Bronce no Trofeo Federación para Cristina Castro Barcala

72

Esta fin de semana houbo dúas sedes onde se disputaron probas de tiro con arco na comarca.En Santa Catalina (Ares) celebrouse o Trofeo Federación Galega de aire libre para as categorías esquío, benxamín, alevín e infantil. Nesta última no grupo de damas participou unha arqueira do Clube Sílex, Cristina Castro Barcala, que despois dunha primeira ronda pouco afortunada foi quen de manterse e lograr o bronce.
Por outra parte, nas instalacións do propio Sílex en As Pontes, abríase o campo para aqueles que quixeran tirar o X Trofeo Postal José Carlos Mallorquí. Unha tirada a nivel nacional que neste caso a FGTA dispuxo para que en Galicia se puidese disputar neste campo de tiro da comarca eumesa. Xuntáronse 33 arqueiros de diversos clubes de Galicia xa que esta tirada tamén era valedeira para conseguir as puntuacións mínimas para poder ir subvencionado ao Campionato de España de Aire Libre nas diferentes categorías.
Do clube anfitrión había seis participantes, comezando por Xaquín Mira que en arco composto home tivo unha boa mañá facendo 343 e 346 puntos sobre 360 en dúas rondas de 36 flechas a 50 metros. En arco recurvo participaban o resto de compoñentes do clube; e indo de maiores a menores, o veterán Adriano Romero tivo unha boa primeira ronda superando os 290 puntos, pero os erros na segunda o levaron a rematar con pouco máis de 540 puntos. En sénior home estaban no campo Miguel Alvariño (compoñente do equipo nacional de arco olímpico) e Carlos Romero. O primeiro estivo na súa mellor liña para apuntar uns magníficos 342 e 330 puntos. Pola súa banda Carlos mantívose regular e con 273 e 281 deu por boa esta primeira “competición” en aire libre. Quedan os dous arqueiros cadetes que o Sílex inscribíu, Borja Barro, que leva a tempada dunha forma máis relaxada rematou cunha puntuacion algo por enriba dos 400 puntos na dobre ronda a 60 metros. Mentres Daniel Castro fixo unha das súas mellores tiradas con 310 e 304 puntos, estando así á espera de confirmar se acada a mínima esixida pola FGTA para obter a subvención para asistir ao Campionato de España Cadete.
E como remate, engadir que será xa a próxima fin de semana cando Cristina Castro e Daniel Castro se desprazarán ata a localidade tarraconense de Cambrils para desputar, no caso dela o XXV Cto. de España de menores de 14 anos e no caso del o XIII Cto. de España Cadete de aire libre.


Nova cortesía de Club Sílex

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios