Nota de Prensa BNG: A XUNTA DO PP SUPRIME CICLOS NAS PONTES CON LISTA DE ESPERA NO PAÍS

143

Cando o 16 de xuño, antes do inicio do período de admisión, a Consellaría de Educación do PP facía pública a súa decisión de reducir a oferta formativa do noso Concello, incumprindo os seus propios acordos, o BNG tomou a iniciativa na defensa dos intereses das Pontes que o PSOE, dende o goberno municipal, non é quen de asumir.
O BNG demandaba do PSOE que cumprira –e cumpra- coas súas responsabilidades de goberno, e do PP que demostrara –e demostre- o seu peso e a súa utilidade, xa que do contrario, outra vez As Pontes sairía perdendo.
No Pleno celebrado a iniciativa do BNG, acordáronse celebrar unha serie de reunións urxentes con distintos axentes (Plano de Desenvolvemento, empresarios, Concellos limítrofes, …), ao que o PP se opuxo, indo á contra dos intereses das Pontes, baseándose en estudos realizados pola Xunta.
Pois ben, os estudos estaban mal feitos –o que sería unha incompetencia- ou non existían –o que, ademais dunha mentira, sería unha irresponsabilidade, outra máis-.
Os dados oficiais que se poden consultar na web da Consellaría (www.edu.xunta.es/fp) demostran que o ciclo de Laboratorio de Análise e Control de Calidade, un dos suprimidos, que ven de impartir o seu primeiro ano, é un dos ciclos con máis demanda na Galiza. Nos 4 centros no que se oferta (A Coruña, Lugo, Santiago e Vigo) só existen, a día de hoxe, 2 prazas libres e unha lista de agarda de 37 persoas.
En resumo, coa decisión da Xunta As Pontes perdeu oferta formativa, a nosa xuventude tivo que cambiar as súas preferencias e marchar das Pontes, e cando menos 35 mozos e mozas non poderán cursar o ciclo que demandan, tampouco nas Pontes. Cal é a xustificación?.
Asemblea Local do BNG. As Pontes, 30 de xullo de 2010

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios