Noveno posto final con diferentes comezos para Cristina e Daniel Castro Barcala

61

Remataron no noveno posto final dos seus respectivos campionatos. Os dous arqueiros ponteses viaxaron ata a localidade navarra de Olite para desputar o VI Campionato de España de tiro en sala para as categorías cadete e menores de 14 anos. Con Daniel na primeira delas e Cristina na segunda ao ser infantil o Sílex dispoñía de dous deportistas que en Galicia están a un bo nivel e probaban neste caso a nivel nacional.
Comezou o sábado pola mañá Daniel tirando as 60 frechas da fase clasificatoria. Cunhas puntuacións discretas, algo por debaixo do que viña facendo nas últimas competicións en Galicia, pasou á fase eliminatoria no posto 18º de arco recurvo cadete home. A eliminatoria de dezaseisavos de final tamén se tirou o sábado, na mesma o arqueiro do Sílex tívose que enfrontar co 15º clasificado. Perdeu os dous
primeiros sets polo que o resultado de 0-4 parecía complicar o pase. Pero foi quen de remontar ata chegar a un empate a 5 puntos. Isto fai que todo se decida cunha soa frecha de desempate. Daniel soubo controlar mellor a situación e cun 9 fronte a un 8 do rival obtivo a praza en oitavos de final.
Na tarde era o turno dos menores de 14 anos, coa representación de Cristina Castro en arco recurvo muller. Tamén con dúas rondas de 30 frechas para facer a táboa de clasificación onde, con 539 puntos pasou na sexta posición. Tivo o pase directo, quedando para o domingo a súa primeira eliminatoria.
Na mañá do domingo Daniel víase as caras co segundo clasificado nas rondas do sábado. Foi quen de sumar 2 puntos fronte ao que sería ao final medalla de bronce do Campionato. Con isto o pontés queda nunha boa 9ª posición na primeira participación nun nacional. Quedaba por ver ata onde podía chegar Cristina, que partía nunha mellor posición que o seu irmán.
A eliminatoria foi moi desputada, chegando con 4 a 4 ao quinto set, onde á nosa arqueira fóiselle o pase a cuartos de final pola mínima. Rematou así na mesma posición que Daniel.
Estes resultados deixan ver que o traballo que se fai no clube é bo, e que seguindo así o tiro con arco nas Pontes pode ter un bo futuro con esta xente xove.
Castro-Barcala.jpg


Nova cortesía Clube Sílex

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios