Comunicado traballadores RTV EUME: Nos dicimos

189

En relación coa denuncia do Sindicato de Xornalistas de Galicia, e da Asociación da Prensa da Coruña, na demanda de paralisación das prazas para os medios de comunicación municipais, os traballadores actuais neses postos queremos manifestar o seguinte:
Entendemos e compartimos esa queixa, ó recoñecer que aquel que se prepara para un cometido debe ter prioridade para realizalo, pero a situación que nos ocupa parte dun plantexamento erróneo que invalida esta máxima.
Non se está a falar de convocatoria de prazas de nova creación. Como xa se publicitou, e se explicou nunha rolda de prensa a todos os medios que quixeron achegarse, e en todo caso por medio dun comunicado, o que nos ocupa é un caso de consolidación de emprego.
Trátase de case medio cento de prazas nos servizos municipais para as que os traballadores, e os seus representantes legais veñen solicitando dende hai moitos anos, garantías de mantemento. Co apoio do Pleno Municipal e dos tres sindicatos con representación no Concello das Pontes, decidíase sacar unha convocatoria de prazas co obxectivo de consolidar eses postos para os traballadores que estaban eventuais malia levaren ata 20 anos desenvolvendo os seus labores.
Sabedores de que o noso é un traballo público, e por tanto suxeito ó xuizo ó que se queira someter polos receptores deste, non imos entrar en valoracións da opinión que do noso labor se poda ter, e que será en todo caso sempre subxectiva.


O que non é xusto, dende logo, é que se poña en dúbida a profesionalidade duns compañeiros que levan mesmo máis de dúas décadas desenvolvendo un traballo que permitíu que sexamos unha das escasísimas Radio, e, sobre todo, TV municipais, que sobreviven á época de profusión destas.
É certo que hai casos nos que non se conta co título de xornalistas nestes traballadores, e é que non o son ou non o somos canto á titulación, pero si son, si somos, xornalistas, realizadores, cámaras, productores, locutores, redactores, e todo aquelo que o desenolvemento diario dende 1989 esixíu a emisión primeiro en radio e logo en TV.
Un servizo mellor ou peor, pero do que As Pontes gozou grazas ó traballo, en todos os casos desinteresado e non remunerado, antes de accederen a un contrato.
Contratos que chegaron a través de exames para os que puido presentarse quen o tivese desexado, pero quizais non era atractivo dabondo traballar nun modesto medio local, con soldos moi baixos, e sen medios técnicos nin humanos, que obrigaron a ter que aprender todo aquelo que se precisaba facer e non había con quen nin con que.
Unha das primeiras cousas que se aprenderon nesta Universidade da RTV local, como así o foi para moitos que comezaron aquí, e logo ou durante, si se formaron como xornalistas, e para os que quedaron a traballar no medio, foi a de contrastar as informacións.
Lamentamos que un Sindicato e unha Asociación da Prensa, que apelan á defensa da formación académica como mérito excluinte, obviara tal circunstancia, falando de convocatoria de prazas, entendéndoo como postos de nova creación…
De terdes feito o mesmo dende o Sindicato de xornalistas, saberiades que non estamos a falar de prazas de nova creación para as que non se pida titulación para desenvolvelas. Trátase de consolidar prazas xa existentes, con persoas que levan anos ocupádoas, e que agora arriscan esas mesmas prazas sacándoas públicamente para poder acceder a un contrato fixo.
Cabe sinalar que nos últimos catro anos convocáronse dúas novas prazas na TV para as que si se esixíu xa a titulación, pero neste caso concreto trátase de consolidar unhas prazas que xa existen, para tentar trocar as condicións contractuais duns traballadores, circunstancia para a que, insistimos, houbo un apoio unánime dos sindicatos representados no propio concello.
No caso de esixir agora esa titulación ós traballadores actuais, que estiveron cando outros non quixeron ou non puideron, perderían o seu posto.
Pola contra, deste xeito, ninguén impide que se presenten os titulados ó igual cós que si están a poñer en xogo o seu posto de traballo.
No referente ás dúbidas que se verquen en col da rigorosidade desta convocatoria, que deu lugar a comentarios en col da sempiterna sospeita das prazas públicas, abonde o dato de que dende 1989 o goberno Municipal pasou por mans de tres partidos políticos diferentes, maiorías absolutas, coalicións, e gobernos en minoría, e a plantilla foi sempre a mesma, coas baixas dos traballadores que decidiron pola súa conta irse.
Xa que logo non se vexan pantasmas onde non as hai, porque todos os traballadores que supostamente querería manter este goberno municipal non entraron a traballar precisamente durante este goberno, senón en anteriores, e con diferente cor política.
Confiando en que este exercizo de corporativismo excluinte quede tan só nun mal entendido, aproveitamos para poñernos ó dispor de todos os compañeiros de outros medios para aquelo que dende o que desenvolvemos nel o noso labor, podamos servirlles.
Entramentres esteamos a traballar na RTV local, aquí tedes a uns compañeiros con ou sen título, pero con profesionalidade e sentido da solidariedae para o que podamos ser de utilidade, mesmo na defensa dos postos de traballo de calquera xornalista que busque a seguridade que nós agora perseguimos.
Atte:
Xose Cendán Montero.
Carlos Orejas Román.
Miguel López Paz.
Miguel Bouza Bermúdez.
Isabel Carballo Rivera.
Erika Caaviero Seijas.
María José Pita Rodríguez.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios