RESULTADOS DO CD AS PONTES: 19-20 DE XANEIRO DE 2013

53

Nunha fin de semana na que non se puideron disputar todos os encontros debido ó temporal que asolou Galicia, perdeu o As Pontes por terceira ocasión consecutiva neste ano 2013. E como acontecera diante do Compostela, perdeu un punto no tempo de prolongación (minuto 92). Nesta oportunidade cun tanto do xogador de Ortigueira Marcos Álvarez en posición un tanto dubidosa, xa que se reclamou fóra de xogo. Anteriormente adiantouse o Racing de Ferrol cun gol do lateral dereito de Coruxo, Rubén Comesaña (min. 32) e empatou Iván González antes de chegar ó descanso (min. 44).
Xogaron polo Club Deportivo As Pontes: Kiko, Esmorís, Nano, Chote, Rochela, Dani, Iván González, Bossa, Arias (Eloy 74´ Dieguito 89´), Cañizares (Amado 76´) e Pablo Domínguez.
O As Pontes sitúase nunha delicada situación coas vitorias do Racing Vilalbés, Dorneda e un Bergantiños en alza que se aferra á salvación. Por sorte gañou o Ourense. A oito puntos do descenso se atopa o cadro azul, criba que marca o Vilalonga, conxunto que precisamente visita o Poboado o vindeiro fin de semana nun partido no que hai que conseguir o triunfo, si ou si, e máis tendo en conta o complicado calendario da segunda volta.
Sensacional vitoria a domicilio do segundo equipo na Capela, por 0-4, o que o sitúa na terceira posición a un punto do Rapido de Neda, con 34 puntos, e a dous puntos do líder Miño, con 35, que esta fin de semana superou unha dura proba e gañou 2-1 ó San Mateo. Un equipo en claro ascenso como o Numancia de Ares, cuarto na clasificación, visita o Poboado na seguinte xornada.
Campo-do-Poboado-2009-a.jpg


Por segunda xornada consecutiva non xogou o equipo xuvenil, a semana pasada co Val, e nesta ocasión, contra outro equipo da comarca, o Eume Deportivo. Unha vez máis, o mal estado dos terreos de xogo do Poboado foron a causa.
Severo correctivo do equipo feminino, que perdeu por 6-0 en Monforte ante o segundo clasificado, Monte Forte. Afortunadamente só quedan catro xornadas para rematar a competición, recibir ó penúltimo Sar a vindeira semana, e ó líder Dubra, e visitar os campos do Melide e do Tordoia na derradeira xornada de liga. Son quintas con 27 puntos. Máis información en: http://aspontesenfeminino.wordpress.com
O Galicia de Caranza cadete perdeu os seus dous primeiros puntos a fin de semana pasada co Eume Deportivo, e nesta xornada púxose as pilas e venceu por un claro 3-0 ó As Pontes, que se mantén terceiro con 10 puntos. Lidera O Val con 18 puntos seguido de Galicia de Caranza con 16. Xogaron polo As Pontes Ángel, Alberto, Jorge, Alex, Caínzos, Iván, Raquel (que este pasado luns adestrou coa selección galega sub16), Nahúm, Rey, Iago, Brais Blanco. No segundo tempo entraron Brais Martínez, Roberto, Óscar e os infantís Pita e Josiño.
O conxunto infantil do Racing de Ferrol sentenciou media liga ó gañar ó As Pontes por 4-2. Os verdes lideran a clasificación con 18 puntos, seguidos dos ponteses con 13, que o vindeiro sábado reciben no Poboado ó Narón BP Piñeiros.
En canto ó fútbol-8 tan só disputou o seu partido o benxamín B que perdeu o venres en Valdoviño por 2-1 diante do Amistade de Meirás B, o que o deixa como antepenúltimo con 4 puntos, recibindo o vindeiro sábado ó Perlío B.
Os demais equipos de base que ían xogar no “desterro” do campo dos Calzados da Capela, a pesar de que as instalacións do Poboado contan con 7 terreos de xogo, non disputaron os seus partidos por mor do temporal de chuvia. De seguir estas chuvias moito nos tememos que poucos encontros se verán no Poboado.
Nova cortesía de Xosé e Antón Ferreiro.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios