O malestar cidadán virtual sae á rúa

98

[A Nosa Terra] A primeira gran manifestación estatal convocada sen o amparo de ningunha sigla ten o seu bautismo de fogo o 15 de maio. Plataformas con implantación en Galiza como Democracia Real Xa! ou Estudantes Sen Futuro sairán á rúa o domingo a partir das seis da tarde en protesta pola política laboral e social dos partidos maioritarios.
Coñecidas eran as teorías de que as redes sociais están a mudar o comportamento social e incluso politico en todo o mundo. Os máis arriscados consideran a internet a principal responsábel dos levantamentos cidadáns no norte de África.
cartace_todosarua.jpg


En Europa, especialmente nos países máis castigados pola crise: Portugal, Irlanda, Grecia, Gran Bretaña, Italia… a rede foi punto de encontro inicial para protestas cidadás de certa importancia que se trasladaron dos foros virtuais ás avenidas das cidades. Nalgúns casos, esas mobilizacións esgotáronse por falta de liderado, noutros están a evoluír e xa inflúen na estratexia reivindicativa de institucións máis arraigadas na sociedade, caso dos sindicatos e partidos politicos.
No Estado español houbo ensaios durante os pasados meses. Plataformas como Democracia Real Xa! ou Estudantes Sen Futuro, alén doutras iniciativas, foron medrando aos poucos, favorecéndose da accesibilidade das redes sociais, especialmente para formar grupos de opinión.
O máis difícil era trasplantar ese malestar cidadán das pantallas dos ordenadores á rúa. As manifestacións destes colectivos no pasado foron minoritarias pero mostraron que si é posíbel mobilizar descontentes sen as canles tradicionais da folga ou das manifestacións convocadas por partidos, sindicatos e outros colectivos “nacidos” antes da eclosión da identidade virtual.
15 de maio, seis da tarde
O domingo, haberá unha convocatoria de manifestación en cada cidade galega (agás Pontevedra). Con percorridos por roteiros céntricos, as plataformas cidadás virtuais tentarán tomar as avenidas e prazas de Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Lugo e Ferrol.
As reivindicacións son básicas: oposición á redución do Estado do Benestar e un cambio radical no modelo económico e financeiro que, consideran estes grupos, crea paro, desigualdade e impide o desenvolvemento persoal e colectivo, especialmente dos máis novos. Escrupulosos con non incluír ningunha sigla partidaria nas súas protestas e consignas, a filosofía da protesta é de esquerdas e atraeu diferentes persoeiros coñecidos en España polas súas posturas contrarias ao neoliberalismo.
Manifesto dos Estudantes Sen Futuro
Nós, a xuventude, somos o futuro e o futuro é da xuventude. Nós temos o dereito de decidir que tipo de sociedade queremos ter e non serven as escusas, o “queda moito para iso” ou iso non é cousa miña.
Non. Esta sociedade é de todos, e todos debemos participar nela.
Por iso, este 15 de maio toca tomar a rúa, dicir ben alto e ben claro “queremos unha democracia real xa” pero sobre todo amosar que estamos aí e que non farán o que queiran.
Sobran os motivos para indignarse e para plantarlles cara e por iso esiximos:
–A reforma da lei electoral: porque queremos unha democracia na que a clase política sexa unha auténtica representación do pobo.
–Un país sen corrupción, onde o principal obxectivo dos gobernantes sexa axudar ao progreso do país, e non ao enriquecemento persoal duns poucos.
–Que os políticos abandonen as súas posturas unilaterais a maximilistas e abran as portas para que todos poidamos participar nas decisións, que nos afectan a todas e a todos porque na democracia o poder nace do pobo.
–Gobernos que non leven a cabo medidas como a reforma laboral ou a reforma das pensións, medidas que poñen de manifesto que nesta sociedade os que saen gañando son sempre os mesmos.
–Un modelo educativo público e laico onde non haxa cabida para a mercantilización nin para os recortes da educación.
–Uns políticos comprometidos, éticos, con principios, que poñan por diante as persoas ante o diñeiro ou as siglas das grandes empresas.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios