A CAPELA CELEBROU A SÚA TRADICIONAL ROMARÍA DA VIRXE DAS NEVES

149

A Capela celebrou as súas tradicionais festas na honra á Nosa Señora das Neves, unha romaría que se celebra dende moi antigo nos arredores da ermida do mesmo nome. Antigamente os capeláns e forasteiros ían de romaría á capela para merendar e pasar unha xornada festiva cos amigos e familiares. Hoxe en día este costume foise perdendo co paso dos anos.
Os festexos comezaron o mércores, 4 de agosto, cunha verbena a cargo da orquestra Montes. O xoves 5 foi o día adicado á patroa cunha solemne misa a unha do mediodía cantada pola coral Airiños da Capela, seguida dunha procesión na que saíron as imaxes da Virxe das Neves (talla do século XV) e outra de San Rosendo (século XVIII). A sesión vermú estivo a cargo da orquestra Emperadores, que repetiu concerto na verbena xunto a orquestra Olimpus. As festas remataron o venres 6 coa verbena a cargo das agrupacións musicais Fin de Siglo e Costa Oeste.
O derradeiro domingo de agosto rematarán os festexos deste concello coa celebración da Festa do Requeixo, importante evento gastronómico creado en 1989 e que concentra a miles de persoas. O día anterior terá lugar o festival rock Rockeixo.
Ademais da romaría da Nosa Señora das Neves, cada parroquia celebra o seu patrón, así Santiago da Capela festexa o Santiago o 25 de xullo, a Virxe de Agosto celébrase no Cabalar o 15 de agosto e a primeira fin de semana de setembro ten lugar o San Boulo en Caaveiro.
as_neves_capela_2010_001.jpg


O CONCELLO DA CAPELA
A Capela é un dos concellos de transición entre a Mariña coruñesa e a montaña do interior das terras altas do Eume. Dende 1983 a escisión e incorporación de sete das súas parroquias ó concello de As Pontes deu lugar a unha nova conformación territorial quedando reducido o concello da Capela ás parroquias de San Boulo de Caaveiro, Santa María de Cabalar e Santiago da Capela .
Ocupa unha superficie de 58,9 quilómetros cadrados e conta cunha poboación, segundo o censo de 2009, de 1.417 habitantes, moi diseminados nas 94 aldeas e lugares do seu territorio. A parroquia de San Boulo de Caaveiro ten 170 habitantes, a de Santa María do Cabalar 304 e en Santiago da Capela viven 943 habitantes.
Ademais da capital municipal, As Neves (con 231 habitantes), as aldeas máis habitadas do concello capelán son as de Sande (con 58 habitantes), A Estoxa (56), Vilar de Mouros (53), A Porta (42), A Buíña (38), A Teixeira (38), Mourente (34), O Gunxel (32), Formariz 831), A Bouza (29), O Seixo (29), Vilasuso (27) e Os Calzados (22).
O terreo é montañoso cunha altitude media de catrocentos metros sobre o nivel do mar atopándose no leste do concello os cumes máis elevados, como o Pico das Moas (632 metros) e a Serra do Forgoselo co Pico Ventoso (536) e a Pena dos Tres Pés (479).
Atravesan o seu territorio os regos de Sande de Vilar e Sabugueiro que verten as súa augas no río Belelle, e no sur os regos de Brea e Teixido, cuxas augas chegan ó río Eume. Parte do seu territorio ocupa o Parque Natural das Fragas do Eume, que tamén abrangue os concellos de As Pontes, Monfero, Cabanas e Pontedeume.
RESEÑA HISTÓRICA DO CONCELLO DA CAPELA
En 1843 o concello da Capela comprendía as parroquias de Bermui, Cabalar, A Capela, Espiñaredo, San Pedro de Eume, A Faeira, Goente, Seixo e Ribadeume. En 1925 Caaveiro segregouse de Cabanas pasando a A Capela. Naquel ano de 1843 o concello comprendía 154 aldeas e lugares, con 700 casas, 681 veciños e 2.664 habitantes. O concello non tiña edificio propio celebrando as súas sesións nas casas dos veciños. Tampouco contaba con escolas públicas nin privadas.
O presuposto municipal ascendía a 6.863 reais que se cubría por reparto veciñal e o secretario cobraba 5 reais diarios.
Contaba cun alcalde, un tenente, oito rexedores, un síndico, sete suplentes e nove alcaldes pedáneos. Había 340 electores, 304 como contribuíntes e seis con capacidade para votar, podendo ser elixidos 299 veciños.
PATRIMONIO MONUMENTAL
En canto ó seu patrimonio monumental hai que salientar o Mosteiro de Caaveiro, situado nunha fermosa paraxe no interior das Fragas do Eume. A tradición sinal que foi fundado como mosteiro benedictino por San Rosendo no ano 936, antes de retirarse a Celanova. Logo pasou a ser colexiata real, con título e categoría que conservou ata o século XVIII. A igrexa actual é de estilo románico e data do século XII. Hoxe, totalmente restaurado, é un dos sitios máis visitados de Galicia xunto coas Fragas do Eume.
A igrexa parroquial de Santiago da Capela, situada no lugar do Pazo, foi construída no ano 1600 e ampliada no 1700. É de estilo románico e en principio pertenceu mosteiro de Caaveiro ata o século XVIII. Nela consérvanse un cáliz e unha cruz procesional de prata do século XVIII. A de San Boulo de Caaveiro é de planta rectangular con ábside do século XIII e fachada do XIX. Santa María de Cabalar é de estilo barroco do século XIX.
Do século XIII é a capela da Nosa Señora das Neves, a patroa do concello, situada na propia capital municipal, As Neves (antes chamada Pedra Maior). É de orixe románica, con planta rectangular dunha soa nave e unha torre engadida no século XIX de planta cadrada e campanario de catro arcos. Nela gárdase como reliquia un alba do século XVIII, que se atribúe e San Rosendo.
Hai interesantes cruceiros nos lugares das Neves, O Pazo e Cabalar.
A NOSA SEÑORA DAS NEVES
É unha das advocacións marianas máis antigas. Data do século IV e está moi estendida en España, Italia, Portugal e Latinoamérica.
A orixe está atribuída á época do papa Liberio. O relato di que un vello e rico matrimonio da nobreza de Roma, que non tiveran fillos e eran moi caritativos cos demais, solicitaron da Virxe para que os seus bens tiveran un mellor uso cristiá. A Virxe díxolles que onde sinalara ela debían construír un templo, e así na mañá do 5 de agosto o monte Esquilino de Roma apareceu nevado, polo que se interpretou que era o desexo da Virxe, polo que alí edificaron unha capela. Outras versións din que a Virxe se lle apareceu en soños ó matrimonio e ó papa anunciándolles a neve de agosto. Posteriormente a capela desapareceu e no 434 reconstruíse unha nova, sendo a actual basílica de Santa María a Maior.
A partir do ano mil comezou a espallarse a devoción a outros lugares. A lenda española relata a historia dun cura e un camiñante que estando, cada un pola súa conta, por Sierra Nevada no medio dunha forte nevarada perdéronse. Ós dous aparecéuselles a Virxe e indicoulles o camiño a seguir e salvounos dunha morte segura. No lugar levantouse unha ermida (a actual Vieja de Dílar), e dende aquela a Virxe das Neves é a patroa de Sierra Nevada.
A Virxe das Neves é venerada en varias localidades galegas, como no concello das Neves (Pontevedra), que tomou o seu nome pola aparición de abundante neve un 5 de agosto. Tamén se celebra no lugar de Cervicol, no concello de As Pontes.
En diversas localidades españolas celébrase esta festividade o 5 de agosto, como en Sallent de Gállego (Huesca), illa de La Palma, da que é patroa, así como da súa capital Santa Cruz; Taganana (Tenerife), Agaete (Gran Canaria), Chinchilla de Montearagón (Albacete), Benacazón (Sevilla), da que é patroa e Alcaldesa Perpetua da localidade; Rubi de Bracamonte (Valladolid) e Olmeda del Rey (Cuenca).
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
as_neves_capela_2010_001.jpg
Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios