O consistorio recibirá 9,5 millóns do Plan da Minería deste ano

23

[Diario de Ferrol] A mediados do pasado mes de xullo tivo lugar na Consllería de Economía e Industria unha xuntanza da Mesa para o desenvolvemento do Plan do Carbón 2006-2012. Na xornada presentáronse as propostas de actuacións a incluír no Plan de Reserva Estratéxica do Carbón, revisando as iniciativas formuladas e quedando aprobadas por unanimidade intervencións nos municipios das Pontes e Cerceda por un importe global de 14,2 millóns de euros. Do total da anterior partida, ao concello pontés corresponderanlle 9.527.000 euros, que se destinarán a un total de cinco intervencións. A maior parte do investimento que recibirá o consistorio pontés destinarase á construción dun xeriátrico, presupostado en 5,7 millóns de euros. O Concello comprometeuse a que se nos vindeiros catro meses non ten redactado o proxecto construtivo das instalacións, a actuación será substituída por outra que se poida acometer de forma inmediata, tal e como consta na acta da Mesa para o desenvolvemento do Plan do Carbón 2006-2012.


Ao polígono industrial-tecnolóxico de Penapurreira destinarase unha partida de tres millóns de euros. Así mesmo, na xuntanza mantida en Compostela acordouse reservar 500.000 euros para a ampliación da estrada CP-6111, desde a Ponte do Baleo ata o Estreito, no municipio de Ortigueira; outra de 227.000 euros para melloras no polígono industrial de Penapurreira, e unha última asignación de 100.000 euros para a oficina de recolocación.
No que respecta ao municipio das Pontes, na Mesa acordouse destinar os fondos destinados aos colectores de augas a Penapurreira acordados para o bienio 2006-2007 por importe de 2,2 millóns de euros, aos xa asignados para o Plan de Mellora do polígono dos Airíos, do bienio 2008-2009, por 600.000 euros. Deste xeito, alcanzaríse a cantidade de 2,8 millóns de euros que se precisa, tal e como se indicou desde o municipio, para subsanar o problema medioambiental que se presenta no parque empresarial dos Airíos pola utilización na súa ampliación das terras provintes da autovía Ferrol-Vilalba. A Mesa non renunciou a esta actuación que, segundo se indicou na reunión, será obxecto de financiamento en próximas anualidades do Plan.
Na reunión mantida en Industria tamén se acordou convocar unha xuntanza monográfica cos membros de Xestur A Coruña e con representantes de Urbanismo do Concello pontés para recibir información sobre o estado de tramitación do proxectto de ampliación do parque empresarial de Penapurreira. O fin da reunión é impulsar esta actuación e axilizar os trámites para a sinatura do convenio de colaboración específico co Instituto para a Reestructuración da Minería do Carbón e Desenvolvemento alternativo das comarcas Mineiras.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios