José María Vilaboy: ”Os bancos non creron na miña granxa de ratos e agora hai ata quen me propón abrir franquicias”

56

[delunsavenres] José María Vilaboy, xerente de xaraleira, deixou a política hai oito anos para volver ás súas orixes. Agora, o éxito acadado fai calar aqueles que no seu día se mofaron da súa “argallada”: hoxe é a maior granxa de cría de ratos de España.
P: ¿Como se lle pasa a un pola cabeza montar este negocio?
R: Eu sempre o tiven por afección e xa tivera ata experiencias comerciais (risas). De neno criaba hámsters, cobaias e ratos no garaxe de miña nai e logo vendíaos na feira das Pontes. Aos 30 anos ocorréuseme que podía ser un negocio. Fixen un estudo caseiro, en plan cutre tirando de Páxinas Amarelas, e vin que había un mercado. Pedín un crédito e unha axuda á UE e montei a primeira nave.


P: ¿Que lle pareceu a idea ao banco?
R: ¡Ja! Os bancos moi mal, o único que me preguntaban era quen me avalaba, e iso que era na época do boom. Pedíronme uns plans de negocio, pero aínda así non creron na idea, que vían disparatada. Ao final o que contou foi que me avalase miña nai, e iso que pedía 36.000 euros, nada que ver co que lle deron ao ladrillo. Deberían estar obrigados a destinar un mínimo a estas empresas raras, xa que se de catro destas argalladas sae ben unha xa mereceu a pena.
P: ¿Cantos bichos ten agora?
R: Teño entre 15.000 e 20.000. Toda clase de roedores, rato, rata, hámster, chinchilla, cobaia e xerbo.
P: ¿Cal é o destino destes animais?
R: A rata e o rato son destinados vivos ao alimento de réptiles e aves rapaces, tanto os que son mascotas como os de zoolóxicos, parques como o de Cabárceno e centros de recuperación de aves, e o resto, como animais de compañía.
P: Tamén exporta.
R: Si, en conxelado cara a países de Centroeuropa e Portugal, e agora estamos a abrirnos cara ao Golfo Pérsico, Qatar e Emiratos Árabes. O coello anano acaba en Xapón.
P: Co tempo que pasa con eles, ¿non chega a encariñarse e lle dá pena vendelos como alimento?
R: É un trauma que teño superado. Agora xa non me dá pena, aínda que ao principio si sufría moito.
P: ¿Este negocio dá para vivir?
R: Si. Sumando todo vendo máis de cen mil exemplares ao ano.
P: ¿Como evolucionou a empresa?
R: Empecei con 20 gaiolas e agora teño 3.000, e xa teño investidos 700.000 euros. Abrín en 2003, pero eu empecei moi aos poucos porque estaba o mercado virxe. Mentres que agora xa me chamaron propóndome pór unha franquía.
P: Queren seguir os seus pasos…
R: Si, pero hai que buscar outras cousas; non hai tanto mercado. O fallo de Galicia sempre é copiar, cando aquí está todo por explotar. P ¡É o Amacio Ortega dos ratos!
R: ¡Non poñas iso que me poño nervioso! (risas). Que eu ata hai dous anos era un colgado, ¿sabes o que che quero dicir?
P: Pero un colgado con moita visión.
R: Si, iso si (risas).
P: O último que inventou, o kit de roedores para colexios.
R: ¡Iso é unha bomba! Tras probalo con grande éxito en varios institutos do país en outubro lánzoo ao mercado cun cómic. Os nenos coidan de dous ratos na aula á vez que aprenden xenética.
P: ¿A vostede danlle noxo?
R: Non porque están limpos. Estes bichos son responsables de que non morra moita xente, xa que as vacinas se desenvolven neles.
P: ¿Como reacciona a xente cando sabe a que se dedica?
R: A xente sorpréndese, aínda que agora xa menos. Unha anécdota protagonizouna o meu fillo, que con 3 ou 4 anos un día chegou chorando do colexio porque a mestra se enfadou con el cando lle dixo que seu pai tiña unha granxa de ratos; pensou que mentía.
“Os chineses xa os comen, pero aquí en España tamén se fai unha paella con rata”
P: Din que en China xa se comen os ratos. ¿Vostede sabe algo?
R: Si se comen si, pero non son os meus (risas). Pero en España tamén se come rata, ¡eh!
P: ¡Que me di!
R: No Delta do Ebro hai unha paella que se fai con rata de auga.
P: ¿Velle futuro a este destino?
R: Eu creo que non tería demasiada aceptación. Eu nin a probei nin estou disposto a probala.
Para min comer unha rata é como pode ser para outra persoa comer un can, con iso dígocho todo.
P: Os ratos e ratas teñen mala fama. Vostede que trata no día a día con eles, ¿como os definiría?
R: Na miña opinión, a rata é a mellor mascota roedora que hai, por riba do hámster e a cobaia.
P: ¿E veas nun futuro como mascotas?
R: Si, noutros países xa o son.
P: ¿Que mascotas ten vostede na súa casa?
R: Os meus fillos (risas). ¡E un papagaio!
P: ¿Como ven os seus nenos os ratos?
R: O neno xa os collía con menos dun ano, mentres que a nena, que ten 3, lles ten medo; é algo que me ten angustiado.
P: ¿E que tal cos veciños?
R: Xa busquei un sitio illado. A casa máis próxima téñoa a 900 metros e aínda así ao principio tiñan medo de que lles comesen as patacas…(risas)
P: Prefire a compañía dun rato antes que…
R: Non cho digo porque me meto en problemas…
P: ¿E canto custa un rato?
R: Pois 50 céntimos.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios