Marcial Tenreiro Bermúdez: ”O Camiño dos Arrieiros é historia para ver e pisar”

99

[El Progreso, por Cristina Arias] O arqueólogo Marcial Tenreiro Bermúdez defende que crear unha ruta de sendeirismo no Camiño dos Arrieiros, que abrangue das Pontes a Bares máis de 80 mámoas, sería unha forma de poñelo en valor, pero subliña que «é imprescindible a implicación real das administracións».
MARCIAL TENREIRO é un defensor acérrimo do patrimonio e da importancia da súa conservación. Por eso, aparte do seu traballo como arqueólogo e mestre na Universidade, participa en xornadas e obradoiros baixo a premisa de que divulgar é «protexer».
Participou nas ‘Xornadas Mouras’ das Pontes, centradas no Camiño dos Arrieiros. Que destacaría del?
É un xeito doado de facer unha viaxe no tempo, pois percorrer o Camiño dos Arrieiros significa andar por unha ruta pola que se veu andando desde o 5000 a.C. ata practicamente antonte. É un camiño con moita historia, unha historia que se pode ver e pisar.
Leva o nome dos que transportaban mercadorías das Pontes a Bares. Soportaba moita afluencia?
É difícil precisar a afluencia total, pero cumpría un papel moi importante nas relacións entre o interior e a costa. O tránsito era fundamentalmente estacional, concentrado sobre todo nos meses de bo tempo.
marcial.jpeg


A ruta foi destruída co tempo, cortada por unha estrada…
Efectivamente o camiño foi vítima do seu propio carácter de vía natural privilexiada e atópase cortado pola estrada en varias partes, se ben consérvase aínda gran parte do trazado antigo. Ademais, parte dos montes polos que pasa son particulares o que fai que nalgúns lugares quede interrumpido polo arame e os valados que curtan as antigas servidumes de paso do Camiño Real.
Que opina do seu estado de abandono actual?
En certa forma o abandono do camiño foi resultado do propio cambio das formas de vida e o paso da sociedade tradicional á contemporánea cando o oficio de arrieiro desapareceu pola mellora das comunicacións. O camiño morreu cando a recua de mulas foi mudada polo tráiler, igual que sucede con moitos elementos da cultura tradicional que perderon a súa función e contexto orixinal, o cal non quere dicir que non se podan artellar formas de darlles unha nova vida, un novo pulo dacordo coas circunstancias actuais.
O camiño destaca polo número de elementos arqueolóxicos que acolle. Cantos hai catalogados?
Federico Maciñeira, pioneiro da arqueoloxía galega e o primeiro en estudar o Camiño, deixou constancia de máis de 80 mámoas en torno ao Camiño dos Arrieiros, o cal é unha concentración extraordinariamente densa, similar á que atopamos na zona das Pontes, posiblemente unha das máis ricas en megalitismo de toda Galicia. En canto ás tipoloxías, hai de todo, destacando pola súa espectacularidade túmulos como o de Forno dos Mouros, un impresionante dolmen de cámara e corredor.
En que estado se encontran?
Algunhas nun certo estado estable, por falar en termos médicos, outras están afectadas por plantacións de árbores e outras están rodeadas por parques eólicos. Nalgún caso fíxose un esforzo de acondicionamento, pero en xeral, como ocorre coa maior parte do patrimonio arqueolóxico, a sensación é de certa indefensión e vulnerabilidade.
Perdeuse moita información?
O máis triste do que se perde na destrución dos restos arqueolóxicos é que nunca saberemos xa o que estes poderían ternos dito. Nun caso como o do Camiño dos Arrieiros, que tivo moitas vidas ao longo da historia, hai un patrimonio engadido, o inmaterial. O traballo de estudio está aínda por facer e neste caso temos os días contados se é que ese legado oral non se perdeu xa para sempre, co último vello que tiña recordo del.
A Liga Céltica reivindica que se recupere. Que se podería facer?
Moitas cousas. Hai elementos que precisarían ser reparados, sinalizados, acondicionados e limpados para facelos máis visibles. O principal é facer actuacións respectuosas, o menos invasivas posibles e que non resulten contraproducentes. Temos algún triste exemplo como o do Cristo de Mouraz, onde se fixo un monolito que evocaba a lenda deste e un área recreativa e paradoxicamente nas obras o que quedaba da peza orixinal foi partido e deitado entre escombros.
A Liga solicita o nomeamento de BIC. Cre que sería posible?
Non penso que sexa un imposible, nin moito menos, xa que existen casos similares declarados BIC polo seu interese cultural e histórico e non temos máis que fixarnos en que ano estamos, Xacobeo. Moitos dos elementos que están no camiño serían susceptibles por si mesmos de ser BIC pero é máis interesante unha protección integral da ruta porque garantizaría unha protección máis clara para outros elementos non arqueolóxicos como os distintos cruceiros. Pero para eso sería necesario que houbese unha implicación real por parte da Administración.
O camiño pasa polos concellos das Pontes, Mañón e Ortigueira, hai implicación dos poderes públicos?
Realizáronse algúns traballos de acondicionamento dalgúns elementos particulares, nalgunhas necrópoles megalíticas… por parte de autoridades locais, pero non existe polo momento un plan de recuperación que aborde toda a ruta no seu conxunto como algo integral, tendo en conta os distintos aspectos arqueolóxicos, históricos e etnográficos.
Debería sinalizarse?
É imprescindible, sobre todo tendo en conta que os elementos arqueolóxicos que se encontran dentro do trazado do camiño tampouco están sinalizados. En canto ao propio trazado do camiño unha sinalización adecuada como vía de sendeirismo podería ser de grande interese, tendo en conta que o camiño non só está cheo de restos arqueolóxicos senón que tamén trascorre por lugares da grande actractivo natural e paisaxístico.
A Plataforma na Defensa do Patrimonio organizou unha ruta para dar a coñecer esta vía. Cre que é fundamental a divulgación?
É importante xa que é difícil protexer algo que a maioría da sociedade descoñece. Moitas das actitudes que a xente ten sobre o patrimonio mudan radicalmente cando se dan conta que aquelo é algo máis que catro pedras. A divulgación é fundamental e a mellor forma de dar a coñecer o camiño é sen dubida andándoo.
DE PRETO
”Cada vez que se perde patrimonio desaparece algo de nós irreparable”
Se non fora arqueólogo, sería…
Posibelmente me dedicaría á pintura, a miña primeira vocación.
Se tivera unha máquina do tempo, a que época viaxaría?
A Gallaecia prerromana, sobre todo polo pouco que sabemos dela, pero non desbotaría un paseo pola Roma de Augusto.
Entre tódalas civilizacións antigas, con cal se queda?
Eso é case como a vella pregunta de a quen queres máis, pero, por decir un, digamos… os celtas.
Un arqueólogo de referencia?
Moitos, pero se pensamos en Galicia, Federico Maciñeira, membro de esa arqueolóxia heroica dos pioneiros, ou López Cuevillas, pero xa estou citando de máis…
A gran perda na historia?
Cada vez que un anaco do noso patrimonio arqueolóxico, histórico ou etnográfico desaparece perdemos algo de nós mesmos. E iso sempre é irreparable.
Un lugar?
As Pontes, e, por que non, O Caxado.
Nado en Terra de Trasancos, pero descendente de ponteses (seus avós eran de Cervicol e Ribadeume), que relación ten con As Pontes?
É unha relación que ten moito de afectivo, como soe pasar co lugar do que sintes que veñen as túas raíces, e vencellada ademais a algúns recordos da nenez e ao que me contaban os meus avós. Ademais teño bastante amigos.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios