I CONCURSO FOTOGRÁFICO DROGAS: Sentindo a realidade.

152

CONCURSO.jpg

BASES I CONCURSO FOTOGRÁFICO DROGAS: Sentindo a realidade.
ASOCIACIÓN ABEIRO DE AXUDA AO DROGODEPENDENTE. AS PONTES 2012.

1. PARTICIPANTES
Poderán presentarse tódalas persoas interesadas, con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos. Haberá dúas categorías:
– Dos 12 aos 17 anos (ambos inclusive): categoría xuvenil
– Dos 18 aos 30 anos (ambos inclusive): categoría adultas/os
2. TEMÁTICA DO CONCURSO
Os traballos deberán axustarse á temática proposta, que é a seguinte: As drogas e os sentimentos e valores que provocan na sociedade. As persoas deben plasmar nas súas instantáneas, diferentes situacións ou lugares nos que están presentes as drogas e os sentimentos e valores que estas provocan.
3. PRESENTACIÓN DAS OBRAS AO CONCURSO
As/os concursantes poderán facer entrega dos seus traballos ata o 15 de novembro de 2012. As fotografías e documentos requiridos para concursar enviaranse por correo electrónico ao enderezo fotodrogas.aspontes@gmail.com . A xeito de acuse de recibo, a organización do concurso responderá cunha mensaxe de correo electrónico confirmando a recepción. Ata que non reciba esta mensaxe, a persoa solicitante non poderá dar por feita a súa participación.
3.1 PRESENTACIÓN E ENVÍO DAS FOTOGRAFÍAS
As fotografías deberán ser presentadas en formato JPG, cunha resolución mínima de 300ppp. A imaxe poderá ocupar 5MB como máximo.
Cada participante poderá presentar ata un máximo de 2 fotografías individuais, ou ben unha serie composta de tres fotografías. Admítense fotografías en cor e en branco e negro.
Cada fotografía presentada a concurso nomearase co pseudónimo da autora ou autor seguido do número da fotografía (1 ou 2) máis a extensión do ficheiro. Por exemplo: botellón1.JPG, botellón2.JPG.
No caso das series fotográficas, estas serán nomeadas co pseudónimo da/o concursante seguido da palabra „serie‟ xunto co lugar que ocupa a fotografía na serie (1, 2 ou 3). Por exemplo: botellónserie1.JPG, botellónserie2.JPG, botellónserie3.JPG.
Non se admitirán fotomontaxes ou fotografías retocadas dixitalmente, se ben serán admitidas as fotografías con axustes de brillo, contraste e cor empregados para mellorar a calidade da imaxe.
As imaxes deben ser inéditas e exclusivas do/a autor/a. Non se admitirán, polo tanto, obras que se teñan presentado a outros concursos ou que teñan recibido premios anteriormente.
A/o concursante garante ser a/o única/o titular dos dereitos de autor sobre as fotografías presentadas e faise responsable de calquera tipo de reclamación, eximindo á organización de dita responsabilidade.
As/os concursantes certifican que dispoñen dos dereitos de imaxe das persoas identificadas ou identificables e eximen á Asociación Abeiro de calquera responsabilidade que puidera derivarse como consecuencia da non obtención destes correspondentes permisos.
No caso de que aparezan menores de idade as/os concursantes deberán dispoñer da correspondente autorización da nai ou pai ou do/a titor/a legal.
A Asociación Abeiro garante ás persoas autoras o respecto absoluto aos seus dereitos conforme a lexislación vixente.
As/os concursantes non poderán exhibir as fotografías presentadas ao concurso a través dos diferentes medios de comunicación e redes sociais antes do fallo do concurso.
3.2 PRESENTACIÓN E ENVÍO DA INFORMACIÓN REQUIRIDA
Cómpre enviar dous tipos de documentos xunto coa obra participante: Documento de texto “FOTOS”: este documento deberá nomearse co pseudónimo da/o concursante seguido da palabra “fotos”. Por exemplo: botellónfotos
• Documento de texto “FOTOS”: Deberá conter a seguinte información:
– Pseudónimo da persoa concursante.
– Título de cada fotografía, asociado ao nome que leve o arquivo fotográfico, ou título da serie.
– Breve descrición de cada obra, na que se explique a relación da fotografía ou serie co tema proposto.
– Lugar de realización de cada unha das fotografías ou serie.
• Documento de texto “DATOS PERSOAIS”: este documento deberá nomearse co pseudónimo da/o concursante seguido de “datos persoais”. Por exemplo: botellóndatospersoais.
Deberá conter a seguinte información:
– Nome e apelidos.
– Data de nacemento.
– Domicilio, código postal e poboación.
– Teléfono de contacto e enderezo electrónico.
– En caso de ser menor de idade, autorización asinada con DNI da/o nai/pai ou titor/a.
3.3 DEREITO DE EXCLUSIÓN
A organización resérvase o dereito de exclusión:
– cando se incumpran as presentes bases
– cando se inscriban datos falsos na ficha de inscrición
– cando de forma fraudulenta manipulen a participación
– cando as fotografías poidan considerarse contrarias aos dereitos e liberdades fundamentais
Os documentos de texto nos que se indiquen os datos persoais da/o concursante serán arquivados pola Asociación Abeiro e en ningún caso as persoas que compoñen o xurado terán acceso aos mesmos ata unha vez decidido cales son as fotografías gañadoras. A Asociación Abeiro será a única responsable do ficheiro de datos. Seguirase minuciosamente a normativa vixente sobre a protección de datos de carácter persoal (Lei 15/1999).
4. XURADO E SELECCIÓN DE GAÑADORAS/ES
Participar no concurso implica aceptar estas bases e a inapelable decisión do xurado, que estará composto por cinco persoas:
– Representante da Asociación Abeiro de Axuda ao drogodependente de As Pontes.
– Representante da Asociación de Alcohólicos Rehabilitados Adiante de As Pontes.
– Representante do Concello de As Pontes.
– Profesional do mundo da fotografía e/ou artes plásticas.
– Coordinadora do programa para a prevención de drogodependencias na adolescencia, Zona Zero.
5. ENTREGA DE PREMIOS
Haberá un premio por categoría. Os premios serán os seguintes:
– Para a categoría xuvenil: Vale de compra valorado en 100€.
– Para a categoría adultas/os: Vale de compra valorado en 150€.
Os vales de compra poderán ser utilizados en diferentes establecementos de As Pontes.
O uso de ditas fotografías quedará cedido á Asociación Abeiro, que poderá empregalas para realizar calquera actividade sen fins lucrativos, citando sempre ao/á autor/a das obras. Tamén poderá difundilas polas súas canles de comunicación habituais. As persoas premiadas asinarán un documento de cesión de dereitos de reprodución das imaxes.
O fallo do concurso farase público a través da páxina web educaspontes.es e con anterioridade comunicaráselle individualmente ás persoas premiadas.
Se o xurado o estimase oportuno algún dos premios podería quedar deserto.
A presentación e entrega de premios realizarase o martes 20 de novembro de 2012 a partir das 18h. na Casa Dopeso, onde tamén terá lugar unha mesa redonda sobre a temática das drogas e a súa realidade actual.
Para calquera dúbida sobre o concurso pódese chamar ao 608 63 13 76 de luns a venres de 9:30 a 14:30h. ou escribir un correo electrónico a fotodrogas.aspontes@gmail.com

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios