A Compañía de María despídese das Pontes

28

[La Voz de Galicia, por Charo] Vémonos! é o adeus, pero non a despedida que hoxe en día se din os amigos… Vémonos! é tamén o que queremos dicir as Relixiosas da Compañía de María que durante vinte e sete anos estivemos nas Pontes.
Desde o ano 1984 ata o 2011 a Orde Relixiosa da Compañía de María foise mantendo ano tras ano, formando equipo cos sacerdotes da Unidade Pastoral, que foi aumentando ata estar hoxe formada por catorce parroquias do Concello das Pontes, Xermade e As Somozas. Foi un compromiso entre a Diocese e a Orde que se procurou cumprir satisfactoriamente.


Chegou agora o momento de medir as nosas forzas, de discernir, valorar e pensar, se este compromiso somos capaces de mantelo. Por iso, de acordo co Bispo da Diocese, en vista de que non contamos con novas vocacións para continuar nesta misión pastoral, con pena e dor, tomouse esta decisión de ter que despedirnos.
Foron anos de traballo conxunto de sacerdotes, relixiosas e laicos, tratando de facer presente o Reino de Deus nunha realidade humana e social moi variada e complexa. É sabido que As Pontes e o seu entorno está configurado por unha realidade industrial emerxente con numerosos postos de traballo en torno á Central Eléctrica de Endesa, así foi nun principio; unha nutrida poboación foránea pero pouco enraizada; un mundo rural despoboado pero persistente e non resignado a desaparecer; e unha relixiosidade popular e tradicional, cuestionada por unha nova cultura e, por tanto, necesitada dunha nova evanxelización.
Nestes anos, entre algunhas penas e moitas alegrías, algúns éxitos mesturados con chiscos de desilusión, iso si, con moito traballo e dedicación, entrega e cariño compartidos a “fondo perdido”, procuramos sempre sementar coa palabra e coa vida a mensaxe do Evanxeo. Aí están a acción catequética en todas a idades, a formación permanente, as clases de relixión, as accións asistenciais e de promoción en Cáritas, a atención ao mundo rural, as celebracións litúrxicas, xa fora a Eucaristía ou a celebración da Palabra, a Pastoral da Saúde e a “Vida Ascendente”, a “misión parroquial”, o traballo cos mozos (tantos anos de acompañamento aos Scouts e aos grupos xuvenís!), e a non menos importante labor compartida cos sacerdotes e laicos do Arciprestado de Ortegal-As Pontes.
Hoxe quédanos un fondo agradecemento á Diocese de Mondoñedo-Ferrol por ternos confiado este servizo, á Compañía de María por mandarnos a esta misión tan comprometida, e a toda Unidade Pastoral sacerdotes que pasaron polas Pontes e laicos que se sentiron e se senten corresponsables da misión da Igrexa – por ternos acollido con tanto cariño. En definitiva, gracias a Deus porque esta experiencia compartida foi un regalo que nos enriqueceu a todas as relixiosas e marcou moi positivamente as nosas vidas.
Sabemos que nada vai morrer, que sacerdotes e seglares continuarán facendo presente, con todas as súas forzas e dedicación, o Reino de Deus. Uns e outros seguimos unidos na amizade, na oración e na Eucaristía.
Estes vinte e sete anos valeron a pena porque Deus sempre fará que o sementado dea o seu froito, e, tamén, porque hai unha comunidade cristiá viva e comprometida que colle o relevo. Por iso, insisto: vémonos!, e non nos despedimos. Seguiremos xuntos, non fisicamente, pero si doutro xeito: no recordo, na amizade e na oración.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios