O PONTÉS ALEX CABARCOS CONSIGUE A MEDALLA DE PRATA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA

95

O pasado domingo día 22 o futbolista de As Pontes Alex Cabarcos Souto (17-12-1994) conseguía a medalla de prata na final do Campionato de España Xuvenil Sub18 tras perder nos penaltis ante a Comunidade Valenciana, 4-2, despois de finalizar o encontro e a prórroga con empate a 1-1. Previamente na primeira fase a selección galega competiu en Euskadi, onde gañou meritoriamente á selección local, País Vasco (1-0), e a Extremadura (4-2). Na segunda rolda, en Ourense, empataron coa favorita Cataluña (0-0) e venceron a Aragón (4-1), o que lle outorgou os puntos necesarios para pasar a fase final xunto a C.Valenciana, Castela A Mancha e a propia Cataluña. O torneo desputouse en Cataluña, e o sorteo deparoulle á selección galega xogar as semifinais contra o equipo anfitrión, cuia xeneración de 1994 venceu o campionato de España sub14 en 2008 e o sub16 en 2010. Pero a selección galega sub18 conseguía dar a campanada e vencer no último minuto, 0-1. Xa na final ante a Comunidade Valenciana, e a pesar de dispoñer de numerosas ocasións, a sorte deulles a espalda e os mediterráneos acabaron por levarse o título nos penaltis, pero obtiveron unha valiosísima medalla de prata.
Alex comezou a xogar no CD As Pontes no equipo benxamín na tempada 2002-03. Foi, xunto ós seus compañeiros, campión de Liga de Ferrol Alevín 2004-05, tras empatar a puntos co Portuarios, por mellor goal average, e campión da Liga de Ferrol Cadete na tempada 2008-09, nun trepidante final de Liga que se resolveu a favor dos azuis cun punto de ventaxa sobre o Galicia de Caranza e tres sobre o Cebarca. Anque agora se asentou no lateral esquerdo, a súa posición habitual soía ser a de extremo ou mediapunta, e antes de xogar na selección galega xogou na selección ferrolá Alevín, sub15 e sub17. Tras nove anos xogando no equipo azul, este ano fichou polo Racing de Ferrol, coa tentadora oferta de poder xogar na Divisón de Honra Xuvenil.
alex_1.jpg


Precisamente comezamos a nosa conversa falando da súa andaina na máxima categoría do fútbol estatal na que lamentablemente o conxunto ferrolán non puido manter a categoría. Para Alex “Pois xa cando comezamos a Liga, en León, contra un rival moi difícil como o Puente Castro, xa vimos que eran moi físicos, creo que nós somos xente moi nova e tiñamos moi bo equipo, pero faltabanos algo de físico e ritmo de competición nesta categoría, aparte doutras circunstancias que se deron. Seguramente por plantel nos poderiamos salvar, pero tamén unha vez que comezas mal o campionato e te ves nos postos de abaixo e tan lonxe da salvación, pois é difícil saír desa situación, e tamén te vas desmoralizando”. Sobre equipo que máis lle gustou da categoría non ten dúbidas “O que máis me gustou foi o Oviedo, fixo un fútbol espectacular, en División de Honra non che deixan xogar moito a fútbol, un equipo que xoga a fútbol pode ter moitos problemas, e para min eran un equipazo, xogaron moi ben a fútbol e aínda así non acabaron a Liga moi arriba tampouco, na metade da táboa”. Sobre os xogadores que máis o impresionaron “Xa empezando polos meus compañeiros de selección, do Celta e do Deportivo, que son impresionantes, pero non sei, si teño que destacar a un, Jonhy, do Celta, lateral dereito e central que agora está xogando no Celta B, na Segunda División B, e incluso na selección española sub19, cun ano menos, para min o mellor, con diferencia”. Sobre o futuro “Pois para o ano son xuvenil de último ano, e espero ter posibilidades no Racing, aínda que bueno, a tempada para min aínda non rematou, estou adestrando co primeiro equipo do Racing de Ferrol, e a verdade que son uns xogadorazos, e estas cousas si que te reforzan como futbolista, poder adestrar con esta xente”.
alex_1.jpg
Alex analizanos paso a paso o Campionato de España “Pois antes de comezar o torneo ninguén daba algo por nós, partimos cun grupo moi novo e no País Vasco xogabamos contra un equipo moi físico e moi duro tamén, pero plantamonos moi ben, conseguimos meter un gol ó principio e pelexamos todo o que puidemos ata o final, gañamos, e unha vez que lle gañamos ó País Vasco, na cabeza xa cambiou a nosa mentalidade, pois a partir de ahí íamos a por todas, e notouse moito en Ourense, que a pesar dese lastre que tiven contra Cataluña (expulsión), seguimos coa cabeza moi alta e os meus compañeiros fixeron un traballo impresionante nese partido e conseguiron manter o empate. Tamén tivemos problemas con Jonhy e Rubén, que eran importantes para o Celta e non puidemos contar moito con eles, pero os meus compeñeiros tiñan moita calidade e na fase final soubemos sobrepoñernos a esas dúas baixas e gañar a Cataluña na súa casa e no último minuto, e iso foi espectacular, xa estábamos case sen forzas ó final do partido, e esa carreira que botas desde o teu campo ata o córner para celebralo xa case a fas máis coa alma que coas forzas que tes”.
alex_1.jpg
Alex, co Racing de Ferrol de División de Honra, co tamén futbolista pontés Juan Prieto, terceiro por arriba (Foto Mucha Calidad)
Sobre a final perdida nos penaltis ante a Comunidade Valenciana Alex comentanos que “Costounos adaptarnos ó futbol da Comunidade de Valencia, porque era un equipo moi físico, nós xogabamos moi ben ó fútbol, e contra Cataluña puidemoslles prantar cara porque eran dous xogos moi parecidos, pero contra un futbol físico coma este costounos máis adaptarnos, e ademáis xa nos marcaron moi rápido, no minuto 15, pero na segunda parte houbo un cambio de estratexia moi acertado por parte do adestrador, que xa os viña facendo así de acertados, e deixounos con defensa de tres, e os demáis ó ataque, conseguimos empatar, anque logo pasounos factura na prórroga, que eu case non sentía as pernas, tivemos que volver a defensa de catro un pouco coa idea dos penaltis, e xa ahí é unha lotería, pero aínda volvemos a ter mala sorte tamén, porque despois de fallar todo o que fallamos na segunda parte, David fixo unha boa parada nun penalti, e noutro, parouno, pero coa rosca que levaba o balón, acabou entrando e el non se deu de conta. Nos penaltis pode ganar calquera”.
alex_1.jpg
Alex, Campión de Liga de Ferrol Cadete 2008-09 co CD As Pontes
A xeneración galega de 1994 viña destacando desde hai tempo, en 2008 perderon a final do Campionato de España Infantil, precisamente ante Cataluña (5-0), e en 2010 chegaron a semifinais do Cadete, que perderon con Murcia, torneo tamén gañado por Cataluña, 4-0 na final ante ós murcianos. Comenta Alex “Si, era un bo grupo ó que nos fomos incorporando algúns novos. De todo o torneo eu quédome con toda a selección catalana, pola calidade que teñen, anque como grupo penso que eramos superiores a calquera, pois estábamos moi ben traballados. Cataluña por exemplo no hotel á hora de comer xa o vías que era todo moito máis frío, na nosa selección eran todo risas e bo ambiente, e iso tamén axuda a gañar os partidos, e como xogador elexiríache a Sergi Samper, o medio centro do FC Barcelona, que aínda é sub17, e ten moito futuro ese rapaz”. Sobre os mellores momentos do torneo Alex ten varios “Quizais cando xa sabíamos que estábamos clasificados para a fase final, e logo tamén a fase final en si, xogala é unha experiencia inolvidable, única. E logo o gol contra Cataluña, porque penso que se fixo xustiza ó que estábamos facendo no campo e no caso de perder quedaríamos sen medalla, e non podía ser así, merecíamos cando menos estar na final.” Sobre os seus compañeiros de selección “ Quédome con todos, ós do Racing, David e Sergio, xa os coñezo de toda a temporada, e entre eles moitos xa se coñecían, houbo moi bo ambiente, eramos un grupo que nos levamos moi ben. Tamén che digo que eu coñezo desde pequeno a Alberto, do Celta, que é de Ceceira”.
alex_1.jpg
Falamos con Alex de temas de actualidade, entre eles os equipos españois nas competicións europeas, e a situación do Celta, Deportivo e As Pontes. “Para min está claro que o fútbol español está por encima do resto, estase demostrando, a pesar das eliminacións que acaban de ter na Champions Madrid e Barça, penso que seguen estando por riba de todos, porque por unha parte o prantexamento do Chelsea, para min non é de equipo grande, e bueno, o Bayern de Munich quizáis sexa o único que se achegue un pouco a eles dous, está un pouco por detrás, pero penso que Madrid e Barça son os mellores. E despois na Europa League tamén se está demostrando co Athletic de Bilbao e o Atlético de Madrid, o fútbol español agora mesmo eu penso que temos que estar agradecidos da sorte de poder xogar en este fútbol porque a día de hoxe é o mellor”. Sobre o Celta e o Deportivo “Eu como galego espero que estean os dous en Primeira División e ver un derbi como dios manda na Primeira que é como máis o disfrutas, o Deportivo eu penso que está claro que si, e o Celta pois a ver si na promoción, porque o Valladolid está moi forte, pero espero ver ós dous en Primeira División”. Sobre o As Pontes, Alex amosa a mesma preocupación que a afección pontesa “O As Pontes, o malo é que non dependen deles, ese é o problema, que pode haber seis ou sete descensos, que son moitos, e ademáis teñen que gañar os tres partidos que lles quedan. Eu este ano cando fun ver os partidos, con Lemos vin un fútbol moi bonito, pero poucos resultados, non sei que era o que fallaba, faltaba gol ou tamén o tema dos postes, que non é normal, por exemplo o de Sergio Arias que non sei cantos postes faría, pero para min, opino como case todo o mundo, si baixan, ogallá que non, para min non merecen baixar, porque incluso ós equipos grandes fixeronlles frente, o Racing de Ferrol alí e aquí, e os outros tamén, para min non merecerían baixar, sería unha pena”.
alex_1.jpg
alex_1.jpg
Alex, cos seus pais e a súa irmá Mireia, xogadora titular do equipo feminino CD As Pontes con so 14 anos
Para rematar, dos tres viaxes deste ano ó País Vasco, a Ourense e a Cataluña, Alex quedase con unha experiencia inolvidable “Sen dubida dos tres sitios ós que fun, quédome con San Mames, impresionante, e iso que non xogaba o Bilbao que xogaba a selección vasca o partido de Nadal, pero aínda así, o ambiente que hai nese sitio, agora o entendo, é unha afección impresionante, xa poden gañar os xogadores anque so sexa polo que animan, é incrible, teño moita admiración por eles, pola filosofía que teñen, como equipo, como afección e como estadio emblemático”.
Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios