Medos romero: Este libro é unha metáfora do expolio no que vivimos, o meu Indignádevos particular

29

[Diario de Ferrol] Cada poemario de Medos Romero é un acontecemento literario. Co novo, “A ansia do lóstrego” (Follas Novas), está a provocar un tremor poético do que fala.
Estamos ante o seu libro máis explicitamente político?
Si, sobre todo entendido desde un punto de vista de compromiso social e de intervención no que estou a ver. Podemos dicir que este libro é o meu “Indignádevos” particular. Pero todo iso feito con preocupación pola linguaxe e a forma, buscando unha dignidade literaria.


Como xorde este traballo?
Aínda que a miña visión sempre estivo ferida pola cicatriz da mina das Pontes, onde traballaron meu pai e meu avó, xuntáronse dous feitos: verme nas manifestacións contra o decreto do carbón e como remataba un xeito de vida, porque o problema non é a explotación da terra, que a xente de algo ten que vivir, senón para quen vai esa riqueza. A todo iso sumouse o estar sacudida pola actualidade onde a economía sepulta calquera valor.
O título fai referencia á voracidade do capitalismo, non?
Si, podería chamarse “A furia do capital”, por exemplo. É unha metáfora do saqueo e o expolio no que estamos a vivir. As Pontes é de onde parto, pero a ollada diríxese a todo o planeta onde nenos explotados traballan para extraer o coltán, o ouro ou os diamantes. Iso pasa hoxe.
Comeza o libro con dúas citas de Gamoneda e Sampedro.
Explican moi ben o sentido do libro, “lo que no vale dinero no merece la pena”. Agora fálase dos desafiuzamentos, pero a moita xente sacáronlle as súas terras, expulsáronos delas e tiveron que adicarse a outra cousa. En Ferrolterra fálase moito da reconversión, pero a min paréceme que a verdadeira non está nun obreiro que cambia de empresa, senón nun labrego que ten que marchar á industria.
Teme que a acusen de ir contra o progreso?.
Pero é que eu non estou en contra diso. O que me pregunto eu é que imos deixar ás xeracións do futuro, aos noso fillos, ao pobo, ao país? E outra cousa, quen se beneficia deste expolio, que grandes empresas?
Busca provocar unha reflexión?
Exactamente, que a xente pense no que está a suceder, como pasa nas sociedades máis avanzadas. Se lles deixasen, os que queren sacar a andalucita das Fragas do Eume entraban a saco e desfacían todo. Ten que haber una sociedade que teña conciencia das cousas e poña os límites.
Suma vostede a crítica económica á moral.
Todo vai unido, e tan certo é que hai crise económica como ética, cívica e de valores.
Falemos da edición. Repite vostede con Luis Alonso Girgado como editor e acompaña os textos das fotografías de Antonio López Fernández.
A Luís Alonso Girgado sempre lle estarei agradecida pola súa xenerosidade e só teño boas palabras para o seu traballo. En canto ás fotografías, fun a unha exposición de López Fernández no Mercado Vello das Pontes e alí vin os temas dos que eu falaba, os monstruos, a lama… Comenteillo e estivo encantado de colaborar, creo que as fotografías aportan máis forza ao libro.
Como pontesa, que lle parece como quedou o lago?
Polo menos tapou esa vergoña e cicatriz na terra. Están a falar de que dará riqueza pero iso estaría ben en Extremadura ou nun sitio do interior, aquí temos costa e mar por todas partes.
A súa poesía seguirá por esta liña social?
Nunca sei o que vou escribir ou se vou seguir escribindo. Iso non o podo planificar. O tema e as gañas agroman cando algo me emociona.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios