Nota de prensa BNG: O BNG acusa á Xunta de tentar eludir a súa responsabilidade política no incendio das Fragas do Eume

103

O goberno trata de reducir o acontecido a un problema de orde pública e delincuencia cando son os recortes en prevención e extinción os que teñen provocado esta catástrofe natural
Ocúltase información sobre as hectáreas queimadas, xa que falan de 750 desde o sábado
Medio Rural non tiña activado nin sequera o dispositivo anti-incendios de pre-campaña a pesar da situación meteorolóxica e das continuas solicitudes do BNG no Parlamento
O BNG esixe un plan de recuperación urxente e consensuado cos Concellos afectados
Monfero, 2 de abril de 2012. A executiva comarcal do BNG de Ferrolterra, representantes do BNG nos concellos da zona do Eume, e mailos deputados Tereixa Paz e Fernando Branco Parga, estiveron esta mañá en Monfero para amosar, en primeiro lugar, a súa solidariedade coa veciñanza das Fragas do Eume e, ademais, para dar a coñecer a súa posición con respecto ao incendio neste parque natural, que constitúe “unha catástrofe comparable á do Prestige”, en palabras da responsábel comarcal, Mercedes Tobío.
bng.jpg


A portavoz de Medio Rural do BNG no Parlamento galego, Tereixa Paz, informou de que este grupo parlamentar leva xa tempo solicitando ao goberno que active todos os medios e brigadas do dispositivo anti-incendios dadas as circunstancias meteorolóxicas de seca que nos afectan desde hai semanas. Porén, os distritos forestais estaban baixo mínimos no momento do incendio das Fragas do Eume. En concreto, tal e como asegurou Tereixa Paz, o distrito da zona afectada non contaba cos medios económicos suficientes nin para mercar combustible para os vehículos e máquinas encargadas dos labores preventivos.
“Os recortes en prevención e extinción saen caros para o país”
Tereixa Paz criticou a “ausencia total de políticas contra incendios en todos os Parques Naturais do país”, así como a “ausencia de prevención”. Lembrou, en concreto, que no presente orzamento da Xunta téñense reducido 22 millóns de euros en prevención e outros 7 millóns en extinción, o que, como afirmou “está a saír moi caro a todos os galegos e as galegas”.
Ademais, a portavoz nacionalista de Medio Rural asegurou que o goberno pretende reducir esta catástrofe a un problema de orde pública e de delincuencia, posto que a única medida anunciada polo executivo de Feijoo é a do endurecemento das penas para os pirómanos. Porén, para o BNG, estamos ante un problema derivado dunha xestión nefasta da política anti-incendios e da prevención.
Neste sentido, a portavoz do BNG no Concello de Monfero, Ana González, visiblemente afectada pola catástrofe, esixiu que se depuren as responsabilidades políticas dos que toman as decisións a respecto dos recortes en políticas anti-incendios. Así mesmo, informou de que a zona ardida nas Fragas do Eume é a reserva integral do parque natural, isto é, a zona de maior valor ecolóxico.
Como veciña de Monfero, Ana González asegurou sentir “tristura, impotencia e rabia” polo que considera unha catástrofe natural froito “da incompetencia política”. Unha mala xestión que comeza, segundo ela, xa en 1997, coa declaración das Fragas do Eume como parque natural sen contar coa veciñanza. Desde entón, en palabras de Ana González, “non foron quen de involucrar á poboación no proxecto do Parque Natural”, e que moitos consideran agora que lles “roubaron as Fragas e non foron quen nin sequera de protexelas”.
Para a voceira nacionalista de Monfero, é precisa unha investigación para identificar e penalizar ás persoas que provocaron o lume, e critica duramente a falta de medios que houbo nun primeiro momento e a falta de información sobre o avance dos traballos, dado que a Xunta segue a falar de 750 hectáreas desde o sábado cando o lume aínda non está extinguido.
Plan de recuperación e depuración de responsabilidades
Nesta liña, a portavoz parlamentar Tereixa Paz anunciou que o BNG solicitará a comparecencia da Conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, no vindeiro pleno do 10 e 11 de abril. Alí deberá explicar toda a xestión deste incendio e os plans que ten a Xunta para a recuperación. Uns plans que, para o BNG, e en palabras de Ana González, “deben ser urxentes, transparentes e contando coa opinión dos veciños e veciñas dos Concellos afectados”.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios