Entrevista a Pepe Soto: ”Hai quen non escatima nun cubata e si en ir ó teatro”

148

[El Progreso, por Cristina Arias] PEPE SOTO defínese coma «un poeta en guerra, que se disfraza de actor de teatro, cine e televisión e completa a súa odisea construíndo e manexando títeres e monifates, xigantes e cabezudos polas rúas do mundo».
Comezou neste mundo sendo estudante de Bacharelato. Como recorda os primeiros pasos?
Para ir de excursión había unha filosofía distinta á de agora, recaudábamos fondos e interpretamos ‘O ferreiro de Santán’, de Varela Buxán. A partir de aí xa quedei enganchado e creamos un grupo, Xalgarete, aínda que pola evolución persoal, uns seguimos e profesionalizámonos e outros colleron outros rumbos.
pepesoto.jpg


Como continuou o seu?
Os primeiros contactos co teatro profesional tívenos co Teatro do Noroeste con ‘Os Xustos’, de Alber Camus e dirixida por Eduardo Alonso. Nun primeiro periodo compaxinaba o teatro co traballo en Endesa, onde estiven oito anos ata que me decidín pola profesionalización a través de cursos e a maior escola, o teatro de furgoneta, e xa pasei á adicación exclusiva.
E deu ó salto á pequena pantalla. Pasou por moreas de series galegas e españolas tales como ‘Pratos Combinados’, ‘Rías Baixas’, ‘Al salir de clase’ ou ‘Compuesta sin novio’. Que opina da ficción actual?
Tanto en España como en Galicia a ficción parte dunha premisa clara, que as televisións son unha parrilla de publicidade con algo de entretemento, que se rixe por criterios comerciais que son o sustento dos propios produtos.
O audiovisual galego está a gañar terreo nos últimos anos. Cre que é unha industria en expansión?
Galicia ten un potencial de actores e actrices de primeira calidade. Somos e fumos sempre un pobo artístico e con iconos como Tosar a consideración dos actores galegos fóra acadou unhas dimensións que nunca tivo. É un sector con moito futuro. Xa tivemos películas nos Óscar como ‘Mar adentro’ e volven estar a través de Tosar, que como todo o mundo sabe non é de Springfield, é de Cospeito.
A Lei Sinde, rexeitada no Parlamento pero á espera dunha revisión, loita contra as descargas na rede. Que opina desta lei?
En primeiro lugar, a Lei Sinde, influenciada polas multinacionais americanas, levouna ó Parlamento unha persoa que non entende de política, dado o seu resultado nefasto. Non houbo periodo de explicación para a sociedade e o tema da globalización e os novos medios están empañados na súa regulación.
É necesaria?
É necesaria unha lexislación que lle diga á xente que nunha creación artística ten que ser respetado o creador como o propietario dunha finca no dereito privado, porque hai xente que adica toda a vida á creación como medio de vida. Necesitamos iniciar unha dialéctica de cómo se articula esta regulación. Internet é unha oportunidade, un producto feito en Cospieto pódese ver na rede por un número de xente impensable noutra época, pero hai algo que cambiar na mentalidade da xente, que non escatima en comprar un cubata pero si en ir ó teatro ou en mercar un libro, que por certo creo que non deberían ser gratis para todo o mundo e só para os que non poidan pagalos. O camiño entre oportunidade e regulación en internet vai paralelo.
Faltan apoios por parte das Administracións?
A cultura sempre é a pata pobre dos orzamentos de calquera estado e en épocas nas que interviña menos había un movemento cultural nada desprezable a través de asociacións e dinamizadores culturais que hoxe non participan coa mesma ilusión.
Participou na curta ‘Inconscientes’, do pontés Pablo Martín, que financiou o Concello, que lle parece este tipo de iniciativas?
Pablo recordábame a min cando era novo e o seu traballo, que aínda non se presentou, é digno de loubanza. A nivel do Concello, creo que teñen que ter os ollos abertos a iniciativas novedosas e, neste caso, deberían aumentar o orzamento porque o patrocinio vai en relación coa repercusión. Hai que ter en conta que en case tódolas curtas os equipos artísticos traballan gratis e os cartos destínanse a cubrir infraestrutura.
É máis difícil entrar no mundo do audiovisual e o teatro agora?
O problema actual non é alleo ó que lle pasa ó resto da sociedade, e agora é moito máis difícil que cando eu empecei, aínda que hai unha certa infraestrutura creada que facilita un certo grado de profesionalismo. No cine e no audiovisual o acceso ó traballo está moi mediatizado, é unha gran industria con moitos intermediarios. Pero un sempre ten a oportunidade de facer teatro, que é a base e a escola de calquera actor, aínda que facer Valle Inclán ou Shakespare son privilexios que tocan poucas veces e hai que buscar proxectos máis adpatados.
Que lle recomendaría a alguén que quere comezar a interpretar?
O mundo da arte é de libre elección persoal e non debe ser un acto irreflexivo nin partir de tópicos. Se alguén descubre que a odisea merece a pena é moi recomendable, se non recoméndolles opositar.
En que proxectos está a traballar?
Teño sorte porque sempre teño traballo e, cando non o hai, ínventoo. No teatro trato de facer oito proxectos ó ano, dos que ata o de agora van saíndo unha media de dous. No audiovisual, tren arriba, autobús abaixo, para asistir a cástings, con resultados ou non nunha odisea na que disfruto. Agora estou en Vigo facendo unha viaxe dramatizada pola poesía galego-portuguesa con ‘Verbum Farenhait’ con outro actor e estaremos alí ata principios de febreiro. A obra está enfocada a estudiantes de Bacharelato e universitarios e o obxectivo é levala por Galicia, por toda a área lusófona e os centros galegos no exterior.
A xira xa está programada?
Estamos nelo, chocando sempre coa mesma resposta, a falta de orzamentos, pero todo se superará. É unha gran oportunidade aproveitar toda a área lusófona e os centros galegos, un circuíto que se se traballa nel tería moito futuro. Non me chegaría a vida para recorrelos.
A gran satisfacción é o aplauso?
É moi distinta a impresión nun gran auditorio de 2.000 persoas que nun recital de poesía con 20, pero todo dá enerxía. A gran satisfacción é a virtude da retroalimentación en todo.
DE PRETO
”Un actor non pode vivir sen estar en comunicación cos demais”

Un actor é…
Aquel individuo que non pode vivir sen estar en comunicación cos demais, un ser social por natureza e un proceso de personalización a través dos demais. O mundo da representación é un mundo que elexín, aínda que no fondo son un filósofo literato e un gran papador de libros.
Algunha manía para traballar, algo que sempre repite?
Non sei como vou arranxarme sen poder botar un pitillo antes de saír a escea…
A mellor hora para interpretar, cando é máis amigo das musas?
As mañás son horribles, non son creativas. A tarde-noite é bohemia.
Mellor o lado cómico ou o dramático?
Polo meu perfil estoico, a comedia é máis difícil.
Unha película?
‘Os Crebinsky’, na que estou. (E na que poderiamos nomear a outros como Luis Tosar, Miguel De Lira ou Sergio Zaerreta).
Un personaxe por facer…
Non son moito de idolatrar, pero por qué non, ‘El Padrino’.
Un actor e unha actriz?
Dos grandes? Marlon Brando e Meryl Streep.
Un director?
O pontés Pablo Martín que vai chegar a ser un Trueba.
Natural das Pontes, onde reside?
Ando entre Madrid e Santiago, dun lado para outro..

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios