Arturo Torrente Bellas, por Xose Ferreiro

534

Probablemente para algúns, sobre todo para @s máis noviñ@s, quizáis resulte descoñecido, pero Arturo Torrente Bellas foi un grandísimo piraguista nos comezos do Grupo Xuvenil Endesa. Naceu en As Pontes en 1973, e foi catro veces campión de España, cinco de Galicia, ademáis de conseguir cerca de 50 medallas en competicións importantes. Oitavo clasificado no Mundial Junior disputado en Viena en 1991, sendo cadete en 1989 conseguiu o triplete nos Descensos do Eume, Miño e Sil. Foi elexido tres veces mellor deportista de As Pontes, 1990, 1991 (con Corral) e 1993 e tamén recibiu o Trofeo Lesneven no ano 1992, galardón que creou o Concello pontés para premiar ó mellor deportista local, pero que so tivo unha edición.
arturo_1.jpg


Cando un fala con Arturo dase conta de que podería botar horas e horas charlando con él sobre experiencias, aventuras e anécdotas desta etapa da súa vida na que durante case 20 anos se adicou a este deporte. Arturo foi un pioneiro no piraguismo pontés en moitas facetas, o primeiro en conseguir medalla nun Campionato de España, en quedar Campión Galego e de España, en acudir a un Mundial, en estar en un Centro de Alto Rendemento, en ir a Residencia Joaquín Blume (onde agora está Gema Buitrón). En definitiva Torrente foi un deses moitos grandes deportistas locais que comezou a situar o nome de As Pontes no mapa e que abriu o camiño a moitos éxitos posteriores.
arturo_1.jpg

Arturo, Premio Lesneven 1992 ó mellor deportista pontés, entregado polo alcalde Aquilino Meizoso, o adestrador do Deportivo Arsenio Iglesias e o ex colexiado internacional Raúl García de Loza. Ó fondo, o incombustible Carlos Orejas.

A día de hoxe Arturo conta con 37 anos, está casado e ten dous fillos, unha nena de tres anos e un cativo de un, e ten a súa propia empresa de Fontaneria na Casilla. Hai dez anos que deixou este mundiño do piraguismo, pero sigueo levando moi adentro e si nun futuro os seus fillos se animaran a practicar este deporte el estaría encantado. Estivemos dúas tardes conversando e mirando fotos e máis fotos da súa vida deportiva e desde Amigus agradecemoslle a amabilidade que tivo con nós.
Contanos Arturo os seus inicios neste mundiño, que ó mesmo tempo eran os comezos do histórico Grupo Xuvenil Endesa “Recordo que eu tiña 7 ou 8 anos, e animeime a introducirme no mundo do piraguismo vendo palexar a Alén, empezamos no Río Eume, en Tras da Ponte, que era onde vivía eu, e a eses comezos contribuiron moito Jesús Alén e Pepe Castro ”Severiano”, que foron os fundadores e asentaron as bases do clube, ademáis Alén era dos que sempre te levaba en coche ás competicións e te ía buscar a casa para acudir ós adestramentos. Comezamos con dúas piraguas emprestadas polo Naútico Firrete de Pontedeume e o Centro de Formación Profesional tamén nos deixaba utilizar o seu ximnasio, Cuqui, que era unha mestra do centro incluso nos daba clases nese ximnasio. Tamén recordo que o lucense Ramos Misioné, medallista de bronce no K4 nos Xogos Olímpicos de Los Angeles 1984 viñera a dar charlas a As Pontes e nos axudara moito neses inicios. Eu faloche dos anos 1984-1985, logo xa no 1989-1990 apareceu Endesa, que nos empezou a patrocinar e tamén nos deixou a caseta do Pantano, e comezamos a cambiar o Río Eume polas instalacións do Pantano da Ribeira, que a día de hoxe é un paraxe idílico e está asumido plenamente para a práctica do piraguismo, pero eu recordo que ó principio a nos aquelo parecíanos como ir a unha selva, a xente tiñalle moito medo e respeto ó pantano naqueles tempos”.
Emocionase Arturo cando lembra ó que foi compañeiro seu durante moito tempo, o octacampión galego, tricampión de España e único galego gañador do Descenso do Sella en K1, Jose Ramón Corral Bustabad, falecido hai case tres anos “Corral era unha persoa sensacional, maravillosa, eu crieime con él no piraguismo dende infantís, sempre fomos parella no K2 e nos enfrontabamos no K1. Estivemos xuntos no CAR en Pontevedra, con Iván Rodríguez (actual adestrador do CD As Pontes Cadete) e tamén na selección española de pista, el estivo no piraguismo, logo marchou a estudar INEF, onde fixo os seus pinitos no mundo do triatlón, e logo unha vez rematados os estudos regresou outra vez ó piraguismo, pero xa nas grandes distancias, na especialidade de maratón, e ademáis de gran persoa, foi un sensacional deportista, dos mellores que houbo en As Pontes. Conseguimos moitas cousas xuntos, o primeiro Campionato galego, K2 500 en 1990, a primeira medalla nun Campionato de España, plata en K2 5000 metros en 1990 e o primeiro Campionato de España, K2 1000 metros en 1991”.
arturo_1.jpg
Jose Ramón Corral Bustabad e Arturo Torrente Bellas, Campións de España en K2 1000 metros en 1991

Torrente recordanos con alegría e nostalxia os seus catro campionatos de España “o primeiro como xa dixen foi con Corral en K2 1000 metros en 1991, logo tamén gañei outros tres integrando o K2 e K4 da selección galega nos Campionatos de España por autonomías, nos que ir coa selección galega casi garantizaba conseguir o ouro, porque aquí estaban os mellores piraguistas de toda España”. A súa mellor competición foi o Campionato de España do 91 “porque aparte do ouro con Corral conseguín outras tres medallas, plata en K2 500, tamén con Jose Ramón, e en K4 1000 con Corral e os irmáns Javier e Serafín Fontao, e tamén fun bronce no K1 500 metros”. Sobre a medalla que máis ilusión lle fixo “O ouro con Corral nos Campionatos de España do 91 e unha medalla de ouro que acadei no K1 500 metros nos Campionatos Galegos de 1992, porque a gañei eu so”.
arturo_1.jpg
Arturo, campión galego en K1 500 en 1992

Falanos Arturo da súa experiencia mundialista “Para min encheume de orgullo e satisfacción ser o primeiro piraguista do clube en acudir a un Mundial, fixate que incluso conservo o dorsal, alí coincidín con Miguel García, actual adestrador de Borja Prieto, e tamén lembro que a regata final foi un 25 de Xullo, día da Fraga, curiosamente no piraguismo moitos dos grandes campionatos coinciden coas festas de As Pontes, e cando eu era mozo para durmir tranquilamente e concentrarme ía á casa dos meus avós en Tras da Ponte. Como anécdota tamén che contarei que o equipo fichou a dous polacos campións no Mundial Junior, i eu en 1992 fun subcampión de España en K2 500 con un deles, Cristofer Trochin”.
arturo_1.jpg
arturo_1.jpg
Arturo, no K4 da selección española, 8ª clasificada no Mundial Junior Viena 1991

Sobre a súa estancia na Residencia Joaquín Blume de Madrid, na que actualmente está a gran Gema Buitrón “Estiven alí un ano, 1991, recordo que era o ano preolímpico, e de aquela decidirase destinar orzamentos para tódolos deportes e para tódalas categorías, desde senior ata junior, logo cando pasaron as Olimpiadas de Barcelona todo volveu a ser coma antes, e era moi difícil facerse un oco no equipo absoluto porque estaban todos moi asentados e eran case intocables”.
arturo_1.jpg
Arturo co polaco campión mundial Cristofer Trochin en 1992

Da experiencia piraguistica do Sella contanos Torrente que “Estiven ali catro veces, formando parte do K2, e lembrome do triunfo de Obdulia García e Susana Bellas en K2 feminino, da propia Obdulia e do que agora é o seu marido Javier Mieres en K2 mixto, e da victoria de Corral en K1 en 1996, que nunca se lles deu o mérito que tiveron, porque ali van os mellores piraguistas de toda España e tamén de fora, é a gran festa das piraguas, e para un asturiano o Sella é unha relixión, gañar o descenso e casi máis importante que gañar unha medalla olímpica, Corral, Obdulia, Susana e Javier tiveron moito mérito”.
Deixou o piraguismo no 2000 porque “por cuestións de traballo apenas dispoñía de tempo. Na época na que eu me retirei comezaba a destacar Borja Prieto, Dani Feijóo foi un fenómeno, e un gran rapaz, e tamén me lembro duns canoístas que foron campións de España, Gonzalo López e David Bellas, houbo moita xente boa no clube”. Sobre os aspectos positivos do piraguismo anima ós cativos a practicar este deporte ”porque é beneficioso para a saúde, porque viaxas, fas amigos, eu teño moitos por toda España, que penso que é máis importante iso que calquer título ou medalla, e sobre todo o piraguismo serviume para o día a día de hoxe, en canto a esforzo, afán de superación, poñerse metas, confesoche que a min axudoume moito no meu traballo”. No seu tempo libre “gustame andar en bici, pero entre o traballo, a muller e os meus dous fillos apenas teño tempo, ser pai cambiache a vida, pero non so a nivel emocional, senón tamén en que apenas dispós de tempo (risas)”.
arturo_1.jpg
Arturo co subcampión mundial Daniel Feijóo Ferreiro, subcampións galegos en K2 200 metros

Para rematar Arturo confesanos un soño, que queremos compartir con él “Gustaríame ver a un deportista pontés nas Olimpiadas, se fora piraguista aínda máis, creo que As Pontes o merece, xa sexa Borja, Gema ou Rochela si se clasifican e o convocan para a selección de fútbol olímpica, e a min encantaríame poder apoialo económicamente na medida na que eu puidese dentro das miñas posibilidades, porque son consciente do enorme sacrificio que conleva a práctica dun deporte e máis si é a alto nivel”.
El é Arturo Torrente Bellas, sen dúbida, un dos grandes da historia do deporte pontés.
Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios