XERMADE CELEBROU A FESTIVIDADE DA NOSA SEÑORA DA ASUNCIÓN

108

Xermade celebrou a pasada fin de semana as súas festas patronais na honra da Nosa Señora da Asunción.
Os festexos xa comezaron o venres 6 cunha verbena amenizada pola orquestra Sintonía de Sancovade e a Discoteca Movil . O sábado 7, trala misa e procesión, na sesión vermú puxo a música a orquestra Alarma, quen, acompañada con La Bámbola, amenizaron a verbena nocturna.
O derradeiro día, domingo 8, houbo a solemne misa e a procesión coas mesmas imaxes do día anterior, a de San Roque, o Sagrado Corazón e a da Asunción. De seguido houbo sesión d fogos de artificio e a sesión vermú coa orquestra Xente Nova, que repetiu actuación na derradeira verbena.
Tamén houbo actos culturais como unha exposición pictórica da rouparesa Conchita Pardo López e un partido de fútbol correspondente á primeira eliminatoria da Copa Concello de Xermade, entre o CD Xermade e a SDC Roupar, que rematou con vitoria mínima do Xermade por 2-1, aínda que o cadro de Roupar, por dominio e ocasións de gol, mereceu un mellor resultado.
xermade_2010_001.jpg


O CONCELLO DE XERMADE
Xermade está situado no extremo noroccidental da Terra Chá. É un concello eminentemente rural con 166,96 quilómetros cadrados de superficie e 2.256 habitantes repartidos en 202 aldeas agrupadas en dez parroquias. A parroquia máis poboado é Roupar con 361 habitantes, seguida de Xermade (316), Cazás (309), Cabreiros (274), Momán (272), Burgás (234), Lousada (185), Piñeiro (146), Candamil (87) e Miraz (72).
En canto a entidades de poboación, Xermade e O Chao (en Cabreiros) contan con 83 habitantes, A Casanova (en Roupar), con 92, e o Campo da Feira (en Momán), con 78 veciños.
A súa topografía en xeral é chá, aínda que ó norte e ó oeste faise máis agreste e montañosa. Ó norte atópase a Serra da Carba con alturas superiores ós 800 metros, como o Peñote (876), A Pena Goía (806), A Pena do Foxo (839) e o Pico do Castelo (703). No oeste está a Serra da Loba con cumes como o Candieiro (706), o Serrón do Lobo (702) e a Pena Verde (643).
Os ríos máis importantes son o Chamoselo, Trimaz e Labrada. O primeiro recorre o noroeste do concello antes de xuntarse co Eume na vila de As Pontes. O Trimaz cruza o concello de norte a leste, desembocando no río Ladra, afluente do Miño. O Labrada que vén de Guitirz, atravesa a parroquia de Cazás, onde recibe as augas do rego de Momán, desembocando tamén no Ladra. Tamén hai que sinalar ó Eume, que delimita as parroquias de Piñeiro e a pontesa do Aparral.
RESEÑA HISTÓRICA
Hai abundancia de restos prehistóricos, como mámoas e castros, en todo o concello de Xermade, como o demostran a toponimia e os restos de xacementos. En Cazás apareceu unha lápida votiva da época romana coa inscrición “Laribus vialibus Placinida ex voto posuit”, que fai referencia a unha posible vía ou camiño que pasaba por este lugar.
As parroquias de Lousada e Burgás pertenceron a antiga xurisdición de Vilalba, Roupar ó mosteiro de Meira, Momán ó de Monfero, a de Xermade ó señorío dos Andrade, mentres que Cabreiros pertencía á xurisdición de As Pontes, na provincia de Betanzos.
Coa formación dos primeiros concellos aparece o termo de Lousada, pero en 1835 tódalas parroquias pasan ó concello de Vilalba. En 1840 é cando aparece por primeira vez o concello de Xermade.
A mediados do século XIX o concello de Xermade xa estaba formado polas actuais dez parroquias con 2.931 habitantes. Contaba con numerosos lugares e aldeas e un total de 590 casas e catro escolas ás que ían 105 nenos e 11 nenas e os mestres carecían de dotación económica e do título de suficiencia. Dos seus 2931 habitantes podían ser elixibles 246 e electores 256 (un con capacidade e 255 como contribuíntes). O seu goberno estaba a cargo dun alcalde, un tenente, seis rexedores, un síndico, cinco suplentes e nove alcaldes pedáneos.
PATRIMONIO MONUMENTAL
En canto a monumentos destacan as ben reconstruídas igrexas parroquiais, como a de Cabreiros, que ten un bonito retablo barroco do século XVIII, a de Momán de estilo barroco. Tamén é interesante o retablo maior, de estilo neoclásico, da igrexa de Candamil, e a cruz procesional (século XVI) da igrexa de Burgás. Son moi numerosos os cruceiros en todo o concello, especialmente nas parroquias de Cazás, Lousada e Cabreiros, e as capelas, salientando a de San Miguel de Buscalte (Roupar), polo seu pintoresco emprazamento ó pé da montaña.
Ata a década dos anos cincuenta do século pasado había tres feiras no concello, unha en Momán (os días 4 e19 de cada mes), unha en Lousada (o derradeiro día do mes) e outra en Roupar (o día 13 de cada mes).
Ademais das festas patronais da capital municipal, son tamén importantes as da Pascua en Lousada Pazo, a de Santa Olaia en Burgás, o San Estevo en Roupar de Abaixo, o San Pedro en Roupar de Arriba e Miraz, o San Martiño en Piñeiro e o San Andrés e San Xoán en Lousada.
Xermade, 9 de agosto de 2010 (AF)
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
xermade_2010_001.jpg
Copa Xermade 2010.jpg
Copa Xermade 2010.jpg
Copa Xermade 2010.jpg
Copa Xermade 2010.jpg
Copa Xermade 2010.jpg
Copa Xermade 2010.jpg
Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios