Nota de prensa BNG: JORQUERA PEDE AO MINISTRO DE INDUSTRIA POR CARTA QUE RECIBA AOS SINDICALISTAS DA CIG EN FOLGA DE FAME E Á PLATAFORMA CONTRA O DECRETO DO CARBÓN

42

O deputado do BNG, Francisco Jorquera, e o senador nacionalista, Xosé Manuel Pérez Bouza, visitarán mañá en As Pontes ás 11.00 horas aos sindicalistas da CIG
Madrid, 21 Outubro 2010. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, dirixiuse por carta ao Ministro de Industria, Miguel Sebastián, para solicitarlle que reciba aos sindicalistas da CIG en folga de fame e aos representantes da “Plataforma contra o Decreto do Carbón”.
O deputado do BNG quer convencer ao titular de Industria de que abra a porta do diálogo porque “estamos seguros que resultará enriquecedor que o Ministro escoite a avaliación e as propostas que defenden en aras a que as comarcas galegas afectadas non sigan prexudicadas por decisións que ameazan a actividade doutro dos seus sectores económicos básicos”. Neste sentido, lembra que Ferrolterra xa se viu castigada polas sucesivas reconversións da construción naval.


Jorquera traslada a Sebastián a preocupación do BNG pola situación que atravesan as comarcas de Ferrol e A Coruña, Eume e Ortegal, “polos previsíbeis prexuizos que nas súas economías terá o coñecido como Decreto do Carbón, que beneficia á produción eléctrica xerada a partir do “carbón nacional” en detrimento das centrais térmicas galegas que utilizan carbón importado”.
Lembra o deputado do BNG que os sindicalistas da CIG levan en folga de fame desde o 16 de outubro e que a Plataforma contra o Decreto do Carbón está constituída por numerosas entidades e asociacións de ámbito comarcal, partidos e sindicatos que defenden os intereses económicos da zona.
Visita aos sindicalistas mañá ás 11.00 horas
O deputado do BNG, Francisco Jorquera, e o senador nacionalista, Xosé Manuel Pérez Bouza, visitarán mañá en As Pontes ás 11.0 horas aos sindicalistas da CIG en folga de fame. Ademáis, participarán na concentración e explicarán as iniciativas do BNG sobre as negativas repercusións do Decreto do Carbón.
carta-a-sebastian-decreto-carbon.jpg

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios