O CPI Monte Caxado, gañador da final galega do Club de Debate

65

[Diario de Ferrol] “Supón un auténtico orgullo anunciarvos o éxito do Equipo de Debate do CPI Monte Caxado integrado por Claudia, Édgar, Marina, Pilar, Xulio, Natalia e Pablo, rapaces de 4º da ESO, que amosaron unha capacidade argumentativa e oratoria que para si quererían a meirande parte dos políticos”. Deste xeito comezaba a nova coa que o centro pontés daba a coñecer o luns, a través da súa propia páxina web, a victoria do mencionado grupo na fase final autonómica do Club de Debate, celebrada o pasado sábado no Pazo da Cultura de Pontevedra.


Alí déronse cita os catro finalistas das diferentes fases zonais celebradas no mes de marzo: o CPI Monte Caxado (gañador da comarca de Ferrolterra), IES de Ponte Caldelas (Pontevedra), IES Castelao (Vigo) e o CPI dos Dices de Rois (vencedor da comarca de Compostela).
Nesta ocasión, os alumnos saíron á palestra para defender a posición a favor ou en contra (en función do que determinase en cada turno o sorteo) sobre o tema escollido para o decisivo duelo: “Os usos das novas tecnoloxías favorecen as relacións sociais”. Tralos primeiros debates da mañá, os ponteses e mailo grupo vigués acadaban as mellores puntuacións e, por tanto, o acceso ao decisivo debate.
Entón, e grazas unha vez máis á súa capacidade de oratoria, de argumentación e á coherencia e contundencia do seu discurso, foron os ponteses os que se levaron o voto do xurado para se proclamar gañadores da cita.
A técnica de Normalización Lingüística do Concello das Pontes, Marisol Vázquez, salientaba onte a gran actuación dos estudantes que, ao seu xuízo, “foron moi superiores aos demais”, tal e como se desprende, dixo, das puntuacións obtidas por cada un deles.
Destacou tamén como parte importante do grupo o profesor que acompañou aos alumnos nesta aventura dialéctica, Yago Rodríguez (docente de Lingua Española). “Foi un preparador de luxo”, comentou. E é que tanto o docente como os alumnos volcáronse nos últimos meses –en horas fóra do horario lectivo– nunha proba que supuxo un grande esforzo e traballo de investigación, documentación e elaboración de diverso material para apoiar o seu discurso.
O equipo –integrado por Natalia Pais, Xulio Prieto, Pilar Tembrás, Édgar Franco, Pablo Fernández, Marina Díaz e Claudia Parga– recibiu como premio unha estancia de tres días –29 e 30 de xuño e 1 de xullo– para 25 alumnos a un albergue ourensán, no que se lles ofrecerá un amplo abano de actividades.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios