ASEMBLEA DE SOCIOS DO CLUB DEPORTIVO AS PONTES

73

Xaime Castro confirmou a súa candidatura á reelección á presidencia do Club
Xaime Castro Paz confirmou a presentación da súa candidatura á reelección por catro anos máis na presidencia do Club Deportivo As Pontes na asemblea de socios celebrada este domingo, 26 de maio, no LAR Endesa e que contou coa asistencia dunha trintena de asociados da entidade deportiva pontesa.
O presidente en funcións e candidato á reelección comezou facendo un balance tanto económico coma deportivo do Club, salientando no apartado primeiro a saúde económica do Club, xa que nestes momentos a entidade atópase totalmente saneada e coas contas ó día. Logo de realizar un informe das catro últimas tempadas, significou que nestes anos tivéronse que facer grandes esforzos para manter unha entidade saneada a pesar de ver reducidos os seus ingresos, tanto a nivel privado coma institucional.
CD-As-Pontes-2013.jpg


No aspecto deportivo fixo un amplo resumo do realizado polos distintos equipos da entidade nesta tempada que está a piques de rematar, comezando polo primeiro conxunto, do que destacou ese sexto posto na Terceira División, cousa impensable a principio de tempada, o que o converte no mellor equipo galego tralos grandes do fútbol deste país. Continuou polo segundo equipo, que acadou o subcampionato de liga na segunda autonómica e actualmente está competindo na fase de ascenso cun empate e unha vitoria nas dúas primeiras xornadas.
Cualificou de moi meritoria a campaña dos cadetes e os infantís, estes últimos co título de copa e o subcampionato de liga, para rematar cos conxuntos de fútbol-8, cuxo obxectivo, segundo Xaime Castro, é a formación e educación deportiva dos máis de cen nenos e nenas que conforman os planteis dos equipos alevín, benxamín, prebenxamín e biberóns. Aceptable a actuación do cadro xuvenil, que segue un ano máis na liga galega, para rematar cun certo desencanto no equipo feminino, polo que apostou moi forte hai catro anos, pero que tras un bo comezo de liga o equipo veuse abaixo conforme ía pasando o campionato, debido principalmente á ausencia, por diversos motivos, de xogadoras significativas do equipo.
A preguntas dos socios asistentes, Xaime Castro sinalou que se van a realizar reformas nos diversos terreos de xogo do campo do Poboado, unhas instalacións noutros tempos modélicas pero que co paso do tempo hoxe atópanse obsoletas. Tamén salientou que se van axilizar as xestións para que se poida construír un campo de herba artificial, feito do que se leva loitando uns catro anos e que pode ser unha realidade dentro dun ano. A creación dunha nova páxina web e algunhas reformas puntuais nas instalacións do Club, como vestiarios e oficinas, son outros dos obxectivos marcados para as vindeiras datas.
Finalmente e, dado que a actual directiva remata neste mes o seu período de catro anos e conforme ós Estatutos do Club, procedeuse á convocatoria de eleccións, que, de non haber outras candidaturas, o vindeiro 10 de xuño, confirmarán a Xaime Castro como presidente do Club por outros catro anos máis, non tendo que ir ás eleccións previstas para o venres 21 de xuño, conforme á normativa federativa.
Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios