A Xunta de Galicia presenta en Santiago de Compostela o novo corrector de galego Imaxín Galgo 2.0

53

Esta nova ferramenta, que pode descargarse na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, está adaptada á normativa do ano 2003 e conta coa posibilidade de funcionar en Mac e mais nas últimas versións de Windows
[Xunta.es] O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe na Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia a nova versión do corrector de galego Imaxín Galgo 2.0.
Durante a súa intervención o conselleiro lembrou que o corrector Galgo é un dos máis eficaces e completos do mercado, do que dixo que “facilita enormemente a escrita no noso idioma”. Ademais, mostrouse satisfeito de poder presentar unha ferramenta que facilita a aprendizaxe e progresiva autonomía no uso correcto do noso idioma e axuda a superar as inseguridades de quen aposta por escribir en galego no ámbito público e profesional.


No acto participaron tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira Álvarez; a concelleira de Educación de Normalización Lingüística de Santiago, Rebeca Domínguez Iglesias; Manuel González González, membro da Real Academia Galega e director científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) e Diego Vázquez Rey, representante da empresa que desenvolveu o corrector, Factoría de Software e Multimedia, S.L.
Lingua TIC
Vázquez Abad indicou que o corrector Imaxín Galgo 2.0 é unha contribución máis da Xunta de Galicia a conseguir as metas marcadas no Plan xeral de normalización da lingua galega con relación ás tecnoloxías da información e da comunicación. Sobre isto o conselleiro dixo que fomenta a presenza do galego nas TIC, ao tempo que logra unha oferta máis ampla e competetitiva de produtos e recursos informáticos en galego, e que favorece a opción positiva polo galego no mercado da información e da comunicación e mais a libre circulación do galego nos sistemas avanzados da vida moderna.
Outros proxectos
Así mesmo, lembrou outros proxectos do seu departamento que inciden nos mesmos fins, coma o Dicionario de pronuncia da lingua galega en liña; os cursos de galego a distancia; o Dicionario xurídico, que estará proximamente en internet a disposición da cidadanía; todo o traballo en lingüística informática do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e o apoio á candidatura para o dominio puntoGal.
No relativo ao puntoGal a directora da Amtega, Mar Pereira, indicou desde a Axenda Dixital 2014.gal, se está apoiar a construción dunha comunidade con identidade de seu na era dixital. De aí o apoio do Goberno galego a iniciativas como punto.gal, para conseguir un dominio galego en Internet ou á Campaña por un twitter en galego.
Ademais noutra liña de actuacións, Mar Pereira destacou que a Amtega vén colaborando económicamente e prestando apoio, nos derradeiros anos as Asociacións de Usuarios de Software Libre, na tradución de Software Libre ao galego e se está a traballar tamén na posta a disposición das administración públicas galegas dun sistema de tradución automática galego-castelán.
En definitiva, iniciativas que aproveitan a tecnoloxía para facilitar o uso do galego e contribuír a súa dinamización.
Por outra banda, Xesús Vázquez Abad aproveitou a ocasión para animar a cidadanía a sumarse á campaña da Xunta de Galicia Redes sociais en galego e á iniciativa cidadá Twitter en galego XA! En relación con isto, congratulouse de que no ámbito das tecnoloxías en lingua galega conflúan os esforzos da cidadanía, cos do goberno de Galicia e de entidades privadas coma Factoría de Software e Multimedia, S.L.
Imaxín Galgo 2.0.
O corrector Imaxín Galgo 2.0, que pode descargarse da páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.xunta.es/linguagalega/galgo, é unha actualización do corrector Galgo que presenta, con respecto á versión anterior, tres novidades fundamentais: está adaptado á normativa da Real Academia Galega de 2003, está actualizado para as novas versións de Microsoft Word para Windows e conta con versión para Mac.
A diferenza doutras ferramentas semellantes, ofrece a vantaxe de solucionar, a canda erros de carácter tipográfico e ortográfico, outros de carácter léxico e mais a de que as correccións e suxestións de vocabulario ante unha palabra incorrecta están especialmente pensadas para a lingua galega e a súa situación de contacto co castelán.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios