Nota de prensa BNG: O GOBERNO GALEGO RECOÑECE A ESCASA EXECUCIÓN DE INFRAESTRUTURAS DO PLAN DO CARBÓN

127

En resposta a unha pregunta Parlamentar do BNG, o Goberno Galego recoñece o escaso grao de execución de obras de infraestruturas ao abeiro do Plano do Carbón que afecta fundamentalmente a Cerceda e As Pontes, e aos concellos limítrofes.
As Pontes, 7 de maio de 2012.- En resposta a unha pregunta parlamentar do deputado do BNG, Fernando Branco Parga, o Director Xeral de Industria, D. Ángel Bernardo Tahoces, recoñecía o escaso grao de execución de infraestruturas ao abeiro do actual Plan do Carbón 2006-2011.


De feito no bienio 2006-2007 (cando gobernaba o Bipartito), dunha asignación para infraestruturas, por parte do Miner, de 32 M€, foron comprometidos 18,8 M€, é dicir unha execución do 59%.
No período 2008-2011 (maioritariamente no Goberno Feijóo), a asignación era de 48,52 M€, e o executado foi de 2,17 M€, é dicir só un 4,48%.
Tamén débese salientar que dos dous Concellos con minaría de carbón, As Pontes e Cerceda, o reparto foi claramente desigual; no caso de Cerceda recibiu un total de 12,7 M€, e nas Pontes non se executou ningunha obra, se ben hai que considerar o treito da Autovía Cabreiros-Vilalba, por valor de 8,4 M€.
O BNG realizaba esta pregunta ante a minoración no proxecto de Orzamentos do Estado das partidas do Plan do Carbón que, segundo o propio Ministerio de Industria, non prevé obras novas de infraestruturas; é dicir, este Plan 2006-2012, pode finalizar sen que se realice ningunha infraestrutura no Concello de As Pontes.
Asemblea Local do BNG das Pontes

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios