ROUPAR CELEBROU A FESTA DO CAMPO

174

Esta fin de semana a veciña parroquia xermadesa de Roupar celebrou na capela da Nosa Señora do Carme a tradicional e popular Festa do Campo na honra á Virxe do Carme e San Caetano, festividade con moita tradición na comarca, que se ven celebrando dende hai moitos anos.
Iniciáronse os festexos o venres 14 cunha verbena coa orquestra Fantasía. O sábado 15, misa, procesión e música a cargo da orquestra Nevada O remate destas populares festas foi o domingo 16 con funcións relixiosas e a sesión vermú a cargo do Dúo Eclipse.
roupar-001.jpg


A PARROQUIA DE ROUPAR
Cunha superficie de 25 quilómetros cadrados e 355 habitantes, San Pedro Fiz de Roupar é unha das dez parroquias que conforman o concello de Xermade. Linda coas de Lousada, Cabreiros e as pontesas de Aparral e San María das Pontes.
Comprende trinta lugares e aldeas, sendo os máis habitados os da Casanova (89 habitantes), A Criba (36), Pena Vaqueira (35), O Reboredo (27), A Torre (17), A Ermida (16), Aveás (13) e O Aguillón (14). Pertence ó arciprestado de As Pontes e á diocese de Mondoñedo.
Ten unha altitude media duns trescentos metros, aínda que hai cumes que superan os seiscentos, como O Castrillón (667) e O Pico (642). Está bañada polo río Chamoselo, que nace preto do lugar da Ribeira e desemboca no Eume no casco histórico de As Pontes. Desembocan nel os regos do Campo, da Torre e Porto da Vila.
Ó igual cas dos arredores, é unha parroquia rica en xacementos arqueolóxicos, como os castros de Castrillón, con restos de parapetos de pedra, o de Sucastro cun gran foso no que apareceron anacos de ladrillos e de cerámica para usos domésticos, e o máis importante, o das Medoñas da Graña, no que se atoparon muíños de man, construcións rectangulares, restos de cerámica, ósos de animais e carbón.
Durante a Idade Media o couto de Roupar, xunto co de Lousada, estivo sempre en disputa entre o señorío feudal e o eclesiástico. Fernando III confirmou en 1232 ó mosteiro de Meira este couto, que xa fora doado polo seu pai Alfonso IX. En pugna co dominio dos Andrade, foron os cistercienses os que se fixeron coas rendas disputándollas ós mosteiros de Meira e de Monfero.
No barrio da Torre, preto da igrexa parroquial, está a casa do mesmo nome, que, segundo algúns escritores, tiña cinco séculos de existencia e que pertenceu ós condes de Valdepeñas. Era unha vivenda fortificada con fachadas e cornixas en granito.
A igrexa parroquial sufriu sucesivas reformas, destacando o retablo principal de tipo salomónico, con cinco fornelos no corpo principal e un no ático. Cerca da aldea de Buscalte atópase a capela de San Miguel, de planta rectangular cunha talla do arcanxo que data do século XVIII. No lugar do Campo está a capela da Nosa Señora do Carme do Campo e na aldea da Ermida a capela de Santo Estevo (século XVIII), de construción sinxela e planta rectangular. Hai importantes cruceiros nos lugares do Campo, A Criba e Porto da Vila.
Roupar, 16 de setembro de 2012 (AF)
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
roupar-001.jpg
Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios