Manifesto DEMOCRACIA REAL XA

65

Somos persoas normais e correntes. Somos coma ti: xente que se levanta polas mañás para estudar, para traballar ou para buscar traballo, xente que ten familia e amizades. Xente que traballa arreo todos os días para vivir e darlles un futuro mellor a quen nos rodea.
Algunhas destas persoas considerámonos máis progresistas, outras máis conservadoras. Unhas crentes, outras non. Unhas temos ideoloxías ben definidas, outras considerámonos apartidarias e outras apolíticas… Pero todas e todos estamos preocupados, indignados polo panorama político, económico e social que vemos arredor de nós. Pola corrupción da clase política, empresarial e da banca… pola indefensión da cidadanía de a pé.
Esta situación fainos dano día tras día. Pero se nos unimos, podemos mudala. É hora de pórse en movemento, hora de construírmos entre todos, entre todas, unha sociedade mellor. Por iso sostemos firmemente o seguinte:

• As prioridades de toda sociedade avanzada deben ser a igualdade, o progreso, a solidariedade, o libre acceso á cultura, a sustentabilidade ecolóxica e o desenvolvemento, o benestar e a felicidade das persoas.
• Existen uns dereitos básicos que deberían estar cubertos nestas sociedades: dereito á vivenda, ao traballo, á cultura, á saúde, á educación, á participación política, ao libre desenvolvemento persoal e ao consumo dos bens necesarios para unha vida saudable e feliz.
• O actual funcionamento do noso sistema económico e gobernamental non atende a estas prioridades e constitúe un atranco para o progreso da humanidade.
• A democracia parte do pobo (demos = pobo; cracia = goberno), de xeito que o goberno debe ser do pobo. Así e todo, a maior parte da clase política nin sequera nos escoita. As súas funcións deberían ser as de levar a nosa voz ás institucións, facilitando a participación política e cidadá mediante vías directas e procurando o maior beneficio para o groso da sociedade, non a de se enriqueceren e medraren a expensas de nós, atendendo unicamente aos ditados dos grandes poderes económicos e aferrándose ao poder mediante unha ditadura partitocrática encabezada polas inamovibles siglas do PPSOE.
• A ansia e acumulación de poder nunhas poucas mans xera desigualdade, crispación e inxustiza, o cal conduce á violencia, que nós rexeitamos. O obsoleto e antinatural modelo económico vixente bloquea a maquinaria social nunha espiral que se consome a si mesma enriquecendo unha minoría e sumindo o resto na pobreza e escaseza. Até o colapso.
• A vontade e fin do sistema é a acumulación de diñeiro, primándoa por riba da eficacia e o benestar da sociedade, estragando recursos, destruíndo o planeta, xerando desemprego e consumidores infelices.
• Os cidadáns somos parte da engrenaxe dunha máquina destinada a enriquecer unha minoría que non sabe nin das nosas necesidades. Somos xente anónima, pero sen nós, nada disto existiría, pois nós movemos o mundo.
•Se como sociedade aprendemos a non confiar o noso futuro a unha abstracta rendibilidade económica que nunca redunda en beneficio da maioría, poderemos eliminar os abusos e carencias que todos e todas nós sufrimos.
• É necesaria unha revolución ética. Puxemos os cartos por riba do ser humano, mais temos que pólos ao noso servizo. Somos persoas, non produtos do mercado. Eu non son só quen compro, por que o compro e a quen llo compro.

Por todo o exposto, estamos indignados, estamos indignadas.
Cremos que podemos mudalo.
Cremos que podemos axudar.
Sabemos que, unidos, podemos.
Sae connosco. É o teu dereito.

http://www.democraciarealya.es/

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios