Solidariedade en estado puro

42

[El Progreso] En carreiras ou a través de cancións e poemas, a solidariedade move a nenos e a maiores, que tratan de achegar o seu granito de area. En Vilalba teñen a mirada fixa na loita contra a sida en India, mentres que nas Pontes enviarán axuda ao Congo.


GRANS de area que fan montañas. A solidariedade, a pesar da crise, mobiliza a nenos e a maiores para axudar a outros en lugares máis desfavorecidos. Vilalba e As Pontes suman a súa axuda e estreitan fronteiras para achegarse a Asia ou a África a través de carreiras, música ou poemas cos que recadan fondos que á súa vez se transforman en proxectos reais alén do globo terráqueo.
Nas Pontes, o alumnos e alumnas do colexio Santa María -141 menores de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos- participaron nunha carreira solidaria organizada polo propio centro. Recadaron ao redor de 1.300 euros, que doaron integramente á organización Save the Children para un proxecto en apoio aos nenos e nenas da República do Congo.
«Houbo moita colaboración por parte de todas as familias», subliña a directora do centro educativo, Esperanza Galego, que explica que os escolares recadaron o diñeiro a través da procura de patrocinadores «oficiais» para a carreira.
«Os nenos levaban un carné e tiñan que buscar xente que patrocinase as súas carreiras. Buscaban apoios nas familias e cada un dáballe algo simbólico por cada volta. E participaron todos: os papás, os avós, os tíos…», di, satisfeita por unha iniciativa que funcionou entre os nenos, que correron ao mesmo tempo que fixeron mover as súas conciencias.
FESTIVAL
A subdelegación diocesana de Mans Unidas de Vilalba, pola súa banda, e tras o éxito da iniciativa organizada o ano pasado para desenvolver varios proxectos en Tanzania, promoverá o sábado 3 de marzo un novo festival solidario para tender pontes e recadar fondos, nunha aposta por mover aos veciños e veciñas da capital chairega a achegar o seu gran de area para tratar de mellorar o mundo.
A través da música e as letras, o auditorio Carmen Estévez viaxará polo globo terráqueo, coa mirada posta en Bastar-Jagdalpur, un dos 16 distritos que forman o estado de Chhattisgarh, en India Central, un lugar formado por 1.453 aldeas cunha poboación de dous millóns de persoas. Alí, o diñeiro que se recade, investirase nun programa de prevención e atención a enfermos de sida.
Mans Unidas financiará a construción dun centro, dunha superficie de 365 metros cadrados, que estará destinado ao coidado de enfermos e afectados. Ademais, comprará unha ambulancia e un computador e desenvolverá un programa de prevención e atención a enfermos en zonas rurais. As Carmelitas de María Inmaculada estarán á fronte do proxecto, cuxo importe ascende a 68.620 euros.
O festival que se celebrará en Vilalba axudará a converter a idea en realidade e, para iso, desde Mans Unidas deseñaron un programa que contará con algúns nomes destacados.
A cita arrincará cunha presentación, tras a que a orquestra Sintonía de Sancobade porá os primeiros acordes. Logo o rapsoda Afonso Villares interpretará varios poemas e o cantautor Miro Casabella ofrecerá un concerto. Ao piano, Alba Sofía Naseiro interpretará varios temas. Tras un descanso, a maxia chegará da man do párroco chairego Xosé Manuel Carballo, e o poeta vilalbés Martiño Maseda dedicará un espazo aos versos. Despois será a quenda do cantautor Tino Baz e de novo Alba Sofía Naseiro porá o punto final co seu piano.
O colexio pontés recadou 1.300 euros que entregará a Save the Children e Mans Unidas organiza un festival en Vilalba o 3 de marzo

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios