ADEUS A MANUEL CASTRO, CAYETANO, ANTIGO XOGADOR DO CALVO SOTELO

50

cayetano.jpgNo día de onte faleceu Manuel Castro Fresco “Cayetano”, coñecido no mundo do fútbol pontés e galego como Manolo Cayetano, persoa moi apreciada e querida nas Pontes. Manolo era o segundo de tres irmáns futbolistas da saga dos Cayetano; Suso, falecido hai anos, e José, coñecido por Sé. Tamén o seu irmán Carlos estivo no Calvo Sotelo xuvenil.  No cemiterio dos Alimpadoiros e na tarde de hoxe deron o seu derradeiro adeus a Manolo Cayetano os seus familiares e os moitos compañeiros e amigos que tivo nesta vila das Pontes.
Nado en As Pontes en 1932, comezou a súa andaina futbolística no  CD Juvenil Puentes e C.D. Puentes, no que estivo as temporadas dende 1947 ata 1950. Na temporada seguinte, 1950-51, ficha polo Deportivo da Coruña, que naquela época estaba na Primeira División, e incluso a temporada anterior quedara subcampión de liga, un punto por detrás do Atlético de Madrid.
Co Deportivo disputa Cayetano varios partidos amigables. De aí marchou cedido ó Club Deportivo Juvenil da Coruña, de Segunda División, na temporada 1951-52, onde coincidiu, entre outros, con Arsenio Iglesias e Lestón. Na temporada 1952-53 pasou ó Fabril Deportivo da Terceira División e na 1953-54 ó Racing Club Vilalbés.
O servizo militar levouno a Zaragoza, onde xogou no Arenas na temporada 1954-55, equipo co que promocionou a Segunda División, sendo derrotado polo Plus Ultra (actual Castilla), e co que tamén quedou subcampión español de afeccionados perdendo 3-2 na final ante o Agromán CF de Madrid.
Ó regreso do servizo militar estivo dúas temporadas no CD Lugo (1955-57), recalando na 1957-58 no Avenida de Lugo, plantel co que logrou o ascenso a Terceira División, e xa na temporada 1958-59 xogou no Viveiro CF, de Terceira División, retornando á casa, ó seu CD Puentes (1959-60). Xa co equipo federado co nome de Calvo Sotelo xoga tres temporadas (1960-61, 1961-62 e 1964-65), entremedias marchando ó CD Foz da Terceira División nas tempadas 1962-63 e 1963-64.


Feito a destacar da valía de Cayetano II foi que aló polo 1956 o Real Sporting de Gijón quixo levalo para as súas filas, fichaxe que non se levou a cabo pola imposibilidade de fichar a xogadores afeccionados os clubs de categoría nacional e porque o conxunto xixonés tería que pagar cen mil pesetas das de antes á federación española de fútbol. Por aqueles anos tamén pretendeu facerse cos seus servizos o Vitoria de Guimaraes da Segunda División portuguesa. Tamén probou polo Racing de Ferrol. A súa posición era a de medio.
Anos máis tarde, xa retirado do fútbol activo, formou parte da directiva do Endesa-As Pontes durante catro temporadas, en dúas épocas distintas, 1975-76/1976-77 e 1985-86/1986-87. No ano 1997 o Concello pontés outorgoulle o galardón ás “Vellas Glorias” pola súa traxectoria deportiva.
Manolo Cayetano foi sen dúbida un dos grandes futbolistas ponteses da historia. A súa dilatada carreira deportiva, as súas condicións técnicas e as súas virtudes humanas dan proba da persoa e deportista que foi nuns tempos moi difíciles tanto na vida cotiá como para a práctica deportiva.
No encontro de hoxe sábado entre o As Pontes e Viveiro da Liga Galega xuvenil gardouse un minuto de silencio na súa memoria. O mesmo sucederá mañá domingo no partido de Terceira División entre o Racing Vilalbés, equipo no que estivo varias temporadas, e o Cultural Areas.
1-CD-Juvenil-Puentes-1948.jpg
2-CD-Puentes-1949.jpg
3-CD-Puentes-1952.jpg
4-CD-Puentes-1956-Tirso.jpg
5-Calvo-Sotelo-1960-61-a.jpg
6-Calvo-Sotelo-1961-62-a.jpg
7-1964-65.jpg
Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios