estudos técnicos ou vehículos.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios