Nota de prensa BNG: O Goberno do Estado recoñece que o Plan do Carbón 2006-2012 non realizou ningún investimento en infraestruturas no Concello das Pontes desde o ano 2006

24

En resposta escrita (Resposta_do_Goberno_Infraestruturas_Plan_Carbon.pdf) a unha pregunta do BNG no Congreso, o Goberno do Estado informa que no período de vixencia do actual Plan de Carbón (2006-2012) non se acometeu ningunha obra de infraestrutura no Concello de As Pontes.
As Pontes, 15 de decembro de 2010.- Na resposta recibida do Goberno vese que, no Concello de Cerceda, hai 4 actuacións en execución cos fondos do Plan do Carbón: Dotación en infraestutura deportiva, en Solo Industrial, nunha Edar industrial e nun Centro Xeriátrico.
Tamén informa da existencia de 5 convenios máis que están pendentes de asinar, todos eles tamén no Concello de Cerceda: Mellora nunha estación de tratamento de auga potábel, no Museo da Minaría, Paso Fluvial, ampliación do Parque Acuático e un Albergue na Estación de Cerceda.


Asemade, dentro dos Convenios asinados e en execución, recolle unha partida duns 8,5 millóns de euros para o treito da Autovía Cabreiros (Xermade)-Vilalba; neste senso, este treito da Autovía tiña un orzamento superior aos 40 Millóns de euros, é dicir, na súa maior parte foi sufragado pola Xunta de Galiza.
Temos que lembrar que en repetidas ocasións, dirixentes do Psoe atribúen o financiamento completo da Autovía Ferrol-As Pontes-Vilalba aos fondos do Plan do Carbón, cando a realidade é que, incumprindo os compromisos do propio Plan do Carbón, as achegas únicas do Plan a esta obra foi o desdobramento entre Catabois (Ferrol)-San Sadurniño do corredor realizado pola Xunta e agora esta partida para complementar o treito Cabreiros-Vilalba; o resto da Autovía foi pagado integramente con fondos xestionados pola Xunta de Galiza.
No que ten a ver co Concello de As Pontes fica claro a nefasta xestión das posibilidades en infraestruturas do Plan do Carbón, logo de cinco anos da súa vixencia, o Ministerio de Industria non gastou nin un só euro dentro do ámbito específico do Concello e, ademais, como se recoñece na resposta, non hai ningún Convenio pendente de asinar.
Por último, tamén na resposta recóllese que a cantidade asignada a Galiza no capítulo de infraestruturas, desde o ano 2006 ao 2010, é de 19,58 Millóns de euros; que si a comparamos cos datos recoñecidos nunha resposta anterior, tamén ante unha pregunta do BNG, contrasta esta cifra cos case 600 Millóns que, polo mesmo motivo, recibiron en Asturias, os 132 Millóns de Castela-León ou os 54 Millóns de Aragón.
Bloque Nacionalista Galego
Asemblea Local de As Pontes

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios