Anabel Alonso: A literatura é unha das mellores cousas da vida, é terapéutica

74

A historia do debut literario da pontesa Anabel Alonso merecería figurar nun libro canda a estimulante colección de contos que reúne en “Café só” (Edicións Morgante). Hai un ano solicitoulle axuda a un amigo, o profesor ferrolán Alfredo Conde Mariñas, o seu parecer crítico sobre uns contos que viña de escribir. Sen dicirlle nada, este enviounos á editorial Rinoceronte, a quen lle entusiasmaron e vén de publicalos no seu selo creativo Morgante.


—A historia da edición do seu libro quedou fóra, pero merecería incluírse.
—Si, recoñezo que é ben curiosa. Foi unha sorpresa inesperada, como adoitan ser as sorpresas, non o podía crer. Ademais a rapidez, un venres chamáronme e o luns xa tiña o libro maquetado e a copia do contrato. Foi todo rápido, nunca o tería imaxinado
—“Café só” e a súa primeira incursión literaria, un título metafórico sobre a soidade.
—Certamente é un libro que fala da soidade, do sabor amargo como o café só, da incomunicación. Das dificultades de relacionarse, sobre todo para moitas mulleres.
—Sen embargo, vostede non quixo facer un libro triste.
—Iso tratei. A soidade non ten por que ser tráxica, a vida é así e o é para todo o mundo, con momentos bos e malos. Teño claro que a vida hai que vivila e tratar de gozala en cada momento.
—Como naceron os contos?
—Iso tamén é curioso porque hai tempo que escribo, pero o deixei unha temporada e na biblioteca das Pontes, onde traballo, fixemos un obradoiro de literatura. Eu en principio estaba alí como funcionaria pero me fun enganchando ás actividades e o último relato do libro escribino xa nese obradoiro, unha historia sobre a miña avoa. Na portada do libro sae a súa cociña e o seu vaso do café.
—Este é o seu primeiro libro, haberá un segundo?
—Non sei, xa me parece incrible, e marabilloso, que alguén gaste cartos en editar historias tal e como están as cousas. Pero sigo escribindo, iso si.
—Como bibliotecaria está rodeada de libros, pero que significa para vostede a literatura?
—A literatura é unha das mellores cousas da vida, algo terapéutico sen o cal tería sido máis duro soportar moitas cousas. Teño claro que son moito mellor lectora que escritora. Gústame o meu traballo non por estares rodeada de libros, senón por poder falar deles coa xente na biblioteca.
—Cando se presenta “Café só?”
—O 23 de decembro na casa Dopeso das Pontes. Alí estarei co meu amigo Alfredo Conde Mariñas e co poeta Eduardo Estévez.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios