O BNG denuncia o efecto do decreto do carbón na suba da luz

77

Diario de Ferrol. O BNG presentou onte no Congreso e no Senado unha iniciativa parlamentaria na que denuncia que un dos custes que vai “disparar” o recibo da luz no vindeiro ano é o decreto do carbón. Os voceiros da formación en ambas Cámaras, Francisco Jorquera e Xosé Manuel Pérez, rexistraron unha pregunta na que demandan ó Goberno que reflexione e modifique a normativa para evitar o incremento da factura eléctrica.


A iniciativa presentada polos nacionalistas coincidía onte coa reunión da Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos, que tiña na orde do día a aprobación da tarifa eléctrica de último recurso para 2011. Segundo o cálculo realizado pola Comisión Nacional de Enerxía (CNE) a semana pasada, o seu custe elévase no vindeiro ano un 10%, circunstancia que dende o BNG relacionan directamente cos efectos da aplicación do decreto que prima o emprego de carbón nacional sobre o importado.
A propia CNE, lembran dende o BNG, explicou que o aumento se debe en parte ás compensacións dos denominados pagos por capacidade. Isto é, os cartos que hai que desembolsar para compensar ás centrais afectadas pola aplicación do decreto, coma é o caso das térmicas das Pontes e Cerceda. A formación nacionalista reitera as súas críticas a este sistema de compensacións, ó tempo que insiste en defender o dereito a que as centrais galegas manteñan a actividade.
O BNG lembra que o Goberno pactou coas empresas eléctricas estas compensacións a cambio de retirar os recursos xudiciais que interpuxeron contra o decreto, pagos que se elevan a dez euros por megavatio/hora, e insiste no prexuizo que supón para os consumidores, que deberán pagar máis cara a electricidade. Por isto, os nacionalistas reclaman ó Goberno explicacións por esta decisión e pregúntanlle se non cre que traerá “máis consecuencias negativas que positivas”. “Non resulta evidente que non so prexudica ás térmicas galegas senón a millóns de consumidores que van ter que pagar máis pola electricidade?”, reza a pregunta.
Tamén insiste na demanda de que a cota reservada á produción eléctrica con carbón nacional se distribúa de xeito equitativo entre todas as tecnoloxías que xeran enerxía, en lugar de que unicamente se reparta entre as térmicas.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios