Entrevista a Antonio Polo e Carlos Pedreira: ‘Aspiramos a seguir disfrutando do piragüismo’, por Xose Ferreiro

160

Levan varios anos gañando case todalas regatas que ahí por Galicia adiante. Por un lado, Antonio Polo Campello, este gran deportista nacido en As Pontes hai 34 anos, dicharachero e campechano, leva a voz cantante na entrevista, di que non lle gusta falar do seu palmarés, que lle da reparo, que practica o piraguismo por divertirse e que calquera que adestre coma el pode conseguir tanto ou máis, pero en realidade o que pasa un pouco de apuro e se sinte algo acomplexado con tanta colección de medallas é o entrevistador. O seu curriculum case da para escribir un libro, pero abreviando, foi nin máis nin menos que 29 veces campión galego (21 en pista, 5 de ríos e 3 de maratón), 8 veces campión de España (3 delas nos campionatos por Autonomías), compañeiros ponteses dos seus triunfos estatais foron Juan Caaveiro, Miguel Mouta e Jose Otero, ten 7 ouros en Copas de España, medalla de prata na Copa de Europa Portugal 2006 (formando parella co pontés subcampión mundial Dani Feijóo), 5º posto na Copa do Mundo Dinamarca 2009, 3 veces gañador da Regata Príncipe de Asturias, 12 do Descenso do Miño, 5 do Descenso do Eume, 2 do Descenso do Sil, gañador de tódalas regatas correspondentes á Copa Galega de Ríos, Maratón e Travesias polo menos en unha ocasión, ademáis de ser elexido mellor deportista de As Pontes en 1992. Por outro lado, Carlos Pedreira Carneiro, gran piraguista betanceiro de 29 anos que compite no Grupo Xuvenil pontés desde o 2001, máis relaxado e pausado, o seu palmarés quizáis non sexa tan extenso como o de Polo, anque aínda lle queda moito “recorrido”, jeje, pero aínda así, é dos que tamén asustan, 5 veces campión galego, 2 ouros en Copas de España, 1 Regata Príncipe de Asturias, 5 Descensos do Miño, 2 Descensos do Eume, 2 Descensos do Sil, e comparte con Antonio o 5º posto na Copa do Mundo de Dinamarca e o feito de gañar tódalas carreiras que compoñen a Copa Galega de Ríos, Maratón e Travesías polo menos unha vez.
Cando un fala con eles dase conta dos contrastes que ten a vida, mentres moita xente coñece ós personaxes do mundo do famoseo, eles, como tantos outros grandes deportistas ponteses, seguramente non teñen todo o recoñecemento que se merecen.
É un domingo pola mañá en As Pontes, e fai un frío terrible, antes de comezar o seu adestramento no Encoro da Ribeira, ambos fan unha parada e atendennos moi amablemente no seu vestiario.
Antonio Polo - Carlos Pedreira

Pedreira e Polo no encoro da Ribeira


Hola, moitas gracias por concederme esta entrevista, antes que nada, unha pregunta de actualidade, ante todo, a presunción de inocencia, pero ¿que opinades do caso Marta Domínguez?, ¿moi forte non? Porque si por exemplo se confirmara o de Contador, ogallá que non, bueno, desgraciadamente non deixaría de ser un outro ciclista cazado por doping, pero que a filla predilecta, a noiva de España, sexa acusada de traficar con sustancias dopantes ¿é demasiado non?. Fixadevos incluso estes días, é sabido que Mireia Belmonte é crack desde que naceu, pero basta que gañe tres ouros nos Mundiais de Natación para que … bueno, xa me entendedes, o caso Marta Domínguez sembra a dúbida sobre moitos deportes e deportistas españois.
Polo: Hola, eu opino que iso existe no deporte e que vai sendo hora de que desenmascaren algo, o que pasa é que cando se descubre unha cousa hai outras por diante que non se dan detectado. Eu creo que moitos deportistas de élite, en algún momento, anque non sexan conscientes, teñen uns médicos e haise que fiar deles, estes gañan os seus cartos, e os cartos veñen a raíz dos éxitos, entón por parte dalgúns médicos escrúpulos poucos.
Pedreira: Hola, e pasa en moitos deportes, anque tampouco se vai facer nada, farán con algúns o que teñan que facer e pouco máis.
E xa centrandonos en vos, ¿cando vos conocichedes e desde cando competides xuntos?
Polo: Coñecemonos no 2001 que foi cando eu volvin ó piraguismo de competición tras estar fora desde o ano 1994. Ese ano palexamos 2 veces xuntos, pero na segunda regata tivemos un problema, que non foi culpa nosa, pero levamola igual (risas), e o adestrador dixo que ese barco non podía ser, e ata o 2006 non volvimos, deixou de palexar Dani Feijóo, e xa comezamos nos xuntos outra vez, mediada a temporada, e de maneira habitual desde o 2007.
Pedreira: Efectivamente, foi no 2001, eu estaba en Betanzos e como se desfixo un pouco o equipo senior vin para aquí a adestrar co Grupo Xuvenil.
No mundo do piraguismo hai que adestrar moito, é un dos deportes máis duros e exixentes, xa solo falando de pista, pero en maratón ¿hai que adestrar moito máis?, ¿máis tempo? ¿máis carga de traballo? ¿resistencia? ¿qué diferencias hai?
Polo: No maratón adestrase máis tempo na auga e con máis volume de kilómetros, máis resistencia, pero para min en pista adestran unha salvaxada, é moito máis intenso e require de máis ximnasio, o maratón é máis light que a pista, iso si, tes que ter a cabeza máis dura e mentalizarte de que tes que acabar porque tes que acabar, os pisteiros é o que teñen, si se meten en distancias moi longas e lles da un baixon din “ata aquí cheguei”, pero os de maratón temos a cabeza máis forte, sen embargo á hora de adestrar é máis dura a pista, de feito ambos procedemos da pista e co paso dos anos pasamonos ó maratón porque se fai máis levadeiro.
Pedreira: É que é como di él, o maratón ten ritmos máis levadeiros, non tes que facer esas series, a ver, tes que facer tamén algo para ter digamos unha chispa, pero …
Polo: … Pero eles fan esas series varias veces á semana e ti unha vez solo.
E vosoutros ¿que estades máis contentos agora que facedes maratón ou antes cando facíades pista?
Polo: Quizáis disfrutes máis as victorias nas distancias longas, porque che da tempo a palpalas, a sentilas, cando consigues algo velo nas propias regatas, na pista moitas veces chegas e pensas, “¿cheguei eu diante ou chegaron os outros?” (risas).
Antonio Polo - Carlos Pedreira
Entereime con alegría que agora tedes a 20 novos membros no equipo, rapaces xoves, o que da en certa medida un marxe de futuro ó clube, ¿que me podedes dicir deles?, xa sei que é o de menos, pero ¿xa se lle ven maneiras a algúns?
Polo: A verdade é que son unha bendición para o clube, gracias á boa labor de Rafa con eles. En canto a cualidades, mellor nin verllas, si empezan agora con eso de “hai que ser o mellor”, mal vamos, aquí houbo varios casos de persoas que eran os mellores de pequenos e asi que subiron un pouco de categoría e se igualou o nivel levaron un pau moi grande e acabarono deixando, o mellor é que disfruten o piragüismo, que se enganchen, e se o día de mañá queren competir en serio, que compitan, ten as suas consecuencias, non é vir a pasalo ben, pero bueno, o primeiro é que haxa esa base que é o que necesita calquer clube destes, o que fai falta é xente nova, tanto para competir ahí arriba como para competir en versión máis modesta.
Incluso o outro día cando estiven no Kaiak Polo tamén me fixei que lles facía falta xente … porque Mieres e Serafín, por exemplo, xa diron todo o que tiñan que dar, e por abaixo aparte dos “gemelitos” e algúns rapaces máis, non hai moito relevo …
Polo: Eu penso que aquí se perdeu unha xeneración porque se quixo facer un clube exclusivamente de competición, entón ou valías para competir ou non valías, e iso para min foi un erro do clube e agora estamos pagando as consecuencias desto.
Precisamente, como vos escoitei a vos, tamén a Mieres, Serafín e Iván Pena, preocupados polo estado do clube, por darlle unha continuidade, ¿que lle diriades ós rapaces de As Pontes para que se animaran a achegarse ó encoro?, e ¿que foi o que vos levou a vos a introducirvos neste deporte?
Polo: Eu comecei en 1988, creo recordar que eramos 104 naquel cursiño, daquela non había tantos videoxogos e tal vez existía outra cultura de deporte pola proximidade dos Xogos Olímpicos de Barcelona 1992, ademáis no clube crearase unha camaradería especial. E ós rapaces como xa dixen antes, que proben a ver si lles gusta, o piraguismo, o entorno, o ambiente …
Pedreira: Eu inicieime en Betanzos, polos meus primos, por cursiños de verán, porque apetecía máis en verán que agora en inverno con este tempo, probei, logo outro ano volveu a haber outro cursiño de verán en Coruña e volvinme a apuntar, e ó ano seguinte xa estiven competindo, e despois ós rapaces para animalos, e que é complicado, porque por exemplo, ¿como animas a un rapaz a practicar ciclismo en estrada agora en inverno?, que ti podes facer bici estática en casa, é que os deportes ó aire libre realmente son moi sufridos.
E agora ademáis os rapaces coas novas tecnoloxías, internet, consolas …
Polo: Internet e as consolas son competencia, iso haino e non vamos a quitalo porque tamén é valido e está ben que o haxa (risas), pero non son cousas incompatibles, que se animen, por facer grupo, por facer actividade, disfrutan do encoro, que é un sitio moi bonito, non é a muralla que se ve aquí, por dentro é moito máis bonito, está a natureza, e despois se lles gusta ben e senon lles gusta non perderon nada (risas).
Pedreira: Eso, podese compaxinar o ordenador con esto.
Antonio Polo - Carlos Pedreira
Senón é moita indiscrección, ¿que tal vos levades entre os dous?, porque cando un deporte depende de un mesmo non, pero cando un forma o 50% do equipo me imaxino que ten que reinar a armonía para que todo funcione ás mil maravillas ¿non?
Polo: Pois levámonos moi ben, cos seus máis e os seus menos, porque eu teño un temperamento moi brusco, que as veces deriva en discusións, pero Carlos é bastante sufrido conmigo neste temas …
Pedreira: Bueno, paciencia hai polas dúas partes, cada un ten que aguantar ó outro, el ó mellor aguanta que eu paso de montar o barco, achicador, temón e esas cousas, e eu aguantolle cando se lle cruza o cable nalgún momento.
Polo: Eu levo moi mal os erros, son moi mal perdedor, cando algo non sale como eu queria, xa me encendo, son como unha escopeta, disparo, son moi impulsivo. Eu ó ir detrás considero que teño unha boa visión das regatas, de cousas que poden pasar e que se poden facer mellor, anticipome, e as veces cando se falla son moi impulsivo.
Pedreira: Eu son o que vou diante e son o que leva o temón, entón as veces Polo di que é mellor ir por tal sitio e eu non lle fago caso (risas) e logo resulta que ten razón, outras veces non, e de ahí veñen moitas discusións.
Polo: Pero bueno, xa nos coñecemos moi ben e xa sabemos por onde vai cada un.
Eu teño que confesar que vos admiro, xa tedes unha certa idade, anque aínda vos queda moito recorrido, jeje, adestrades o indecible, moitas veces estades sos na auga, caendo chuvia a caldeiros … ¿que é o que vos da o piraguimo para que o sigades practicando tanto, que non fatiguedes, e continuedes colleitando tantos éxitos?
Polo: Para min é como una droga, veño aquí, rompo ahí os cornos e baixome mais a gusto que deus. É unha sensación de benestar, rematar un adestramento canso é como un placebo.
Pedreira: É un deporte que ó ser o aire libre, pasalo ben, vas por sitios que che gustan, eu por exemplo adestro en Betanzos e vas polo rio arriba, logo baixas a ría, é moi bonito, a paisaxe, anque tamén fago máis deporte en pretemporada, bici, carreiras …
Polo: Ademáis somos algo masocas … (risas).
Jeje, ¿Vosoutros na vosa xuventude fixechedes outros deportes a parte do piraguismo?
Polo: Eu facía baloncesto, despois pola miña conta tamén corría bastante, agora non podo facelo de todo porque teño unha lesión, pero o deporte máis duro que fixen é o piraguismo, e as veces estás en outro deporte e falo máis relaxado, pero ós dous días xa botas en falta que sexa máis duro.
Pedreira: Eu de pequeno, o típico, que te apuntan a todas as actividades, vas a fútbol, tenis …vas probando, e o ano que tocou o piraguismo engancheime e aquí estou.
Antonio Polo - Carlos Pedreira
A día de hoxe, ós vosos anos, despois de haber gañado tantas cousas, ¿levades unha dieta moi estricta a nivel de alimentación, aforrades de saír por ahí, das grandes comelladas? … ¿ou de vez en cando dadesvos algún capricho; por exemplo agora que estamos no Nadal, turrón, polvoróns, jeje; e tomades o deporte dunha maneira algo máis relaxada?.
Polo: Eu como de todo, anque nunca me excedo, e tampouco son partidario dos suplementos dietéticos, creo máis na dieta completa.
Pedreira: Nos non somos tan profesionais como para chegar a eses extremos, eu polo menos non me privo, si me apetece comer como, o outro día por exemplo comprei unha tableta de turrón e duroume dous días.
Polo: A parte eu xa che digo, podo comer o que sexa que non engordo, e máis, estou en 80-82 kilos todo o ano.
Pedreira: A min non, o turrón xa me debeu facer efecto que pasei dos 76 … (risas).
Jeje, unha pregunta comprometida para cada un, ¿cales considerades que son as mellores virtudes deportivas e persoais da vosa parella de equipo?
Pedreira: As cualidades deportivas de Polo é que “turra” como un animal, tan so hai que velo na maioría de campionatos galegos de fondo, en k1, xa todo o mundo sabe que Polo é o que vai sair atrás, por un lateral, só, e na seguinte volta xa vai vir adiante tirando do grupo de cabeza, “turra” moito, e a nivel persoal, hai que sabelo levar, ó principio anque che pareza “bueno, coidado con este”, no fondo é unha persoa que se pode tratar moi ben e que tan so leva unha careta.
Polo: Deportivamente Carlos é moi doado de animar en competición, ás veces aínda que non poda máis e vaia moi canso, consigue sacar un extra de non se sabe onde. E a nivel persoal ten unha paciencia incríble conmigo, xa que como xa dixen antes son un nefasto perdedor.
Imaxinome que no maratón haberá multitude de regatas moi sufridas, ¿recordades algunha que fose durísima, non sei, por condicións climatolóxicas, por corrente, porque o corpo non respondía … pero había que acabala si ou si?
Polo: Tal vez a Copa do Mundo do 2009 en Dinamarca, eran 32 kilómetros, había moito vento, e a falta de 4 kilómetros e medio collimos unha páxara, e de ir ben colocados nas medallas pasamos a perder tres minutos e medio, e nos últimos 300 metros pasaronnos dúas embarcacións por cada lado (risas), ás que lles levabamos dous minutos e medio de ventaxa, perdimos o bronce e acabamos quintos. Baixamos da piragua zombies, brancos, desencaixados. Pero eu a culpa botolla á mala alimentación que tivemos aqueles días en Copenhague e ademáis moito foi tamén por un malentendido con outra embarcación española, que quedou segunda, que nós axudamoslles moito e eles no único momento que nos tiveron que axudar aínda por riba fastidiaronos.
Pedreira: Ademáis desa eu recordo o Campionato de España de Maratón en Zamora, que eu daquela ía con Pico, e había unha corrente horrible …
Polo: Si, esa mesma na que Feijóo e máis eu volcamos na saída, íamos de cuartos e a falta de dúas voltas casi collemos os tres que ían de primeiros, entre eles Pedreira e Pico, pero en ese momento a Dani pegoulle un baixón, e tivemonos que conformar co cuarto posto (risas), e que se fan moi duros os maratóns, cando menos os esperas dache un baixón e hai que conseguir acabar como sexa.
¿Que valoración facedes desta tempada 2010?, porque prácticamente gañachedes todo o que non está escrito, excepto a regata de As Pontes, na que vos fun ver eu, que debín ser gafe ese día, xa que quedachedes novenos, jeje. ¿Que me podedes dicir desta tempada e que esperades no 2011?
Polo: Neste 2010, de 16 regatas so perdemos tres, o Campionato de España de maratón no que fomos cuartos, a regata de As Pontes na que coma ti ben dis fomos novenos tras caer, e o Descenso do Eume que foi o mesmo día e quedamos terceiros por un fallo no sistema de achique de auga. Todos os problemas que non tivemos en todo o ano tivemolos ese día. Ata daquela todo nos saira perfecto, perfecto non, non tiveramos ningún problema digamos, porque nós parecíamos gafes, cando non era o temón era o cable, cando non era o cable, era o achicador, e este 2010 estaban saíndo as cousas como teñen que sair, anque bueno, de tantas regatas está claro que nalgunha tes que ter un fallo, doe perder en casa e cerca de casa como é en Pontedeume, pero bueno, na de aquí, a xente vai con todo, e nunha curva subironnos polas palas arriba e volcamos, logo nós a de Pontedeume non a preparamos, e os descensos dos ríos dansenos mal, porque claro, as pedras non apartan (risas), de todas formas nos o ano pasado tamén comezamos mal esta regata de Pontedeume, pero remontamos e gañamos. De todas, a máis importante foi o Campionato de España, saiu mal porque Carlos chegou cun problema nun antebrazo producido semanas antes, e alí non é que o tivera, pero nos non quixemos forzar por si se repetía ese problema, e acabamos cuartos, non puidemos dar todo o que queriamos dar e quedamonos coas gañas de volver a ser internacionais. Para o 2011 xa veremos como van as cousas.
Pedreira: Pois eu penso que o 2010 foi un ano de transición, o mellor ano sen dubida foi o 2009, no 2010 non nos saíron as cousas tan ben como esperabamos a nivel estatal, porque un cuarto posto na Copa de España non está mal, pero unha vez que tes posibilidades, a nivel persoal un sempre quere máis. Iso si, a nivel de Galicia acabamos máis contentos que en 2009.
Antonio Polo - Carlos Pedreira
Si me permitides a broma, menos mal que os descensos non son o voso, que si se vos chegan a dar ben igual vos saídes do mapa e todo, jeje, dicideme un piraguista ó que admiredes e un no que vos fixarades nos vosos inicios no Grupo Xuvenil ou no mundo do piraguismo. ¿Algunhas persoas que nunca olvidaredes no Grupo Xuvenil?
Polo: Referentes de cando eu comecei había catro, Arturo Torrente, Jose Ramón Corral, Iván Rodríguez (o actual adestrador do CD As Pontes cadete) e Serafín Fontao, para min eran os mellores do clube e aspiraba a chegar a ser coma eles, tiña 12 anos! (risas). E despois penso que falar do Grupo Xuvenil e non mencionar a Jesús Alén Cal non é xusto. Na miña opinión él foi o artífice de que esto siga existindo hoxe e entregou a súa xuventude a crear un clube pontés de competición a nivel estatal.
Pedreira: Eu non son moito de ter ídolos, fixaste en xente si, por exemplo cando era novo en xente pisteira, e agora que xa estou metido no mundo do maratón fixome máis en piraguistas do estilo de Manuel Busto, pero en xeral toda as persoas que adestran todo o ano e sobre todo no inverno xa é xente de admirar para min, e dentro do Grupo Xuvenil, que eu recorde, cando vin para aquí, acordome de Pablo Tenreiro que era o adestrador, e tamén de Corral, de cómo era como adestrador e como persoa.
Polo: Manolo Busto, asturiano, dez veces campión do Mundo, ese si que é un fora de serie, porque un día gaña en k1 e o día seguinte en k2, e é iso, que gaña en Mundiais, non na carreira da súa casa (risas). Ti a veces pensas, en Galicia son bo, en España son bo, pero si salgo fora … vanme dar unha malleira (risas), e non é así, aquí hai moitísimo nivel no maratón, fixate que este ano no Mundial de k2 o ouro e a prata foron españois.
Si, gañaron en k2 o teu ex compañeiro o pontevedrés Fiuza e o asturiano Walter Bouzán non?, e con moito mérito, anque aquí parece que so se gañou o Mundial de Fútbol … agora tamén aproveito para facervos unha pregunta, quizáis inxusta, dos grandes talentos piraguisticos que pariu As Pontes, non sei, Dani Feijóo, Borja Prieto, Corral, Torrente e tantos outros… sei que todos son moi bos, pero ¿si vos tiverades que quedar con algún?
Polo: Como ti dis son todos moi bos, pero na miña opinión o mellor que houbo aquí, para min, Dani Feijóo, o máis completo, tanto che andaba en pista como en fondo. No 97 cando foi ó Mundial, non esperaba ninguén que andivera tan ben ese k4, en principio os dous grandes eran Perucho, o actual campion olímpico, e Fiz Fernández, un rapaz de Lugo, eses dous en España andaban o que non estaba escrito, pero chegaron alí ó Mundial e pegaronse un batacazo, viñeranse abaixo, e o k4 que ninguén contaba con eles e probablemente foron sen moita presión fixeron dous regatóns e sacaron dúas medallas de prata, sobre todo en 500, que estiveron a piques de gañar. Logo Corral, eu creo que moitos dos que estabamos aquí tiñamos unhas cualidades, e él fixose a base de traballar, traballar, e traballar, Corral e máis eu concebíamos de forma diferente a competitividade, pero ahí está, foi o único galego que gañou o Sella en K1, que iso é algo que non volve pasar na vida creo eu. Borja Prieto é un fora de serie e un fantástico piraguista e Turi foi o primeiro pontés en ser internacional coa selección española e amosounos ó resto que isto era posible. Pero aquí houbo moitísimos grandes piraguistas, Gonzalo López “Gori”, David Bellas, Virginia Polo (jeje) …
Pedreira: Ademáis Feijóo estivo moito tempo sen adestrar e en un ano e medio puxose como un animal, e no Campionato de España de 2006, que competiu con Borja Prieto en k2, segundo me comentaron foi unha cousa moi superior, tiña moita velocidade e en maratón tamén andaba bastante ben.
Estivechedes en Copas de Europa, Copas do Mundo, que valoración facedes destas competicións internacionais, a nivel de experiencia única, coñecer outros países, representar á selección galega e á española …
Pedreira: Eu a única á que fun foi á de Dinamarca, e foi unha experiencia única, pero ó mellor tes outras expectativas, coincidiu un pouco co cambio de seleccionador e non estaban as cousas moi claras, tocounos un pouco pagar os pratos rotos, e a nivel organizativo esperabame outra cousa.
Polo: Eu con Feijoo fun segundo na Copa de Europa en Portugal, e alí comeramos moi ben, pero por exemplo en Dinamarca como xa che dixen fatal, eu falei con compañeiros e eles xa me dixeron que no maratón é mellor que leves de comer, que nos países nórdicos se come moi mal, de feito nos aló o único que comemos foi pasta e pepinillo, eu a culpa do rebentón que pegamos botollo ó tema da alimentación (risas).
Pedreira: E os nórdicos que gañaron eran moi bos, eses anque comeran pasta e pepinillo ian a gañar igual … (risas).
Antonio Polo - Carlos Pedreira
Antonio Polo - Carlos Pedreira
Antonio Polo - Carlos Pedreira
Jeje, gañachedes un montón de títulos e medallas, pero si tiverades que escoller un momento no que se vos viñera á mente “mereceu a pena tanto esforzo e sacrificio”.
Polo: Pois eu fun a Poio un par de anos, e o primeiro ano, 2004, foi moi duro, competía con Álvaro Fernández Fiuza, coma ben sabes hoxe en día gañador de dous Mundiais de Maratón e o Sella deste ano en K2, é un rapaz de moitísima calidade, pero daquela era un sub23 que aínda non tiña moi claro o seu futuro, estaba que si, que non, e non íamos de todo cómodos no k2, de feito íamos moi mal, moi tortos, incluso nunha regata estabamos casi entrando e caímos antes de chegar á meta (risas), cuestionousenos desde dentro do clube o indecible, en todos os adestramentos tiñamos que estar diante porque había outro k2 moi bo no equipo daquela, e cando chegamos ó Campionato de España do 2004 e quedamos segundos no k2 1000 metros máis que alegrarme pola medalla en si foi un dicir “¿Qué? ¿non valiamos eh?” … Recordo que o k2 que gañou era o que representaba a selección española e o bronce levouno unha parella nova, o que hoxe é campión olímpico Saúl Craviotto, que daquela aínda era moi novo, e Damián Vindel, en teoría eran dous barcos moi superiores a nós. Os tres chegamos moi apretados e o cuarto xa chegou a 7 segundos. Tivemos que adestrar moitas horas xuntos para conseguir esa medalla.
Pedreira: Eu a nivel de medalla recordo o primeiro ano que viñera pra aquí, 2001, no Campionato de España, en k4 500, acababamos de gañar o Galego en k4 1000 e foramos segundos en k4 500, e íamos Borja, Bruno, Polo e máis eu, e o día antes do campionato alí en Trasona, adestrando, o venres, íamos fatal, e ó final chegamos a sacar chapa, quedaramos segundos a pouco dos primeiros e foi unha medalla de gran alegría porque conseguir metal con un k4 sempre che satisface máis. E despois regatas que recorde anque non conseguira medallas, no 2009 quedei satisfeito no Campionato de España de Maratón en Lugo, cuartos, da regata de Dinamarca que foi unha experiencia inesquecible, e ese ano tamén lembro o Descenso do Sella, que quedamos novenos e xa facía tempo que un k2 galego non clasificaba entre os dez primeiros, e iso que eu ía en moi mal estado físico aquel día.
Polo: Disfrutas máis gañando unha medalla con un k4 que facelo so en k1. E en ese Campionato de España en Lugo chegamos con un boquete atrás que nin puidemos disputar o sprint porque se nos enchía a embarcación de auga (risas).
Falando do Sella, en 1988 os australianos Jacoby-Andersson batiron o record da proba con un tempo de 1:06:36, pero nese 2009 Julio Martínez e Miguel Fernández deixaron o record en 1:01:14, e incluso ata oito embarcacións baixaron ese tempo, vosoutros que fuchedes novenos quedachedes a so 3 segundos de facelo. ¿Que me podedes contar da experiencia do Sella?
Polo: Para min o Sella é unha festa, non o preparamos realmente, imos como os extranxeiros, ó tolo! E ese día en realidade é que baixaba moitísima auga, cadrou a marea baixando e o río cheo, e se ti eres capaz de poñer a piragua a 20 kilometros por hora e tes a sorte de que a auga che empurre outro 5 …
Pedreira: É como si chegan a facer a regata coas riadas que houbo este ano en Arriondas.
No que vos queda de vida deportiva, que polo que vexo aínda tedes corda e pilas para rato, jeje, ¿cales son as vosas aspiracións e con que vos retirariades satisfeitos?
Pedreira: Eu ó que aspiro é a pasalo ben e a seguir disfrutando do piragüismo, non me poño ninguna meta.
Polo: Eu aspiro a todo e a nada, non me preocupa o que veña, estou satisfeito por poder rematar cada adestramento, e ata que a mente aguante!
Antonio Polo - Carlos Pedreira
¿Cales son os vosos gustos e aficcións?
Polo: A min gustanme moito os cans, o piragüismo, e ser consecuente co que fago, eu teño que estar convencido dos meus principios e non podo defender unha cousa por diante e por detrás facer outra, intento ser coherente cos meus valores morais, e eu con estar a gusto conmigo mesmo chegame … e tamén me gusta ir a pasear por ahí, pero non só, coa miña parella (risas).
Pedreira: Eu tamén coincido no tema dos cans e do piragüismo, e despois o típico, gustache facer deporte, bici de estrada, bici de montaña, correr, trekking, disfrutar un pouco da natureza, pero en definitiva somos como calquer outra persoa.
Polo: Bueno, pero eu son moito mellor, moito máis alto, e moito mais guapo que Carlos … (risas)
Jejeje, bueno, deixovos que entre fotos e preguntas xa vos roubei casi unha hora de adestramento, moitísimas gracias, foi todo un luxo para min rematar este 2010 entrevistandovos ós dous, ogallá teñades moitos éxitos neste 2011 que está a volta da esquina, e estou convencido de que seguiredes disfrutando do piraguismo e dandonos alegrías por moito tempo.
Pedreira: Gracias a ti.
Polo: Moitas gracias a ti Xose, pola imaxen que das do piraguismo local.
-Calquer día voume poñer colorado …
Antonio Polo - Carlos Pedreira
… E vostedes os lectores xa o saben, si algún día van polo Encoro da Ribeira, pola Ría de Betanzos, ou se achegan a calquer competición importante que se dispute por Galicia adiante, seguramente os atoparán alí, son Polo e Pedreira, Pedreira e Polo, incombustibles, infatigables, non cansan, e duran, e duran …

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios