FRANCISCO JAVIER GASTAÑADUY MARTÍN. Por Xose Ferreiro.

344

Javier Gastañaduy naceu en As Pontes hai 33 anos e actualmente reside no concello de Bergondo, moi preto de A Coruña. Este vixiante de seguridade de profesión probablemente resultará descoñecido para moitos ponteses, pero sería interesante resaltar neste artigo as virtudes musicais e deportivas deste noso veciño.
Iniciouse no mundo do deporte sendo ben pequeno, pasando polo fútbol, rugbi, hóckei a patíns, pero o seu eran as artes marciais, encantáballe ver na televisión ó seu ídolo Bruce Lee e ós monxes Shaolins, e el quería facer o mesmo, e xa con oito anos se apuntou a Kárate e ós 11 entrou no mundo do Kung Fu co campión mundial pontés Jose Rodríguez “Cope” e Coté López, ata que con 15 anos se iniciou no Qwan Ki Do, e aí é onde viu a luz, e non podería deixalo nunca porque forma parte da súa vida.
O seu deporte procede do Kung Fu, ven do sur de China e de Vietnam, e reúne todo tipo de técnicas, tesoira, pernas, puños, varrido, traballo de enerxía interna, luxacións, caídas … Unha man leva guante e con ela pódese golpear á cara, a que vai descuberta so pode golpear ó corpo. A parte do combate tamén hai competicións con armas, nos que por suposto os competidores van protexidos e as armas recubertas de goma escuma, as disciplinas serían Vo (Pau Longo), Long Gian (Nunchakus), e Guom (Sabre). Tamén hai a modalidade de técnica, o quyen, que é un simil das katas do Kárate. As competicións son por equipos de tres persoas e súmanse os puntos obtidos nos tres combates.
foto-1.jpg


No seu palmarés destacan medallas de ouro en Campionatos de España e Galegos, un 5º posto no Campionato de Europa en París en 2005 e a 10ª praza no Mundial de Romanía en 2007, sen embargo recorda a Copa Deputación de 1992 como o seu mellor momento pois alí gañou medalla en tódalas disciplinas sendo o seu debut e con tan so 15 anos. Non obstante tamén tivo os seus momentos malos, coma este 2011, que, sendo o Mundial en Marrocos e xa convocado pola Federación, tiña bastantes esperanzas de aspirar a medalla en técnica e probablemente iría como capitán da selección española, pero unha inoportuna rotura do ligamento cruzado e menisco a tres meses do campionato borrou todas as súas ilusións.
Considera que a pesar da altura que ten as súas mellores virtudes son a axilidade e a elasticidade. No seu deporte destacan franceses, italianos e romaneses e outras artes marciais do seu gusto son, sobre todo, o Wu Shu, e tamén o Win Chun, ambas de China, e o Viet Vo Dao, de Vietnam. O adestrador que máis lle marcou foi Daniel Barca, que o curtiu como deportista e tamén como persoa, e actualmente Catalin Onisie (director técnico de España). O que máis lle gusta do Qwan Ki Do son os valores que transmite este deporte, que o fai crecer como persoa, que ten moitos amigos, e sobre todo que pode practicalo sen límite de idade.
foto-2.jpg
No apartado musical, Javier tocou, entre outros, co grupo da popular gaiteira galega Susana Seivane, no que estivo tamén xunto a outro pontés, Xurxo Iglesias. El toca a guitarra acústica, aínda que moi modestamente non se considera ningún virtuoso. Tamén lle dá ó baixo e ó teclado, pero o que máis lle gusta é gravar e compoñer, e apeteceríalle probar coa viola e o violín.
Da súa experiencia no grupo destaca as continuas viaxes, e a oportunidade que tivo de poder coñecer países e tocar en grandes festivais, sendo moi novo. Viaxaron moito por Italia, Escocia e Francia, aínda que unha viaxe que nunca esquecerá foi a que fixeron á Illa Tatihou, en Francia, á que foron nun autobús que se converteu en anfibio cando entrou no mar e os levou á illa, e de regreso voltaron en botes, de noite e cun gran temporal, a illa era preciosa, chea de túneles e ruínas de guerra. Tamén recorda cando tocaron no Castelo de Romeo, en Verona, porque ademáis do concerto el tiña familia en Italia e a moitos membros coñeceunos aquel día e foi unha experiencia inesquecible.
foto-3.jpg
O músico que máis lle impresionou dos que coincidiu en festivais foi un bretón chamado Pierre Bensusan, segundo el o mellor guitarrista acústico que escoitou nunca. O seu grupo favorito de sempre é Queen, aínda que tamén destaca da súa xuventude a Whitesnake, Warlock, Iron Maiden e o rock dos 80.
A día de hoxe toca nun grupo en A Coruña chamado “Rumble”, no que curiosamente todos os seus integrantes son de As Pontes. Goza máis que nunca porque toca os estilos que máis lle gustan. Como ademáis da súa paixón musical tamén lle encanta a madeira, no seu tempo libre adícase a facer guitarras eléctricas, co que el considera o mellor luthier, o noso veciño, Javier Moldes.
foto-4.jpg

Javier, co grupo de Susana Seivane. Segundo pola dereita o tamén pontés Xurxo Iglesias, que toca o bouzouki.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios