Os centros hospitalarios esquecidos

39

[El Progreso, por Cristina Arias] Algúns edificios mantéñense aínda hoxe en pé, outros xa desapareceron. Moitos case sen deixar rastro. Algúns seguen aí, sen mostrar o que foron anos atrás, séculos atrás, cando eran centros de vital importancia, cando se converteron nos primeiros hospitais da comarca de Terra Chá e As Pontes.


O primeiro hospital coñecido na comarca, do que xa non queda nin unha pedra en pé, é un hospital de peregrinos que existiu á beira da capela de San Alberte, en Parga, durante a Idade Media.
Anos despois, nos séculos XVI e XVII construíronse outros. En Vilalba, o de San Lázaro e o Hospital de Santa Catalina. Nas Pontes, levantáronse outros dous, o que deu nome á céntrica Praza do Hospital e outro na zona antiga, unha pequena edificación que aínda conserva gravada a cruz da Orde de San Xoán.
«O concepto de hospitalidade, hoxe unido a sanidade e saúde referíase a un lugar onde se practiacaba a caridade cristiá», explica o párroco e historiador Javier Martínez, que indica que os primeiros hospitais eran centros de beneficencia que ademais de prestar «auxilio e coidado ao enfermo» servían «aloxamento ó camiñante, axuda ó peregrino, comida ó famento e sepultura ós mortos».
Centros
Martínez apunta que os hospitais eran centros «sinxelos», administrados por ordes relixiosas, onde unha persoa, «o hospitaleiro», atendía as necesidades da xente, moitas veces coa axuda de peregrinos.
«O de San Lázaro de Mourence era un lazareto. Estaba situado á beira da capela da Magdalena e era para os apestados, por iso construíuse a extramuros», explica o historiador vilalbés José-Luís Novo Cazón, que recorda que moitos facían donativos a través de testamentos, como «obra piadosa para gañarse o ceo».
Desa mesma época é o Hospital de Santa Catalina, que atendeu durante anos a pobres, peregrinos, soldados e transeúntes no número 6 da Praza de Santa María, á beira da igrexa. O hospital, cuxo edificio está restaurado, foi fundado por Dona Teresa de Lemos, Marquesa de Cañete. Reformouse e reconstruíuse durante anos e os seus usos foron variando -tamén foi escola- aínda que sempre mantivo a función de hospital, ata que como o resto, en 1808, foron desamortizados.
Tiña unha estancia destinada a enfermería, cociña, campanario e un balcón «dende o que se realizaban misas os días de feira», relata Martínez, que explica que o hospital se financiaba a través de testamentos que doaban propiedades e leiras, do aluguer dun local que se destinaba a tenda e do que se cobraba aos panadeiros e a outros comerciantes que se colocaban baixo a balconada.
Do mesmo xeito que o de Vilalba, o hospital das Pontes, de fundación popular, financiábase a través das terras que xestionaba.Enrique Rivera Rouco, no seu libro ‘Historia de Pontes de García Rodríguez’, descríbeo: «Estaba formado por dúas chabolas: unha dedicada a establecemento de consultorio médico, e a outra a escola nacional, lugar das votacións e escenario das loitas dos partidos políticos». Co tempo, tras unha continua deterioración demoleuse en 1915.
Case dúas décadas máis tarde, en 1931, inaugúrase o Hospital Asilo de Vilalba, co obxectivo de crear unha institución benéfica, aínda que coa entrada da República arrinca como escola no ano 1933.
Hospitais de sangue
A asistencia médica, o tratamento aos soldados feridos é moi antigo, tanto que xa Homero na ‘Ilíada’ fala de dous médicos na Guerra de Troia (1150-423 a.C.). Na comarca, coa Guerra Civil, o Hospital Asilo, do mesmo xeito que o balneario de Guitiriz, pasa a ser un hospital de sangue para atender aos feridos da fronte de Asturias.
O centro vilalbés mantivo a súa función de hospital durante un ano ata converterse finalmente en asilo. O balneario estivo habilitado como tal durante tres e acolleu a combatentes musulmáns, que deixaron a súa pegada coa construción dunha mesquita.
AS PONTES. Orde de San Xoán
Restos do hospital intramurallas das Pontes, da Orde dos Cabaleiros de San Xoán. A casa na que se situaba consérvase na Rúa San Xoán e aínda conserva o sinal da orde baixo a pequena fiestra lateral. Foi o antigo hospital.
1hospital_san_xoan.jpeg
GUITIRIZ. Pegadas de combatentes
Os musulmáns construíron unha mesquita como lugar de reunión da comunidade. A súa estrutura deriva da casa do profeta Mahoma, está orientada cara á Meca e o acceso realízase a través dun arco de ferradura.
2guitiriz.jpeg
AS PONTES. Pontes Hospital a extramuros
O outro hospital pontés, situado na actual Praza do Hospital, construíuse máis tarde, a extramuros da vila. Algúns historiadores cren que foi algo «probablemente motivado polas precaucións ante as enfermidades contaxiosas». VILA
3horpital_extramuros.jpeg
VILALBA. Hospital Asilo
Coa Guerra Civil o asilo destinouse a hospital de sangue, pero só funcionou un ano atendendo aos feridos da fronte de Asturias, xa que a existencia doutro centro en Mondoñedo restoulle uso. Así se converteu por fin en asilo en 1937. IESCHA
4vilalba.jpeg
VILALBA. Santa Catalina
O hospital, na Praza de Santa María, tiña un lugar estratéxico. Así desde o seu balcón chegáronse a dar misas os días de feira e a superficie que quedaba cuberta por el servía de punto de venda a comerciantes.Hoxe é unha propiedade privada. IESCHA
5vilalba.jpeg
GUITIRIZ. Balneario para feridos
Desde 1936 a 1939 o balneario de Guitiriz foi habilitado como hospital para recibir feridos da Guerra Civil, principalmente da Fronte de Asturias, aínda que tamén recibiu a moitos feridos musulmáns. IESCHA
6guitiriz.jpeg

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios