Eleccións 2007

149

Non, non nos trabucamos coa data, hoxe é día de reflexión. Durante esta campaña escoitamos as verbas dos candidatos. Por iso pensamos que sempre temos que ter en conta o pasado, o pasado é o que moitas veces decide no presente o que pasará no futuro, por iso mesmo poñemos á vosa disposición o programa do equipo de goberno nas pasadas eleccións de 2007.
INDUSTRIA E EMPREGO
• Creación dun Polígono Industrial de 1.800.000m2 dotado de tódolos servizos, que permita o asentamento de grandes industrias que hoxe se están a instalar noutros concellos veciños debido a que en As Pontes carecemos de chan industrial.
• Creación de 1.500 postos de traballo estable antes do ano 2012, que virán dados polo asentamento de industrias pesadas intensivas nese macropolígono.
• Incluir nos concursos públicos municipais cláusulas que primen a contratación de colectivos desfavorecidos, e en todo caso, ós veciños e veciñas do noso Concello.
•Realización de plans estratéxicos de emprego a través da prospección do mercado laboral, utilizando os datos dos diferentes observatorios sociolaborais (municipais e autonómicos).
• Formar axentes activos de emprego, que detecten os perfís profesionais máis demandados e que xestionen a formación en contacto directo coas empresas.
• Creación dunha Oficina de Atención e Seguimento para as Empresas e Empresarios que amosen interese en asentarse no municipio. Terá como finalidade a información e tramitación sobre subvencións dispoñibles, posibles ubicacións, base de datos de profesionais para as empresas, etc. co obxectivo de atraer inversión de calidade e de futuro.
• Como complemento, creación dun Departamento para a Promoción do Emprego. A coordinación destes dous departamentos, xestionará a contratación principal de xente do municipio nunha laboura de apoio para facilitar o entendemento entre empresarios e traballadores.
URBANISMO, OBRAS E SERVIZOS
1. URBANISMO E OBRAS
A Redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal, mediante amplo e sosegado debate cos veciños, debe ser prioritario. O obxectivo ten que ser o de elaborar un documento de calidade que sirva como base para o desenvolvemento sostible de As Pontes. Entendemos que o PXOM é o documento máis importante da historia dun pobo, xa que condiciona de forma definitiva o futuro do mesmo, polo que debe conquerir o máximo consenso social.
É necesario dotar dun tratamento urbanístico ás marxes do futuro lago. Hai que habilitar chan con grandes reservas de zonas verdes, paseos, espazos de ocio, servizos, etc. primordialmente nas áreas do Concello que máis directamente sufriron as consecuencias da actividade mineira, a saber, na Casilla, Goente, Alimpadoiros, Veiga, Espiñaredo e Saa.
Esixir á Consellería de Presidencia da Xunta a dotación orzamentaria para a construción dunha nova Casa do Concello na parcela da actual Estación de Autobuses, que sexa a casa de todos os veciños, moderna e acorde ás necesidades e valores dun pobo coma o noso.
Construción dunha depuradora de augas residuais. Para a cal xa temos comprometidos os fondos necesarios (5.000.000 €) por parte da Consellería de Medio Ambente, que cubrirá todas as necesidades do pobo.
Traslado da Estación de Autobuses á zona de Perfolla, que é o seu lugar natural, á entrada do pobo. Construila de tal xeito que sexa útil, moderna e, sobre todo, integrada.
Revisión de todos os núcleos rurais delimitados polo Concello no avance do PXOM, para que todos os veciños que aínda que a Lei lles permite edificar, o Plano non o reflicte.
Desenrolo das zonas sen urbanizar nas Campeiras, nos Chaos, zona da Avda. da Habana, Avda. de Vilalba, Rúa Pontedeume, Rúa Cabanas e Rúa Celso E. Ferreiro, zona Rúa Antonio Machado, Ronda do Poboado e Pardo Bazán, etc.
Reordenación urbanística da zona do entorno do Parque Municipal, Concello, Colexio Sta. María e Mercado Vello.
Construción dun Aparcadoiro Público no centro do pobo, o que permitirá facer peonís algunhas das rúas máis céntricas.
Rehabilitación do casco urbano, nas zonas da Avda. Ferrol e Coruña.
Daremos unha solución ó grande número de edificios abandonados en pleno casco urbano.
Peche da glorieta da Perfolla.
Búsqueda de solucións para paliar o estado de abandono do Poboado de As Veigas.
2. SERVIZOS
Elaboración dun Plan de Emerxencia Municipal coa participación de tódolos corpos de seguridade, parque comarcal de bombeiros e Protección Civil, que inclúa un mapa de riscos das empresas do Municipio e unha previsión de posibles accidentes nas mesmas e as súas consecuencias.
SERVIZOS SOCIAIS
Reestruturaremos a fondo os servizos sociais municipais, dotándoos de máis medios e orzamento. Os traballadores sociais do municipio teñen que estar na rúa, sobre todo no medio rural, tratando de detectar as carencias existentes e ofrecendo a súa axuda alí onde se precise.
Esixir á Conselleria de Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a construción dunha Residencia Xeriátrica Pública para todas e todos, na que as cotas se estipulen en función da renda dispoñible.
Precisamos de máis prazas na Gardería Municipal con horarios máis amplos e flexibles, de acordo coa xornada laboral das nais e pais, con preferencia e tarifas especiais para familias numerosas e/ou con poucos recursos.
Creación dunha Oficina da Dependencia onde os veciños e veciñas de As Pontes poidan acudir a informarse sobre os tramites para a solicitude das axudas que a Lei de Dependencia facilita.
Incrementar o número de usuarios beneficiarios do Servicio de Axuda a Domicilio.
Fomento do exercicio físico e dos hábitos de vida saudables con actividades deseñadas para maiores.
CULTURA E EDUCACIÓN
Reactivación do Consello Escolar Municipal
Creación do Consello de Educación, determinación das suas funcións conxuntamente con toda a comunidade escolar, elaboración dun Plan de Convivencia Multidisciplinar e creación do Observatorio de Convivencia
Estudio da implantación de bacharelatos que non se ofertan en As Pontes, orientados fundamentalmente cara as necesidades do mercado laboral no noso Concello Estudio da implantación de novos Títulos de F.P. en colaboración cos axentes económicos e sociais.
Creación do Padroado de Cultura conxuntamente coas asociacións culturais co obxectivo principal de optimizar o emprego dos fondos destinados ás mesmas.
Elaboración dun calendario anual de eventos, para coordinar as distintas actividades culturais de forma que non interfiran unhas nas outras.
Axeitar os horarios e as instalacións da Biblioteca Municipal para cubrir as necesidades dos distintos usuarios.
RURAL E MEDIO AMBIENTE
Conexión inmediata, en condiciós óptimas, de tóda-las parroquias coas estradas xerais como fórmula para frear o despoboamento das mesmas.
Achegar un maior e mellor nivel de servicios a todos os veciños das parroquias de maneira que se iguale, dentro do posible, a súa calidade de vida coa do resto de veciños do núcleo urbano, con especial incidencia en todo o referido ás necesidades da poboación infantil.
Programa de recuperación dos camiños reais e fontes públicas, como medio de comunicación e acceso a lugares e fincas, facilitando así o retorno á explotación agroforestal .
Construción dun Vertedoiro de Residuos da Construción.
Habilitaremos zonas de sendeiros fluviais nas parroquias de Ribadeume, Faeira, Goente, Freixo…
Programa de priorización de obras e servicios rurais, mediante consenso coas parroquias.
Electrificación das parroquias. Incomprensiblemente, nun concello como o de As Pontes, xerador e exportador de enerxías, aínda quedan zonas rurais que carecen dun servizo tan imprescindible como o da luz. Esta carencia merece atención urxente.
ECONOMÍA E FACENDA
Elaboración dun Plan Director para a redución da débeda municipal, mediante compromiso de adxudicación dunha porcentaxe suficiente dos orzamentos e dos ingresos extraordinarios para este fin.
Refinanciación dos gastos financeiros derivados da débeda municipal.
Reducción do endebedamento ata acadar o 75% dos dereitos líquidos anuais.
Transparencia para acadar a plena identificación dos ingresos e dos gastos do Concello.
Tramos de bonificación para os titulares de familias numerosas no IBI.
Bonificacións no IAE a empresas por aumento da plantilla de traballadores fixos.
XUVENTUDE E DEPORTES
Construción dunha Casa da Xuventude como medida para ofertar alternativas culturais e de lecer a todos os nenos e mozos.
Creación do Padroado Municipal de Deportes para xestionar e poñer a disposición dos usuarios tódalas instalacións deportivas municipais, organizando eventos e promovendo a iniciación deportiva e o deporte.
Desenvolver unha política deportiva que teña como fin a recuperación do senso social, educativo e cultural do deporte e a universalización da práctica deportiva Plan de máximo aproveitamento das instalacións deportivas dos centros públicos de enseñanza. Estableceránse acordos coa Consellería de Educación para poñer a
disposición dos veciños e veciñas de As Pontes, os Pavillóns polideportivos dos colexios fora do horario escolar.
Incrementar os programas das Escolas Deportivas Municipais.
Plan de extensión do deporte escolar.
PARTICIPACIÓN CIDADÁ
Establecemento dun Pacto Cívico como instrumento fundamental para a convivencia e a participación no noso Concello.
Elaboración dunha Carta Municipal de Cidadanía.
Promover a participación a través de acordos coas as asociacións deportivas, culturais e de veciños.
Potenciar as Asociacións de Veciños como lugares de encontro para facilitar a participación.
Aportar asesoramento e apoio técnico ás asociacións para mellorar a sua capacidade de organización e intervención na comunidade.
Impulsar programas de formación continua nas asociacións para revitalizar o seu funcionamento.
Apoiar a difusión e información sobre as actividades das asociacións.
E agora a reflexionar….

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios