Mesa de Normalización Lingüística das Pontes: Carta dirixida o Alcalde

145

Carta da Mesa de Normalización Lingüística das Pontes, dirixida o Alcalde deste Concello, reclamando que se faga a nova edición do libro “Historia de Puentes de García Rodríguez” en galego como era a intención de D. Enrique Ribera Chao, o finado autor do libro

As Pontes, 18/01/13
A/A Alcalde-presidente da corporación municipal Sr. Valentín González Formoso
Moi señor meu:
Dirixímonos a vostede dende a Mesa pola Normalización Lingüística por mor da nova publicación do libro Historia de Puentes de García Rodríguez, que vostede anunciou na homenaxe a D. Enrique Rivera Rouco polo décimo aniversario do seu pasamento.
Esta nova causou unha grande decepción entre os membros da nosa asociación, xa que isto significaba que a proposta presentada había tempo aos seus compañeiros de corporación Antonio Castro e Sara Ramos fora totalmente ignorada.
Como saberá, a intención e o desexo de D. Enrique sempre foi que a súa obra estivese escrita en galego, cousa que non se fixo dende un principio polo medo do propio D. Enrique e das persoas que transcribiron o libro a cometer erros escribindo nunha lingua na que, desgraciadamente, non foran alfabetizados.
Coñecedores deste feito, os membros da Mesa decidimos ter unha xuntanza coa Asociación de Estudos Históricos HUME para ofrecer ao Concello unha proposta que consideramos ben atractiva: a tradución do texto á nosa lingua xunto con outra serie de melloras no propio contido da obra. Suxeriuse a modificación das imaxes por outras de maior calidade e resolución así como a posibilidade da inclusión dun anexo no que HUME inseriría actualizacións de datos e/ou comentarios sobre certos erros do texto orixinal.
Consideramos que esta opción pode ser bastante máis proveitosa tanto para o Concello como para todos os habitantes e posibles visitantes da nosa vila, polo que lle pregamos que rexeite a idea do facsímile e se decante polo proxecto que lle estamos a ofrecer.
Agardando a súa pronta resposta, reciba un cordial saúdo.
Mónica da Silva Beceiro
Responsable local A Mesa pola Normalización Lingüística – As Pontes

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios